O proxecto

A acción Tesouros Humanos Vivos está impulsada a través do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, no que traballan conxuntamente a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A través desta iniciativa quérese recuperar a memoria cultural galego-portuguesa miñota, pór en valor este importantísimo patrimonio inmaterial, pero tamén garantir a súa transmisión ás novas xeracións, evitando que estes coñecementos desaparezan.

 

Colaboración

 

O estudo realízase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, unha das 176 entidades acreditadas como consultora en todo o mundo, a única en Galiza, pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), con máis de 20 anos de experiencia no estudo do patrimonio inmaterial transfronteirizo.

 

Baixo esta filosofía, e seguindo a metodoloxía da Unesco, a organización pedagóxica Ponte… nas Ondas! comeza a traballar na documentación da cultura inmaterial do río Miño Transfronteirizo, un territorio que non se subscribe a un estado, senón a dous, pero que mantén unha identidade propia e común, por riba das delimitacións políticas establecidas.

 

Identificación e recoñecemento

 

O traballo de identificación e recoñecemento dos Tesouros Humanos Vivos é un proceso íntimo, onde as xanelas da memoria son capaces de trasladarnos a outros tempos, a lembranzas da infancia, a bos e malos recordos. Ás veces, o estudo chega ata a esfera interior das mulleres e homes aos que se vai entrevistando, que, intentando recuperar aqueles vellos coñecementos dos que nos van falar, traen ao presente todo tipo de vivencias e emocións.

 

Unha vez rematada a fase de documentación e clasificación dos contidos, o obxectivo é a súa transmisión á poboación en xeral e ás novas xeracións en particular. Para iso, o proxecto Smart Minho contempla a organización de actividades escolares no territorio galego e portugués do río Miño transfronteirizo, nos que se achegue ás crianzas, dun xeito lúdico, toda esta valiosa información. Tamén haberá unha exposición conxunta coa CIM Alto Minho sobre Tesouros Humanos Vivos e As Pesqueiras, a edición dun libro infantil divulgativo e un acto homenaxe.

 

Sen dúbida, o futuro da nosa sociedade dependerá en gran parte de ser capaces de preservar os tesouros culturais que herdamos daqueles e aquelas que nos antecederon. Podemos afondar no patrimonio cultural, sexa material, natural ou intanxible de moitos xeitos, a través de textos, fotografías, visitándoo en museos, máis a mellor e máis valiosa aproximación posible é a de convivir convivir directamente con quen custodia estes coñecementos quen custodia estes coñecementos.