1

O AECT Rio Minho participa este sábado na presentación da Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo España-Portugal

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho estará hoxe sábado presente na presentación da Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo España-Portugal que se realizará en Guarda (Portugal). O documento, que será aprobado no XXXI Cumio Ibérico bilateral entre os gobernos español e portugués e servirá de orientación  para os novos fondos de Cooperación Transfronteiriza, será fundamental para a concreción de medidas de desenvolvemento do territorio do Miño, polo que as expectativas, en palabras do responsable do AECT e deputado Uxío Benítez, é que sexa “un verdadeiro punto de inflexión” para mellorar a fronteira.

Benítez amosou a súa confianza en que “haxa un plan real e efectivo para territorios transfronteirizos” e que, ao remate do Cumio Ibérico, “comecen a crearse os mecanismos legais e técnicos para a súa implementación”. Subliñou, de feito, que os cumios non deben ser simples etapas expositivas de problemas xerais en Portugal e España, senón puntos de encontro para “a toma de decisións cunha intervención perspicaz na realidade dos territorios, en particular os da fronteira”.

O documento, que servirá de orientación para os novos fondos europeos aos que optará o territorio do Miño, aprobarase hoxe no XXXI Cumio Ibérico

Segundo destacou o deputado nacionalista na presentación da Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo, os gobernos de Portugal e España teñen que mirar a realidade transfronteiriza dun xeito integrado, próximo e verdadeiro, xa que a auténtica dinámica entre os pobos veciños de Portugal e España “síntese e vívese todos os días nos territorios fronteirizos, e non é en Lisboa nin en Madrid”.

A AECT Rio Minho, lembrou o deputado, realizou a súa parte de traballo que pasou pola identificación de bloqueos burocráticos e necesidades diarias, procedendo á súa recompilación nun Plan Estratéxico ben estruturado. “Agora necesitamos decisións”, subliñou.

Neste sentido, Benítez lembrou que o AECT Rio Minho lanzou a idea de poñer en funcionamento unha ‘Tarxeta Cidadá Transfronteiriza’ que serviría de base para o desenvolvemento dun programa piloto para simplificar a vida das persoas na fronteira, en particular para as persoas traballadoras transfronteirizas. Hai que lembrar que durante o estado de alarma, dende o 17 de marzo, estas viron como se pechaban as fronteiras e se dificultaba o paso dun a outro lado da ‘raia’ por un único paso, o de Tui, obrigando a dar rodeos de centos de quilómetros.

Entre as reclamacións miñotas: o reforzo do financiamento, a creación da tarxeta cidadá transfronteiriza, unha ITI para xestionar fondos e o Plan de Mobilidade Sustentable

Outro dos fitos do AECT é a aprobación dunha ITI (Intervención Territorial Integrada) cunha dimensión transfronteiriza, que permita coordinar os fondos de diferentes administracións no territorio do Miño para desenvolver de maneira máis efectiva a o Plan Estratéxico para a zona. Tamén lembrou  o Plan de Mobilidade Sustentable da fronteira do Río Miño, enfocado a flexibilizar as viaxes entre as eurocidades deste territorio, unha acción piloto que posteriormente podería replicarse noutros lugares.

“Estas son algunhas das accións que se poden e deben levar a cabo, xa que teñen un impacto directo e positivo na vida diaria das poboacións da raia. E logo, por suposto, non debemos esquecer a necesidade de reforzar o financiamento destas fronteiras onde, desde hai máis dunha década, os gobernos de Portugal e España non realizan investimentos estruturais”, destacou o deputado.

Lembrou que hai fondos europeos dedicados á cooperación transfronteiriza que a miúdo non chegan aos beneficiarios reais. “Estes concellos transfronteirizos que traballan xuntos a diario deben ser tidos en conta e ser un exemplo a seguir polos dous gobernos”, finalizou.




A oficina Europa Creativa-Cultura insta ás entidades do territorio do Miño a madurar proxectos culturais para acadar fondos europeos para iniciativas culturais no 2021

O territorio do Miño ten posibilidades de conseguir fondos europeos para iniciativas culturais ademais dos que poderán chegar polos programas de cooperación do Interreg ou do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19. Así o indicou hoxe o asesor técnico e coordinador da oficina Europa Creativa-Cultura e Punto de Cidadanía Europea dependente do Ministerio de Cultura e Deportes, Augusto Paramio, quen  instou ás entidades do Miño, xa ben sexan organizacións públicas, privadas, con ou sen ánimo de lucro, a que desenvolvan de maneira inmediata proxectos culturais para captar fondos das convocatorias europeas que se abrirán na primavera de 2021.

Paramio realizou estas declaracións no marco da súa participación no ‘I Foro de Cultura Transfronteiriza. Culturminho‘ impulsado pola Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho baixo a tutela do deputado Uxío Benítez. Este foro foi escenario de debate dende o pasado martes sobre a necesidade de crear unha axenda cultural tranfronteiriza conxunta no territorio do Miño entre os concellos galegos e as cámaras portuguesas.

O coordinador Augusto Paramio participou na sesión de peche do Culturminho explicando as axudas que se abrirán na primavera.

Segundo explicou o asesor europeo, “as entidades teñen que xerar proxectos, perder o medo aos papeis e á burocracia europea e presentar proxectos que saian do ámbito rexional ou estatal. Hai que quentar motores para o novo período 21-27 , para que no momento que se dea luz verde  ao novo marco financiero -posiblemente a finais deste ano-, cando as primeiras convocatorias empecen a publicarse na primavera do 2021, xa teñan o traballo avanzado”.

Indicou, así mesmo, que os próximos programas tanto de ‘Europa Creativa-Cultura‘ como ‘Europa cos cidadáns‘ serán moi continuístas con respecto aos anteriores á hora de establecer as súas prioridades de selección, tendo como fitos a mobilidade transnacional, o desenvolvemento de audiencias, ou a capacitación (nos ámbitos da dixitalización, formación ou os novos modelos de negocio), ademais puntuar especificamente as iniciativas de integración social de migrantes e refuxiados ou o patrimonio cultural. Subliñou que as axudas aos proxectos poderán ir dos 10.000 aos dous millóns de euros.

A oficina Europa Creativa-Cultura, engadiu o técnico, poderá asesorar, informar e dar asistencia técnica gratuíta a todos os socios que teñan interese.

Balance positivo

Pola súa parte, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez manifestou a súa satisfacción polo éxito do Culturminho e instou ás persoas participantes (máis dun cento de axentes e entidades culturais) a asistir ao próximo encontro que se celebrará a primeiros de ano. Nel, despois de analizar a situación actual da cultura no territorio do Miño, o obxectivo será concretar iniciativas e eventos transfronteirizos con Portugal co que mobilizar un público conxunto.

Benítez salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos para iniciativas culturais posibles, e subliñou que dende o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg cos proxectos Visit Rio Minho ou Smart Minho, así como os que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19.

É preciso traballar en todos os frentes para conseguir que o territorio do Miño desenvolva todas as súas capacidades e permitir mellorar a calidade de vida das e dos seus cidadáns. Ese debe ser o obxectivo de todos nós nas administracións“, destacou.