Camilo Romero Alonso

 

Cantiga, festa e romaría

 

Camilo Romero naceu en Tomiño no ano 1935. Desde neno empezou a traballar na agricultura co seu pai e, posteriormente, compatibilizou varios traballos como empregado coa súa afección musical.

 

Camilo mantivo a antiga tradición das treboadas nun tempo no que emorecía. Aprendeu a técnica dos toques dun tío e dos seus compañeiros. Anos despois, cando estaban a piques de desaparecer, decidiu retomar a tradición e creou o seu primeiro grupo de treboada, a Treboada Baixo Miño. Estaba integrada por dous bombos, dúas caixas e dúas gaitas. Co tempo, necesitou incrementar o número de músicos ante as demandas de diversas entidades e asociacións que reclamaban agrupacións musicais máis grandes.

 

Actualmente a tradición das treboadas atópase plenamente recuperada e moitos mozos incorporáronse a estas agrupacións. Dous netos de Camilo, baixo as súas ensinanzas, dirixen unha das treboadas máis florecentes de Tomiño.