Rede Natura 2000 do rio Miño

O AECT Rio Minho busca unificar os criterios da Xunta e o goberno portugués para actuar no espazo ‘Rede Natura 2000′ do río Miño

image_pdfimage_print

Unificar criterios para a Rede Natura 2000 do rio Miño

Por que na beira portuguesa do río Miño as ecopistas están feitas de formigón e no lado galego só poden ser de xabre? Por que nunha beira hai control de aves protexidas ou de especies invasoras e na outra non? Por que un lado pode tomar auga do río para as explotacións agrícolas e o outro non? Por que nun lado se permiten recheos e no outro non? Por que dun lado se permiten actividades culturais e no outro non?

Todas estas cuestións son as que o AECT Rio Minho quere abordar coa Xunta de Galicia e os gobernos español e portugués co fin de unificar os criterios de actuación e protección do río Miño nun Plan de Xestión Transfronteirizo (PXT) común e coordinado. Para acadar este obxectivo, o AECT acaba de ver aprobada unha nova candidatura ao programa B-Solutions da Comisión Europea que permitirá que expertos asesores e consultores da UE poñan a falar ás administracións e resolvan os problemas xurídicos que na práctica fan que o río Miño sexa tratado de dous xeitos diferentes no lado galego e no portugués.

Uxío Benítez urxe implantar un Plan de Xestión Transfronteirizo para a Rede Natura 2000 do rio Miño que remate coas diferentes interpretacións da normativa europea

Segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, Uxío Benítez, o río Miño é un espazo de protección ecolóxica de ámbito europeo grazas á Rede Natura 2000 do rio Miño que se rexe por unha normativa europea única para todos os países membros. Sen embargo, no caso do Miño son varias as administracións (galega, española e portuguesa) que deben interpretar esa lexislación europea de protección o que, na práctica, deriva en criterios diferentes que xeran disfuncións por autorizacións máis ou menos permisivas segundo o caso.

“Non se entende a diferenza de criterios de protección entre una e outra beira do río para a Rede Natura 2000 do rio Miño, pero isto si ocorre. Desde o AECT queremos unha xestión xusta e coordenada do espazo fluvial natural transfronterizo, onde as barreiras políticas e administrativas nunca estean por riba do sentido común”, subliña Benítez.

O deputado lembra que calquera actuación dunhamarxe repercute na outra e que a disparidade actual de criterios está a crear problemas ambientais e socioeconómicos co río de fondo. “Temos un espazo de grande valor identitario, cunha protección máxima polasúasingularidade en canto á paisaxe, á flora e á fauna, que podemos desenvolver co ecoturismo. O río é estratéxico para o desenvolvemento de toda a área transfronteiriza e hai que coidalo con criterios coordinados”, insiste o nacionalista.

Axentes políticos, económicos e sociais

Con ese obxectivo, o AECT acaba de ver aprobado o proxecto ‘Minho River Nature 2000–  Boosting Cross–Border Multi-level Governance- Natureza do río Minho 2000– Impulso da gobernanza multinivel transfronteiriza’, que se presentou hai meses como candidatura do AECT Rio Miño ao programa B-Solutions da Comisión Europea.

Coa aprobación deste proxecto a Comisión Europea (DG Regio) porá a disposición do AECT do Rio Miño unha persoa experta para asesorar na formulación de propostas ás administracións galegas, españolas e portuguesas competentes e concorrentes no territorio do val transfronteirizo do río Miño co fin de superar os obstáculos que actualmente impiden a planificación conxunta.

O Plan de Xestión Transfronteiriza do Río Miño-Rede Natura deberá acadar obxectivos a curto, medio e longo prazo, contando coa participación de entidades portuguesas e galegas, desde a administración e o mundo académico ata particulares e organizacións de toma de decisións, en forma de proxectos conxuntos que fomenten a conservación dos valores á vez que catalizan a súa valorización social e económica.

A Comisión Europea vén de aprobar un proxecto para que expertos da UE realicen funcións de asesoramento e mediación

Destexeito, márcase como tarefas a curto prazo a constitución dun grupo de traballo responsable da preparación do PXT e a coordinación xeral de accións e proxectos específicos; o desenvolvemento e implementación de plans de acción transfronteirizos para hábitats e especies máis vulnerables ás presións ambientaisa ctuais, emerxentes ou futuras; o desenvolvemento de cartografía detallada e harmonizada de valores e unidades xestión en toda a área Natura 2000; e a adopción de obxectivos comúns de xestión, a identificación de conflitos e harmonización da normativa, principalmente.

Neste contexto, o marco institucional para apoiar a implementación do plan de xestióntrans fronteirizo da Rede Natura 2000 poderá implicar non só a entidades asociadas á administración pública central, nacional e local de Portugal e España (Instituto Conservação da Natureza e Floestas – ICNF -; Axencia Portuguesa de Medio Ambiente – APA; Confederación Hidrográfica do Miño-SIL – CHMS-; Xunta Galicia), senón tamén ao ámbito académico, organizacións non gobernamentais para o medio ambiente (ONG), o tecido empresarial local, asociacións e cooperativas de desenvolvemento local e todas as persoas cuxo interese e habilidades poden contribuír activamente á sustentabilidade do sistema.

Tamén será importante asociar esta iniciativa coa estratexia rexional da paisaxe de Galicia e a súa relación coa estratexia da paisaxe de Portugal, cuxo alcance e visión de mellora da paisaxe son moi diferentes, dando lugar a oportunidades de replicar a estratexia galega no lado do val do Miño portugués.