Que son os Tesouros Humanos Vivos?

A pesar da fronteira política que durante séculos separou ao Val do Miño en dous estados, a poboación deste territorio galego portugués seguiu compartindo unha cultura común que se transmitiu de forma oral, xeración tras xeración ata os nosos días, e que constitúe parte da identidade propia deste territorio.

 

Algúns destes coñecementos e sabedorías atópanse a día de hoxe en perigo de desaparecer e seguen vivos unicamente a través de persoas, normalmente de avanzada idade, que son capaces de recordalos e recrealos e por esta razón supoñen un referente para a comunidade, os chamados ‘Tesouros Humanos Vivos’.

 

A orixe do concepto Tesouro Humano Vivo remóntase ao 1950. O goberno de Xapón, consciente das transformacións que estaba a sufrir a súa milenaria civilización e a importancia de preservar a súa vasta cultura inmaterial, comeza a designar como Tesouros Humanos Vivos a aquelas persoas que encarnaban os valores culturais intanxibles do país. Outros estados seguiron o exemplo nipón pondo en marcha os seus propios programas oficiais de recoñecementos dos valores inmateriais, como Francia, Filipinas, Romanía, Corea do Sur ou Tailandia.

 

En 1993 a Unesco da un paso determinante ao establecer un programa específico denominado, ‘Tesouros Humanos Vivos’, e animar a todos os estados membros da organización internacional a seguir estes exemplos.

 

Segundo a definición da Unesco, un Tesouro Humano Vivo é unha persoa que posúe un alto grao de coñecemento e as habilidades requiridas para actuar ou recrear elementos concretos do patrimonio cultural inmaterial. Tamén son coñecidos como Tesouros Nacionais Vivos, Maîtres D’art ou Depositarios da Tradición de Artes e Oficios Populares.

Os nosos Tesouros

Clementina Ozores

Clementina Ozores, veciña de Tomiño e un dos nosos Tesouros Humanos Vivos, asegura que sempre falou goianés. Aínda o fala cos poucos veciños e veciñas que coma ela o coñecen.

María do Amparo

María do Amparo naceu en Melgaço no ano 1945 e emigrou a Francia, onde permaneceu cincuenta anos ata a súa xubilación. Os seus xogos favoritos eran a mariola e o xogo do pano.

Rosario Rocha

Rosario mantén viva a utilización do goianés, empregándoo cando está na compaña de persoas que aínda o saben falar e que cada vez van sendo menos.

María de Lourdes

María de Lourdes naceu en Melgaço no ano 1951 e destaca, de entre os seus xogos favoritos, as bilhas.

Isalina Fernandes

Isalina Fernandes fala en castrejo, un arcaísmo propio de Castro Laboreiro que ten sonoridade galega. As engurras do rostro e a súa mirada cansa presaxian o que ela mesma vai repetir en varias ocasións, que a súa foi unha vida dura.

Manuel Araujo

Manuel Araujo naceu en Vilanova de Cerveira no ano 1950 e emigrou para traballar en Francia durante moitos anos.

Leonor Rodrigues

Leonor Rodrigues naceu na freguesía melgaçense de Castro Laboreiro no ano 1965, no seo dunha familia que sempre viviu na serra, agora é unha das poucas, practicamente a única, que aínda vive alí…

Joaquim Vasques

Joaquim naceu en São Paulo no ano 1919, debido a que o seu pai emigrara a Brasil con anterioridade. De volta a Portugal, cando faleceu o seu proxenitor, aprendeu de xeito autodidacta a tocar a concertina, escoitando a música dunha gramola.

María Conceiçao

Neste colectivo participa María Conceiçao Gonçalves, nacida en Melgaço en 1949. De nai peixeira e pai zapateiro, tivo que emigrar aos 20 anos para Francia, onde permaneceu ata a súa xubilación

Camilo Romero

Camilo Romero naceu en Tomiño no ano 1935. Desde neno empezou a traballar na agricultura co seu pai e, posteriormente, compatibilizou varios traballos como empregado coa súa afección musical.

Jose Pereira

Jose Pereira naceu en Melgaço no ano 1944, nunha familia labrega. Aos doce anos marchou a traballar a Lisboa e aos vinte emigrou a Francia.

Gloria de Jesus

Gloria naceu en Parada de Monte, unha poboación de montaña do concello de Melgaço, no ano 1947. O seu pai era emigrante e a súa nai rexentaba unha escola.

Humberto Fernandes

Humberto Fernandes naceu en Melgaço en 1952 e comezou a traballar desde os catorce anos.

Divina Iglesias

Divina naceu nas Neves no ano 1949. A súa familia materna era propietaria do restaurante da estación do tren desde 1911 e alí aprendeu a cociñar as especies de peixes que se capturaban no río Miño.

José Manuel Camiña

José Manuel naceu nas Neves no ano 1949. A súa familia era propietaria de pesqueiras na beira do río e aprendeu co seu pai e o seu avó os saberes asociados á pesca dende esas construcións.

José Ramón Rocha

José Ramón naceu nas Neves no ano 1945. Comezou a ir ao río dende neno, acompañado polo seu pai, que o iniciou no mundo da pesca e lle ensinou os seus segredos.