A AECT Río Miño opta ao INTERREG VA

A AECT Río Miño presenta dúas candidaturas a 2ª convocatoria do INTERREG VA, por un valor global de 3,5 millóns

image_pdfimage_print

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, deu a coñecer estes proxectos ante a Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea

Rede Lab Miño e Visit Rio Minho Plus permitirán completar as accións postas en marcha durante a primeira fase do Interreg 2014 -2020

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, reuniuse hoxe en Madrid coa subdirectora xeral de Cooperación Territorial Europea da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios, María del Carmen Hernández Martín, para presentarlle os novos proxectos presentados á 2º convocatoria do Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”: Rede Lab Miño e Visit Rio Minho Plus. Benítez estivo acompañado polo vice director do agrupamento, o portugués Fernando Brito Nogueira, e polo secretariado técnico da entidade.

Segundo informou Uxío Benítez, o orzamento global total de Rede Lab Miño e Visit Rio Miño Plus, ascende a preto de 3,5 millóns, que se destinarán a dar continuidade aos proxectos Smart Minho e Visit Rio Minho, que xa se desenvolven na actualidade, e que foron aprobados na primeira candidatura destes fondos europeos. Xunto coa AECT Río Miño, integrada pola Deputación de Pontevedra e o CIM Alto Minho, participan nestes proxectos a Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e varias cámaras municipais portuguesas.

Á espera da resolución destas dúas candidaturas, Benítez fixo fincapé sobre un dos maiores desafíos aos que se enfronta a cooperación transfronteiriza, que é “a falta de fondos europeos, xa que os programas para España – Portugal reduciron a súas inversións nas rexións fronteirizas, orientando cada vez máis o seu apoio a territorios afastados das áreas limítrofes o que desvirtúa por completo o sentido destas axudas”, unha reclamación na que se leva insistindo dende a Deputación de Pontevedra en reiteradas ocasións.

Proxectos en execución

Dende o pasado mes de novembro, a AECT Río Miño é socia do proxecto de mellora da eficacia da cooperación institucional, Smart Minho, dende o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos da entidade é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca “Río Miño”, que permita dar a coñecer, tanto o territorio, como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Miño, que tamén contempla a creación dun anel verde de sendeiros transfronteirizos, un gran atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho tamén son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.