1

Xunta e CIM Alto Minho comprométense a traballar na mellora das liñas de transporte transfronteirizas

As principais medidas serían a ampliación das liñas de autobuses comarcais e a coordinación de horarios e paradas

O AECT Rio
Minho vén de manter unha reunión con representantes dos gobernos galego e
portugués dentro da convocatoria de encontros impulsada pola iniciativa europea
B-Solutions, que ten por obxectivo superar os atrancos legais e administrativos
que afectan á mobilidade entre os dous países, na que tamén estivo presente a
experta xurídica asignada pola Comisión Europea, María Gamayo.

No encontro
participaron o director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio
Maestro; o subdirector Xeral de Ordenación do Transporte, Antón García Río; representantes
da CIM Alto Minho e da Autoridade de Mobilidade e Transporte de Portugal así
como o subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago
García e o coordenador de Cooperación do CCDR-N, Nuno Almeida.

O principal
acordo acadado na xuntanza foi o compromiso de traballar conxuntamente na
extensión das liñas de transporte públicas procedentes de Vigo e Viana do
Castelo até concellos da fronteira como Valença e Vigo, respectivamente. Así
mesmo, tamén se viu a necesidade da coordinación de horarios e paradas entre os
concellos de Monçao e Salvaterra, Cerveira e Tomiño e Valença e Tui, de xeito
que unha liña que por exemplo chega a Monçao poida coordinarse cunha que saia
dende Salvaterra.

O proxecto
Boosting Minho River Cross – Border Mobility, depende da convocatoria da
Comisión Europea B- Solutions, unha iniciativa destinada a solventar as
barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en
áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación
institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas. O AECT Rio
Minho foi unha das 20 entidades europeas que recibiu esta subvención que consta
dun orzamento de 25.000 €.




O AECT Río Miño visita o municipio portugués de Águeda para coñecer o seu sistema de aluguer de bicicletas eléctricas

O agrupamento europeo valora implementar un equipamento similar no territorio do Río Miño Transfronteirizo que fomente a mobilidade alternativa

 

O secretariado técnico do AECT Rio Minho desprazouse ata o municipio portugués de Águeda para coñecer sobre o terreo o proxecto de mobilidade sustentable desenvolto pola cámara lusa, unha das pioneiras na instalación dun sistema de aluguer de bicicletas eléctricas. Con esta visita, e a anterior realizada a Puebla de Sanabria (Zamora) o pasado mes de maio, o equipo do AECT Rio Miño está a estudar a xestión e o impacto deste tipo de iniciativas, con vistas á súa implementación no territorio do Río Miño Transfronteirizo, a través do proxecto Smart Minho.

 

Precisamente, unha das accións recollidas dentro do proxecto de cooperación institucional, Smart Minho (cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), do que son socios a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, o AECT Rio Minho e a Fundación CEER, é a posta en marcha de experiencias de mobilidade suave entre ambas as beiras do río, de cara a incrementar a mobilidade local transfronteiriza, especialmente a alternativa.

 

Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteirizo

Por outra banda, tamén a través de Smart Minho, estase a traballar nun Plan de Mobilidade Sustentable para o Río Miño Transfronteirizo que favoreza os desprazamentos de persoas e vehículos na fronteira galega portuguesa, prestando especial atención aos fluxos entre os polos urbanos das eurocidades, nos que se concentran máis de 100.000 habitantes. Durante estes meses púxose en marcha unha enquisa de participación cidadá e celebráronse varios encontros con axentes sociais. En setembro, o AECT manterá ademais sesións de traballo con alcaldías e sectores da mobilidade coa participación de expertos e expertas europeos neste asunto.

 

Así mesmo, o AECT Rio Minho, está a desenvolver o proxecto Boosting Minho River Cross-Border Mobility, financiado pola iniciativa europea B-Solutions, para a análise dos problemas de índole legal e administrativa que afectan á mobilidade transfronteiriza no ámbito do Río Miño. 




O AECT Rio Minho estudará os problemas de mobilidade transfronteiriza grazas á aprobación dun novo proxecto europeo

O financiamento chega a través da iniciativa B- Solutions de proxectos piloto nas fronteiras da UE.

 

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto no marco da iniciativa B-Solutions, promovida pola Asociación das Rexións Fronteirizas Europeas (AEBR) baixo a supervisión da DG Regio.

B-Solutions é unha convocatoria para o financiamento de 20 micro proxectos piloto destinados a solventar as barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas, como é o caso do AECT Rio Minho.

O proxecto  promovido polo AECT Rio Minho, Boosting Minho River Cross-Border Mobility, ten por obxectivo o estudo dos problemas de mobilidade transfronteiriza no ámbito do Río Miño, para o que recibíu un financiamento de 25.000 €  destinados a asesoramento.

Con este financiamento, o AECT Rio Minho poderá dispor dun experto xurídico con coñecemento en instancias transfronteirizas que colabore na estruturación, definición e identificación dos obstáculos para a mobilidade transfronteiriza no territorio do Rio Miño, así como na elaboración dunha proposta de solucións para propoñer ás diferentes Administracións e un marco legal desde o que proceder para acometelas. O período de execución do proxecto é de 4 meses.

Segundo explicou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, “a virtualidade e  importancia da aprobación desta candidatura non é tanto o seu monto económico senón o reducido número de propostas  que se admiten dando visibilidade ao AECT en Bruxelas”, diante dos órganos comunitarios e permitíndolle “participar en foros internacionais de debate e construíndo relacións institucionais que abren portas cara a outras subvencións”.

Smart Minho e Visit Rio Minho

 

Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho;  desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.