Encontro ibérico AECTS

O AECT Río Minho participa no primeiro Encontro ibérico de Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza, que se celebra en Vigo

image_pdfimage_print

A ‘Estratexia 2030’ e a creación da marca ‘Río Miño’ foron as dúas iniciativas máis destacadas polo director do AECT de entre as que está a desenvolver o agrupamento

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, asistiu onte ao “I Encontro de AECT España-Portugal”, que se está a celebrar estes días en Vigo. Durante esta primeira xornada, Benítez tivo a oportunidade de presentar as principais liñas de actuación que se están a desenvolver dende o AECT Rio Minho, entre as que quixo destacar unha das iniciativas máis ambiciosas e innovadoras, a elaboración da Estratexia 2030, un plan de traballo en materia de cooperación transfronteiriza para todo o territorio do Río Miño galego portugués, xestada ao longo dos últimos dous anos e que contou coa participación tanto de expertos e expertas en diferentes áreas, como institucional e da cidadanía.  

Outro dos fitos do agrupamento europeo destacados por Benítez foi a creación de ‘Río Miño’, unha marca de identificación para todo o territorio miñoto que viu a luz o pasado mes de abril, a través da que se quere promocionar e dar a coñecer o patrimonio cultural, natural, a gastronomía e riquezas do territorio galego-portugués ribeirán do río Miño baixo o lema: “Dous países, un destino, grandes experiencias”.

O encontro, organizado polo AECT Galicia Norte de Portugal e que reuniu en Vigo a todos Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza da península ibérica, remata hoxe cunha segunda xornada dirixida á analizar futuras posibles sinerxías e oportunidades de cooperación.

O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 4 de abril de 2018 e está formado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socio. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.