A Deputación e o AECT Rio Minho encargan un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico do peche das fronteiras no río Miño a causa do Covid-19

O AECT advirte de que “o efecto da pandemia nas fronteiras é dobre” e reclama “unha especil atención por parte das autoridades europeas cara estes territorios”

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Rio Minho, realizará un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico que o peche de fronteiras provocado pola pandemia do Covid-19 está a ter sobre o territorio transfronteirizo do río Miño.

O director do AECT e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, explicou que o territorio do río Miño transfronteirizo vese afectado á súa vez polo decreto de estado de alarma español e o estado de emergência portugués. A recuperación das fronteiras, xusto cando se está a producir o 25 aniversario do Tratado de Schengen, e a supresión do tránsito en lugares de paso, “supoñen unha limitación adicional ao do resto de territorios”, indicou o deputado provincial. “O efecto da pandemia na fronteira é dobre, incide sobre a saúde e a economía local, como en todas partes, pero ademais afecta aos fluxos transfronteirizos nun territorio fortemente interrelacionado”.

“Atopámonos nunha etapa na que se están a construír Eurocidades, servizos
públicos e organismos compartidos, e sobre todo na que a vida cotiá das
persoas, das familias e das empresas desenvólvese nas dúas beiras do río, de
xeito que as limitacións teñen aquí un impacto diferente e máis profundo ao que
é necesario atender”, advertiu o director do AECT Rio Minho.

Por outro lado, Uxío Benítez dirixiuse ás autoridades europeas para reclamar
“unha especial atención e medidas concretas para os territorios
transfronteirizos que son os que máis están acusando esta crise”.

O estudo realizarase a través de entrevistas, telefónicas ou por
videoconferencia, con representantes políticos e sociais de todos os concellos
do Miño de ambas beiras e un seguimento dos medios de comunicación e das redes
sociais. “Este informe permitiranos dimensionar nun primeiro achegamento o
impacto territorial e tomar decisións de modo inmediato con independencia da
necesidade de maiores e máis amplios estudos posteriores”, aclarou Benítez.




Galiza e Portugal, hoxe máis que nunca, unidos de corazón no 25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas

O AECT Rio Minho destaca a relevancia dos territorios transfronteirizos ante a situación desencadenada pola pandemia do COVID19 e comprométese fortalecer a cooperación no territorio do Río Miño

En marzo de 1995 entraba en vigor o Tratado de Schengen, e nacía unha Europa sen fronteiras onde a libre circulación de persoas e mercadorías quedaba permitida. Precisamente cando se conmemoran 25 anos daquel feito histórico, co aniversario da eliminación das fronteiras europeas, vemos como a terrible expansión da pandemia do COVID19 obrigou aos diferentes estados da Unión Europea a tomar unha decisión sen precedentes, reconstruír as vellas fronteiras que dividiron os seus pobos durante séculos.

A situación excepcional na que nos atopamos pon de manifesto a importancia e a interrelación dos territorios transfronterizos como é o caso do Río Miño, o paso fronteirizo máis poboado entre España e Portugal e o máis transitado da península Ibérica, así como as enormes consecuencias que supón para estes enclaves a recuperación das vellas fronteiras.

Tralo aniversario da eliminación das fronteiras europeas, Galiza e Portugal máis unidos ca nunca

Ademais do
confinamento que vive toda a poboación, tanto galega como portuguesa, o territorio
transfronteirizo do Río Miño está a sufrir un dobre golpe. Pechar as fronteiras
é unha decisión que se toma dende os gobernos centrais de cada un dos estados,
moitas veces ignorando a realidade e o día a día dos territorios
transfronteirizos, onde a vida se desenvolve en común entre unha beira e outra
do río, nomeadamente as restricións impostas aos traballadores e traballadoras
transfronteirizos. Con todo,
e no contexto actual, esta decisión revélase necesaria e oportuna en prol da
seguridade e da saúde pública da poboación.

Este é un momento para a solidariedade e a cooperación entre Estados pero tamén para a responsabilidade cidadá. É necesario que polo ben de todos e todas fiquemos nas nosas casas ata que o perigo do contaxio estea superado. Hoxe, máis que nunca, Galiza e Portugal están unidos de corazón para facer fronte a adversidade. Dende o AECT Rio Minho seguiremos traballando por mellorar a calidade de vida das persoas que viven no territorio transfronteirizo e loitando por unha Europa dos pobos, sen fronteiras, unida e forte, onde as políticas de cooperación, saúde e benestar sexan sempre unha prioridade.

Uxío Benítez
Fernández

 
  João Fernando
Brito Nogueira
Director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza     Vice director do AECT Rio Minho e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira




Comunicado dos equipos de xestión dos proxectos de cooperación europea do Rio Minho ante a pandemia do COVID19

Ante a excepcional situación na que nos atopamos provocada pola pandemia do Covid19, a equipa de xestión dos proxectos de cooperación europea Visit Rio Minho e Smart Minho, dos que son socias diferentes administracións públicas de Galiza e Portugal*, e o AECT Rio Minho, ente público de cooperación territorial europea da que forman parte a Deputación de Pontevedra e o CIM Alto Minho, queremos facer un chamamento conxunto á solidariedade e á responsabilidade nestes momentos tan difíciles para a poboación de ambas marxes do río Miño e a manter o confinamento ata que o perigo de contaxio estea superado.

Aínda que separados
fisicamente por unha fronteira que reaparece despois de 25 anos, agora máis que
nunca, estamos unidos de corazón e sentimos que somos un mesmo pobo ante a
adversidade.

Durante as
vindeiras semanas seguiremos traballando de xeito telemático e estaremos á vosa
disposición a través das canles habituais: os nosos correos electrónicos riominho.interreg@depo.es e geral@aectriominho.eu; o teléfono da
oficina 886 210 280, páxinas web de smartminho.eu e visitriominho.eu e nas
nosas redes sociais.

Un saúdo e forza
nestes momentos difíciles pero que superaremos xuntos e xuntas.

Durante a pandemia do Covid19, #Quedanacasa #Fiqueemcasa

*Smart Minho: Deputación de Pontevedra, CIM Alto Minho, AECT Rio Minho e Centro de Estudos Euro Rexionais. Visit Rio Minho: CIM Alto Minho, Deputación de Pontevedra, AECT Rio Minho e Centro de Estudos Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal, Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Universidade de Vigo, Municipios de Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira.




O AECT Río Minho aproba o plano de actividades e orzamento para 2020

A asemblea xeral da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Río Miño, vén de aprobar o plano de actividades e orzamento para 2020, cun investimento global de cerca de 300.000 euros cofinanciado en parte polo Programa Interreg V A.

No 2020, o AECT Río Miño reforzará a creación de redes de dinámicas locais de cooperación transfronteiriza das eurocidades do río Miño a través do lanzamento do proxecto ‘Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do Río Miño Transfronteirizo-Red LaB Minho’, así como o desenvolvemento da ‘Estratexia de cooperación intelixente para o Rio Miño Transfronterizo – Smart Minho’, ambos cofinanciados polo Programa Interreg V A.

Destacan, neste último, o desenvolvemento de proxectos piloto de mobilidade sustentable, no ámbito do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza; as accións de promoción do patrimonio cultural inmaterial transfronteirizo e a dinamización de fórums culturais, co obxectivo de reforzar a cohesión dos axentes culturais locais transfronteirizos, con vistas a crear alianzas para a posta en marcha de proxectos culturais en rede.

Como acto previo ao inicio da asemblea produciuse a toma de posesión dos novos e novas representantes da delegación da Deputación Provincial, composta polos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Ponteareas, O Porriño e A Cañiza. A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, será a nova secretaria da mesa da asemblea. Posteriormente, o director do AECT Río Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benitez, realizou a exposición do plano de actividades e o orzamento para o 2020.

As alcaldesas e alcaldes de Tomiño, O Rosal, Salceda, Arbo, As Neves, Salvaterra de Miño, A Guarda, Ponteareas, O Porriño e A Cañiza tomaron posesión como novas representantes delegadas da Deputación de Pontevedra na asemblea celebrada esta semana

A identificación de obstáculos para a mobilidade transfronteiriza no territorio do río Miño e o deseño de propostas de solucións tamén serán prioridades a ter en conta neste exercicio buscando, por un lado, capitalizar os proxectos levados a cabo por Uniminho (saúde, transportes e medio ambiente) e, por outra banda, continuar participando na iniciativa B-Solutions – Boosting Growth and Cohesion in EU Border Regions, promovida pola Comisión Europea e pola Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa.

Tamén, no ámbito do proxecto Preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo – Visit Rio Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V A, poranse en funcionamento accións relacionadas coa estruturación e a promoción da marca Rio Minho, mediante a participación en feiras e a organización de viaxes de prensa ao territorio transfronteirizo.

Durante a reunión, a asemblea xeral do AECT Río Miño tamén aprobou a presentación das candidaturas para que ‘As artes de pesca nas pesqueiras do río Miño’ (continuando co traballo iniciado polo CIM Alto Minho, tamén no ámbito do proxecto Smart Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V A), se rexistren no Inventario Nacional do Patrimonio Cultural Inmaterial en Portugal e nas listaxes estatais de Patrimonio Cultural en España.

O AECT Río Miño é un instrumento de cooperación con personalidade xurídica propia constituído en febreiro de 2018 pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e pola Deputación Provincial de Pontevedra, con vistas a promover a cooperación territorial transfronteiriza.




O AECT Rio Minho estudará os problemas de mobilidade transfronteiriza grazas á aprobación dun novo proxecto europeo

O financiamento chega a través da iniciativa B- Solutions de proxectos piloto nas fronteiras da UE.

 

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto no marco da iniciativa B-Solutions, promovida pola Asociación das Rexións Fronteirizas Europeas (AEBR) baixo a supervisión da DG Regio.

B-Solutions é unha convocatoria para o financiamento de 20 micro proxectos piloto destinados a solventar as barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas, como é o caso do AECT Rio Minho.

O proxecto  promovido polo AECT Rio Minho, Boosting Minho River Cross-Border Mobility, ten por obxectivo o estudo dos problemas de mobilidade transfronteiriza no ámbito do Río Miño, para o que recibíu un financiamento de 25.000 €  destinados a asesoramento.

Con este financiamento, o AECT Rio Minho poderá dispor dun experto xurídico con coñecemento en instancias transfronteirizas que colabore na estruturación, definición e identificación dos obstáculos para a mobilidade transfronteiriza no territorio do Rio Miño, así como na elaboración dunha proposta de solucións para propoñer ás diferentes Administracións e un marco legal desde o que proceder para acometelas. O período de execución do proxecto é de 4 meses.

Segundo explicou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, “a virtualidade e  importancia da aprobación desta candidatura non é tanto o seu monto económico senón o reducido número de propostas  que se admiten dando visibilidade ao AECT en Bruxelas”, diante dos órganos comunitarios e permitíndolle “participar en foros internacionais de debate e construíndo relacións institucionais que abren portas cara a outras subvencións”.

Smart Minho e Visit Rio Minho

 

Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho;  desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.




Aprobado financiamento europeo para un novo proxecto impulsado polo AECT Rio Minho: Rede Lab Minho

No marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)  INTERREG VA

 O obxectivo de Rede Lab Minho  é a formación dun Laboratorio de políticas públicas transfronteirizas de carácter local.

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto na segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020  INTERREG V A: Rede Lab Minho.

Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Minho – Rede Lab Minho é a denominación do proxecto, que se enmarca no eixo 4 do  Interreg de mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública a través da cooperación transfronteiriza e no obxectivo temático 11 de mellora da capacidade institucional das autoridades públicas e as partes interesadas e a eficiencia da administración pública, que supón un investimento de 345.396 euros, do cal un 75 por cento está cofinanciado por fondos FEDER.

O obxectivo de Rede Lab Minho é  a constitución e dinamización dunha Rede de cooperación e observación das dinámicas locais transfronteirizas, o apoio a experiencias de cooperación locais entre as diferentes eurocidades do Miño (Tui-Valença, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao) así como entre outras vilas parellas transfronteirizas como A Guarda-Caminha, Arbo-Crecente-Melgaço ou As Neves-Monçao que, aínda que non están constituídas como eurocidades, manteñen relacións de cooperación grazas aos proxectos Smart Minho e Visit Rio Minho, nos que participan o AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, explicou que este novo proxecto “vai contribuír ao fortalecemento da cooperación a nivel local entre os concellos galegos e portugueses ribeiros do río Miño, mediante a creación dunha rede cooperativa tanto institucional como social, a nivel local transfronteirizo”.

Rede Lab Minho persegue acadar como resultados, no período de execución do proxecto previsto entre abril de 2019 e decembro de 2021, a creación dunha rede de gobernanza transfronteiriza co obxecto de pór en funcionamento políticas públicas de benestar da cidadanía; a capacitación, información e sensibilización das estruturas locais de cooperación transfronteiriza (bilaterais) para acadar un maior grao de cooperación territorial;  aproximar institucionalmente os modelos de gobernanza dos bens públicos á cidadanía para chegar á integración conxunta de actividades e iniciativas; e tamén a consolidación do AECT Rio Minho en termos de capacidade de cumprir os seus obxectivos fundacionais e de creación de novas sinerxías transfronteirizas.

 

Smart Minho e Visit Rio Minho

Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho;  desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.