As seis eurocidades da Raia ibérica reúnense en torno ao AECT Rio Minho para intercambiar experiencias

As xornadas sobre “Políticas e instrumentos para o desenvolvemento do Río Miño Transfronteirizo” organizadas pola Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, continuaron en Tomiño cun encontro de todas as eurocidades da raia ibérica nunha palestra moderada polo director do AECT Galicia – Norte de Portugal, Xosé Lago.

A cita permitiu coñecer de primeira man os traballos desenvoltos polas seis entidades europeas da fronteira entre España e Portugal e compartir experiencias ao respecto dos similares retos que todas elas afrontan.

A cita tivo lugar na segunda sesión das xornadas sobre Políticas e instrumentos para o desenvolvemento do Río Miño

A encargada de abrir a mesa foi a presidenta da Eurociudade do Guadiana e alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos, un caso moi similar ao do Río Miño xa que agrupa a tres cidades “unidas por un río”. A continuación foi a quenda do alcalde de Badajoz, Francisco Javier Fragoso, en representación da Eurocidade Badajoz-Elvas-Campomayor, un exemplo de que “se sumamos e agregamos, somos moito máis fortes” explicou o estremeño, que fixo fincapé na necesidade de “rachar coa mentalidade actual” de separar e “rachar coas fronteiras”.

Seguidamente,
as catro eurocidades galego portuguesas, a da raia seca de Chavés-Verín,
representada polo seu secretario executivo Pablo Rivera, e as tres do Río Miño,
coa  alcaldesa de Tomiño, Sandra
González, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e o vicepresidente da Câmara
Municipal de Monçao, João Oliveira, presentaron os seus diferentes proxectos.

A Cooperación Europea no mundo

A xornada tamén recolleu os relatorios dos especialistas en cooperación territorial, Martín Guillermo, secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE – AEBR) e o coordinador da AEBR Gobal Initiative, José María Cruz, que deron a coñecer varios casos exitosos de cooperación transfronteiriza dentro e fóra da Unión Europea.

Guillermo lembrou que “non hai nada mellor para demostrar que algúns países se equivocan pechando as súas fronteiras que ensinar o que conseguen aqueles que as abren” e citou varios exemplos positivos de cooperación no ámbito da saúde como o do hospital de Badajoz, compartido co municipio portugués de Elvas ou o famoso caso do Hospital de Cerdanya, en Girona, o primeiro netamente transfronteirizo de Europa.

Pola súa
banda, o coordinador da AEBR Global Initiative, José María Cruz, relatou varios
casos de cooperación transfroteiriza en Latinoamérica, un territorio onde “a
pesar de que non existe unha visión continental panamericana da cooperación
transfronteiriza, xa se teñen creado moitos proxectos interesantes dos que
tamén podemos aprender, e nos que vemos que atopamos os mesmos problemas que
nas fronteiras europeas, pero máis agudos, atopando por exemplo algunhas
situacións de pobreza extrema nas zonas periféricas dos países, unha crecente
tensión ou problemas na xestión e explotación de recursos naturais
fronteirizos”.

Entre os
casos latinoamericanos, Cruz quixo destacar, “polas semellanzas que pode ter co
caso do Río Miño” o proxecto do Tramo medio do río Uruguai, entre Arxentina,
Uruguai e Brasil, un dos máis coñecidos do continente polos seus resultados.




O AECT Río Minho participa no primeiro Encontro ibérico de Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza, que se celebra en Vigo

A ‘Estratexia 2030’ e a creación da marca ‘Río Miño’ foron as dúas iniciativas máis destacadas polo director do AECT de entre as que está a desenvolver o agrupamento

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, asistiu onte ao “I Encontro de AECT España-Portugal”, que se está a celebrar estes días en Vigo. Durante esta primeira xornada, Benítez tivo a oportunidade de presentar as principais liñas de actuación que se están a desenvolver dende o AECT Rio Minho, entre as que quixo destacar unha das iniciativas máis ambiciosas e innovadoras, a elaboración da Estratexia 2030, un plan de traballo en materia de cooperación transfronteiriza para todo o territorio do Río Miño galego portugués, xestada ao longo dos últimos dous anos e que contou coa participación tanto de expertos e expertas en diferentes áreas, como institucional e da cidadanía.  

Outro dos fitos do agrupamento europeo destacados por Benítez foi a creación de ‘Río Miño’, unha marca de identificación para todo o territorio miñoto que viu a luz o pasado mes de abril, a través da que se quere promocionar e dar a coñecer o patrimonio cultural, natural, a gastronomía e riquezas do territorio galego-portugués ribeirán do río Miño baixo o lema: “Dous países, un destino, grandes experiencias”.

O
encontro, organizado polo AECT Galicia Norte de Portugal e que reuniu en Vigo a
todos Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza da península
ibérica, remata hoxe cunha segunda xornada dirixida á analizar futuras posibles
sinerxías e oportunidades de cooperación.

O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 4 de abril de 2018 e está formado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socio. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.




Aprobado financiamento europeo para un novo proxecto impulsado polo AECT Rio Minho: Rede Lab Minho

No marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)  INTERREG VA

 O obxectivo de Rede Lab Minho  é a formación dun Laboratorio de políticas públicas transfronteirizas de carácter local.

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto na segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020  INTERREG V A: Rede Lab Minho.

Rede de apoio ás dinámicas locais de cooperación do río Minho – Rede Lab Minho é a denominación do proxecto, que se enmarca no eixo 4 do  Interreg de mellora da capacidade institucional e a eficiencia da administración pública a través da cooperación transfronteiriza e no obxectivo temático 11 de mellora da capacidade institucional das autoridades públicas e as partes interesadas e a eficiencia da administración pública, que supón un investimento de 345.396 euros, do cal un 75 por cento está cofinanciado por fondos FEDER.

O obxectivo de Rede Lab Minho é  a constitución e dinamización dunha Rede de cooperación e observación das dinámicas locais transfronteirizas, o apoio a experiencias de cooperación locais entre as diferentes eurocidades do Miño (Tui-Valença, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monçao) así como entre outras vilas parellas transfronteirizas como A Guarda-Caminha, Arbo-Crecente-Melgaço ou As Neves-Monçao que, aínda que non están constituídas como eurocidades, manteñen relacións de cooperación grazas aos proxectos Smart Minho e Visit Rio Minho, nos que participan o AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, explicou que este novo proxecto “vai contribuír ao fortalecemento da cooperación a nivel local entre os concellos galegos e portugueses ribeiros do río Miño, mediante a creación dunha rede cooperativa tanto institucional como social, a nivel local transfronteirizo”.

Rede Lab Minho persegue acadar como resultados, no período de execución do proxecto previsto entre abril de 2019 e decembro de 2021, a creación dunha rede de gobernanza transfronteiriza co obxecto de pór en funcionamento políticas públicas de benestar da cidadanía; a capacitación, información e sensibilización das estruturas locais de cooperación transfronteiriza (bilaterais) para acadar un maior grao de cooperación territorial;  aproximar institucionalmente os modelos de gobernanza dos bens públicos á cidadanía para chegar á integración conxunta de actividades e iniciativas; e tamén a consolidación do AECT Rio Minho en termos de capacidade de cumprir os seus obxectivos fundacionais e de creación de novas sinerxías transfronteirizas.

 

Smart Minho e Visit Rio Minho

Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho;  desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.