1

O AECT elevará á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras transfronteirizas do Miño polo peche da fronteira

Segundo explica o vicedirector do AECT Rio Miño, unha das decisións da reunión dos 26 alcaldes e alcaldesas foi elevar á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras transfronteirizas e das empresas, xa que a do Miño é a fronteira máis dinámica de toda Europa e un peche como o existente “non se dá noutros territorios”. “Imos remitir un comunicado e pedir auxilio para que interceda ante os estados”, enfatizou.

Xestionarase unha nova reunión urxente co goberno portugués por unha “fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno

“Fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno” é a reivindicación na que as alcaldesas e alcaldes do territorio miñoto insistiron hoxe convocados polo AECT Rio Miño e pola que decidiron endurecer as súas accións: continuarán dando pasos pola vía institucional ante a Unión Europea e o ministro de Administración Interna de Portugal, pero tamén organizarán novas accións simbólicas de movilización social para chamar a atención dun territorio que se sinte afogado e tamén “ninguneado” polos gobernos de Madrid e Lisboa.

Tamén se manterán novos contactos co ministro de Administración Interna de Portugal, Eduardo Cabrita, a quen se lle instará a revocar a situación actual nunha reunión convocada de urxencia, xa que ata o de agora o país veciño foi o que amosou as maiores reticencias á apertura de novos pasos autorizados na ‘raia’.

Nos vindeiros días haberá máis accións simbólicas de protesta “intentando conter o ánimo exaltado” de empresas e persoal

Esas medidas institucionais terán acompañamento tamén en novas accións simbólicas de protesta e mobilización social. “Os ánimos das empresas, transportistas e persoas traballadoras transfronteirizas están moi exaltados, e dende o AECT estaremos mediando ante medidas máis drásticas e contendo o malestar, pero amosaremos con claridade que a este territorio do Miño non se lle pode ningunear porque iso só produce máis cabreo e indignación entre a cidadanía”, subliñou o nacionalista.

Hai máis de 6.000 traballadores afectados que teñen un custe en tempo e diñeiro para acceder aos seus postos

O AECT reclamará compensacións económicas para as persoas traballadoras transfronteirizas que están afectadas polo peche. “Non só hai custes de combustible, senón tamén de tempo. Hai persoas que saen unha hora antes para ir ao seu traballo e, ao estar dúas horas no paso da fronteira, chegan tarde e deben recuperar esas horas perdidas quedando ao rematar a xornada nos seus postos… Iso ten un custe non só económico senón tamén anímico. E xa que non se pode compensar polos problemas psicolóxicos, alomenos polos económicos”, insistiu.

O vicedirector subliñou que hai unha profunda indignación e incomprensión nos alcaldes e alcaldesas do territorio miñoto “ante esta decisión dos estados que non escoitan ao territorio e non escoitan a problemática que existe na fronteira máis dinámica e máis poboada e máis relacións sociais entre España e Portugal e unha das máis dinámicas de Europa. Non entenden esta realidade e non fixeron caso ás nosas reivindicacións de abrir os pasos cos controis sanitarios necesarios. Hai máis de 6.000 traballadores afectados que teñen un custe en tempo e diñeiro para acceder aos seus postos”, insistiu.

Finalmente, Benítez fixo fincapé no ofrecemento de colaboración dos concellos dunha e outra ribeira para a loxística da reapertura dos pasos. Reclamou tamén unha maior coordinación entre os estados e entre estes e os municipios afectados, criticando que moitos alcaldes e alcaldesas se enteraron das últimas modificacións dos pasos pola publicación do boletín portugués en lugar de por unha comunicación oficial directa.

“Fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno”.

Queremos a apertura de todos os pasos 24 horas cos controis sanitarios necesarios e só para as persoas que están autorizadas, traballadoras, transportistas… Non queremos que pase ninguén máis das persoas que deben”, insistiu.

Audio – O AECT elevará á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras transfronteirizas do Miño polo peche da fronteira

Outras novas relacionadas:




O AECT Miño considera “insuficientes” as medidas de apertura da fronteira con Portugal e incrementará as protestas

Os 26 municipios pontevedreses e portugueses do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Río Miño veñen de convocar para este luns unha nova reunión con carácter urxente para analizar o que clasifican de “total e persistente descoñecemento” dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa sobre a realidade do territorio miñoto, o de maior circulación de toda a fronteira ibérica. A intención do encontro, segundo apunta o vicedirector Uxío Benítez, é avanzar con novas accións de protesta en prol da defensa dos intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos e de transportes de mercadorías, así como das moitas empresas afectadas “polo calvario  diario de  afunilamento no paso de Tui-Valença”.

Este encontro entre os alcaldes e alcaldesas do AECT Río Miño xorde tras publicación do despacho polo Ministerio da Administración Interna do Goberno de Portugal que mantén a Ponte Internacional de TuiValença como o único punto de paso autorizado durante 24 horas, coa novidade da apertura parcial da ponte ArboMelgaço, tres horas no período da mañá e tres horas no período da tarde, ampliando ese mesmo horario parcial en  SalvaterraMonção.

As e os mandatarios de ambas as marxes do río Miño asumen de maneira unánime as dificultades froito da pandemia  Covid-19 e a necesidade dunha actuación eficaz para o seu combate. Sen embargo, subliñan que a apertura da fronteira, de todos os pasos “en nada contradí o obxectivo de  salvaguardar a saúde pública”.

Este cambio nos pasos autorizados polo despacho é ‘lanzar area aos ollos’ dos alcaldes e alcaldesas e das súas poboacións, pois non satisfai en absoluto as pretensións anteriormente expostas, alén de manter o  calvário de  afunilamento de tránsito en  Valença-Tui e de reiterar a  indisponibilidade do Goberno de soportar os custos demáis puntos de paso autorizados controlados, querendotraspor para os traballadores grande parte desa carga”, subliña Benítez, que engade que só se pretende facilitar o tránsito ás persoas autorizadas.

O vicedirector da AECT anuncia unha reunión urxente dos concellos miñotos para o vindeiro luns na que se decidirán novas medidas de presión

Benítez destacou que non hai razón obxectivas para non abrir todos os pasos “senón só razóns cicateiras que toman gobernos dende a lonxanía e sen coñecemento”, polo que pediu un “esforzo superior” a Madrid e a Lisboa tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada.

Neste sentido, lembrou que a ponte de TomiñoVila Nova de Cerveira -que polo de agora permanecerá pechada tralos últimos cambios- é a 5ª con máis movemento de vehículos das 64 de toda a raia entre España e Portugal. Citou que nas inmediacións deste viaduto sitúase o parque empresarial de Cerveira, con 4.300 persoas traballadoras das que máis dun milleiro son galegas. “Hai unha relación comercial umbilical entre unha e outra beira. Tui-Valença está a 16 quilómetros e A Guarda a 27 quilómetros. O paso a través da ponte da Amizade recurtaría as distancias acumuladas que todo o persoal laboral ten que percorrer de maneira obrigada”, subliñou.

Non abrir todos os pasos é un castigo para exercer a súa actividade laboral aos milleiros de traballadores e traballadoras.

Non abrir todos os pasos é un castigo para exercer a súa actividade laboral aos milleiros de traballadores e traballadoras que son considerados esenciais para a dinámica económica de ambos países”, insistiu o nacionalista, que destacou que a situación está a crear unha “enorme preocupación e inquietude tanto nos alcaldes, alcaldesas e presidentes de cámara como nos empresarios da zona e no transporte de mercadorías”.

Apuntou que tras coñecerse a decisión do Ministerio da Administración Interna de Portugal, os municipios da fronteira xa recibiron un importante número de emails de traballadoras e traballadores transfronteirizos e de empresarios de grandes empresas “para compartir o relatorio da súa situación, desgastado e  aflitivo a nivel persoal, económico e profesional por ter que percorrer decenas de quilómetros de rodeos”.

Unha vez máis, as poboacións da  raia  miñota están a ser tratadas como o ‘parente pobre’ polos Gobernos de Portugal e España”, finalizou Benítez.

Audio – O AECT Miño considera “insuficientes” as medidas de apertura da fronteira:




Os concellos miñotos, coa máxima expectativa ante a posibilidade de apertura de máis pasos na fronteira con Portugal

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial AECT Rio Miño manifestou hoxe que os concellos miñotos manteñen a “máxima expectativa” ante a posibilidade de apertura de máis pasos na fronteira con Portugal, unha medida que poderá ser concretada nos vindeiros días e que o ministro de Administración Interna de Portugal Eduardo Cabrita deixou aberta nunhas declaracións públicas.

O vicedirector do AECT explicou que os presidentes de cámara portugueses mantiveron contactos informais co goberno central portugués, o máis ríxido á hora de manter o peche da raia, e salientou que “a pesar de non recibir información oficial, satisfacen as declaracións dadas por Eduardo Cabrita, que deixou en aberto a posibilidade de alterar horarios nas fronteiras terrestres ou o número de postos de paso obrigatoria”.

O vicedirector do AECT acolleu con satisfacción a dispoñibilidade do ministro portugués de Administración Interna de modificar horarios e número de controis.

Os concellos miñotos de Pontevedra e do Alto Minho agardan con moita expetativa que, nos próximos días, sexa anunciado o reverso total da medida actualmente en vigor relativamente ao peche das fronteiras, de forma que sirva aos reais e necesarios intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos, así como dos transportes de mercadorías“, subliñou.

É preciso a apertura de máis pasos e que se habiliten controis de maneira continua (24h) posto que, segundo subliñou, os horarios das empresas e do persoal laboral dunha e doutra beira do río son moi variados. Lembrou que o actual paso de Salvaterra, só aberto dúas horas pola mañá e dúas pola tarde, non supón ningún beneficio para traballadoras e traballadores, xa que ao traballar en quendas vense igualmente obrigados a cruzar o río a través do único paso autorizado de Tui por non coincidir os horarios.

O vicedirector do AECT tamén subliñou a necesidade de “reverter totalmente” o actual peche da raia e considerar os horarios de empresas á hora de establecer franxas autorizadas

Benítez amosou a súa confianza en que a parte do goberno portugués reconsidere a situación, e lembrou que na parte española, oficialmente, o delegado do Goberno manifestou a súa disposición a abrir os pasos necesarios, mais sempre mediante un acordo diplomático cos mandatarios lusos. “Agardemos que o erro non se siga a manter”, subliñou.

A fronteira entre Pontevedra e o Alto Minho portugués ten 70 quilómetros, sendo o 5% dos 1.200 quilómetros de toda a raia ibérica, sen embargo asume o 50% de todo o tránsito de vehículos entre España e Portugal polas seis pontes sobre o Miño. Hai contabilizados arredor de 6.000 traballadores transfronteirizos que deben cruzar a fronteira diariamente.

O pasado xoves, alcaldes e alcaldesas da raia protestaron polo actual peche de fronteiras e lanzaron un SOS. Aseguraron que se está a castigar aos traballadores e traballadoras transfronteirizos ao manter só un único paso aberto (o da ponte internacional de Tui), gastando cartos en combustible e tempo dando rodeos de ducias de quilómetros para acudir aos seus postos laborais, porque os gobernos centrais non poñen máis controis (guardas portugueses e garda civil) nos demais postos da fronteira.




“Abran a fronteira, poñan controis en todos os pasos e deixen pasar ás persoas traballadoras”

Alcaldesas, alcaldes e presidentes de cámara do territorio transfronteirizo do río Miño concentráronse hoxe na ponte vella de Tui para protestar polo peche da fronteira con Portugal e reclamar que se abran todos os pasos existentes, sempre cos controis sanitarios necesarios, para facilitar a circulación das e dos traballadores transfronteirizos.

Coas letras de SOS manifestaron a súa indignación e cualificaron de “escándalo” que tras o acontecido na primeira vaga da pandemia se volva cometer o mesmo erro de habilitar un só paso “castigando” ao persoal laboral –o único que pode cruzar a raia- a dar rodeos quilométricos.

Alcaldesas e alcaldes da raia concentráronse na ponte vella de Tui para criticar que os gobernos de Madrid e Lisboa “cometan outra vez o mesmo erro” da primeira vaga da pandemia.

O vicedirector do AECT Rio Miño, Uxío Benítez, explicou que a reivindicación de rexedores “é unha reivindicación xusta, e por iso estamos aquí mobilizados e nos seguiremos a mobilizar o que faga falta para que entendan que esta é unha fronteira que afecta a moita xente“, polo que pediu aos gobernos centrais que fagan o mesmo que fixeron na primeira vaga da pandemia, cando despois de tres mobilizacións de alcaldesas e alcaldes nas pontes do Miño se abriron todos os pasos na ‘raia’. “Esperemos que non teñamos que facer outras tres mobilizacións, e que con este chamamento público que facemos a Madrid e Lisboa poidan entender o que pasa nesta fronteira e abrir o resto dos pasos fronteirizos“, insistiu.

Para o conxunto de mandatarios dese territorio “é un auténtico escándalo” que despois do acontecido se volva a cometer exactamente o mesmo erro, que é deixar un único paso fronteirizo nunha fronteira que -aínda que só é o 5 % dos 1.200 quilómetros de fronteira entre España e Portugal (70)-, representa o 50 % dos vehículos que pasan.

Esta é unha fronteira dinámica, na que hai moitas relacións laborais, económicas, empresariais. Hai moita mobilidade porque hai esa vida e esa economía que flúe a través da fronteira…. Pois toman a decisión de deixar un só paso en Tui Valença na ponte nova“, apuntou Benítez con insistencia.

Como consecuencia práctica, destacou o nacionalista, as persoas cidadás traballadoras transfronteirizas deben percorrer distancias quilométricas e dar rodeos “para ir facer o único que agora se pode ir facer, que é ir aos postos de traballo“. “Tal como está a situación económica agora mesmo, que os estados decidan por non poñer gardas, por economizar ese gas, trasladar ese gasto ás e aos traballadores parécenos un escándalo”, finalizou.

fronteira_3

Pola súa parte, o director do AECT e presidente de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, pediu aos gobernos centrais que “deixen de castigar aos traballadores“, insistindo en que os agrupamentos e filas de vehículos en quilómetros de espera “poder eventualmente potenciar os contaxios”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, apelou tamén á sensibilidade estatal para mudar de xeito radical a súa política de peche de fronteiras, que non atende á realidade do territorio miñoto, segundo o seu punto de vista, “por ver os problemas desde a centralidade sen ser conscientes das peculiaridades de cada territorio“.

O presidente de Valença, Manuel Lopes, destacou, así mesmo, que o peche das fronteiras foi nada máis que unha medida “simbólica”, xa que agora pasan pola fronteira exactamente o mesmo número de persoas de aquelas que xa pasaban antes: traballadores debidamente acreditados e o transporte de mercadorías. “Estes acaban por facer milleiros de quilómetros de máis a fin de mes e gastan o soldo nos depósitos de gasolina. Case non compensa vir traballar a ambos lados. Ao final o rendemento queda no combustible e nas horas de traslado. O peche dos pasos é unha medida que se está a probar errada“, dixo.

fronteira_1

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Rio Miño comprende 400.000 habitantes de 26 municipios, 16 galegos do sur da provincia de Pontevedra e 10 da rexión do Alto Minho no norte de Portugal, tendo contabilizados uns 6.000 traballadores e traballadoras transfronteirizos. Na protesta de hoxe (aprobada por unanimidade en asamblea o pasado luns) participaron os mandatarios con dispoñibilidade e non confinados: seis presidentes de cámara portugueses e outros nove alcaldes e alcaldesas da parte pontevedresa.

Prohibido o paso na fronteira incluso para a protesta simbólica

Unha demostración do peche férreo da fronteira entre ambas partes produciuse no inicio da protesta. O acto comezou ás 10 da mañá cando as e os rexedores de ambas partes saíron camiñando dos respectivos extremos da ponte vella sobre o Miño coa intención de reunirse simbolicamente no medio da infraestrutura para representar a necesidade de unión de ambas partes da fronteira.

Non obstante, o encontro non foi posible. As forzas do orde impediron a escenificación e, a pesares de que se explicou que se trataba dun acto simbólico, obrigaron a manter unha separación duns 20 metros entre os mandatarios galegos e os portugueses facendo imposible a fotografía conxunta.

Finalmente, para salvar o pequeno treito que os separaba, os representantes portugueses volveron cara territorio luso, colleron os seus coches, pasaron oficialmente polo control de fronteira na ponte da autopista (a un quilómetro), cruzaron a Galicia e seguiron cara ao extremo da ponte vella en Tui. Unha vez alí, todas as alcaldesas, alcaldes e presidentes dun lado e outro do Miño realizaron a fotografía conxunta para reclamar a unión do territorio.

Fronteira_gnr_impide_protesta_concellos



O AECT Río Miño urxe á Xunta que execute o acordo para activar a ‘tarxeta transfronteiriza’ ante o peche de Portugal

O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Miño urxiu hoxe á Xunta -en boca do seu vicedirector e deputado Uxío Benítez- que execute o acordo do Parlamento galego para activar o a ‘tarxeta transfronteiriza’ que facilitará o paso da raia a todas as persoas que viven ou traballan a ambos lados do río.

O nacionalista lembrou que o Parlamento aprobou por unanimidade a proposición non de lei presentada polo grupo nacionalista en reunión do 11 de decembro da Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior sobre a tarxeta transfronteiriza. Entón, a Xunta comprometeuse a impulsar entre os gobernos español e portugués o estudo de fórmulas como a do carné transfronteirizo para evitar os efectos negativos das limitacións de paso na fronteira por motivos de saúde pública. Nestes momentos, a pesares dese acordo, afirma Benítez, “non se coñecen pasos para facer diso unha realidade”.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez subliña que a tarxeta transfronteiriza axilizaría a vixilancia policial e sanitaria.

O deputado puxo sobre a mesa que o carné cidadá transfronteirizo permitiría unha identificación áxil e rápida nos puntos de vixilancia policial e sanitaria existentes nas fronteiras e evitaría situacións como os do anterior confinamento, cando as persoas traballadoras dun e doutro lado da fronteira estaban obrigadas a pasar por un único punto, a ponte de Tui-Valença, onde se formaba un ‘tapón’ de vehículos con varias horas de espera.

Benítez insistiu, de feito, en que é preciso que se manteñan abertos os seis pasos da provincia con Portugal, pero “sempre con todos os controis necesarios e garantías de saúde, algo para o que a tarxeta transfronteiriza faría moito máis áxil”.

“Non podemos vivir outra vez o doble impacto que padecemos entre os 17 de marzo e o mes de xuño coa fronteira pechada a cal e canto, ten que haber permeabilidade aínda que cos debidos controis. Non se pode complicar a vida á xente traballadora transfronteiriza”, insistiu.

O deputado lembrou unha vez máis que a fronteira de Pontevedra e Portugal é a máis dinámica social e economicamente de toda a península, xa que con 70 quilómetros dos 1.200 entre España e Portugal –só o 5%- asume o paso do 50% dos vehículos. En calquera caso, recoñeceu que as relacións transfronteirizas no territorio están suspendidas case na súa totalidade neste momento, con Galiza tamén autoconfinada por municipios e sen circulación ata o 17 de febreiro excepto para causas imprescindibles e debidamente xustificadas.

O nacionalista reivindica fondos europeos como compensación ao dobre golpe socioeconómico da COVID para o territorio do Miño.

Reivindicou que, de cara á recuperación, “despois da tormenta, a bonanza debe chegar para todos, e os condados fronteirizos e as súas poboacións deben ser considerados por ambos os Gobernos, para non volver caer no esquecemento ”.

Subliñou a necesidade de que os territorios transfronteirizos apliquen a figura de ITI -Intervención Territorial Integrada- para o período 2021-2027, co propósito de autorizar un programa de acción concertada para o próximo período de programación de fondos comunitarios. “Os fondos europeos deben asignarse verdadeiramente como medida compensatoria a este dobre golpe socioeconómico que sente o territorio do Miño”, finalizou.




Os alcaldes de ambas marxes do Miño propoñen a posta en marcha dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ para evitar que se repitan os problemas do peche da fronteira con Portugal

O AECT Rio Minho propuxo hoxe a posta en marcha dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’. Esta facilitaría a vida da cidadanía de ambos lados do Miño e evitaría que se repitan, entre outros, os problemas de mobilidade derivados do peche da fronteira con Portugal pola crise da COVID-19 para as persoas traballadoras. O AECT realizou esta proposta nunha comparecencia conxunta das alcaldesas, alcaldes e presidentes de câmara dos concellos do territorio miñoto na que se parabenizaron da vitoria conseguida ao terse autorizado a apertura das pontes de Arbo-Melgaço, Salvaterra-Monçao e Tomiño-Cerveira con fins laborais desde o día de hoxe, tal e como viñan reclamando con protestas durante as últimas semanas.

Segundo destacou o máximo dirixente do AECT é necesario desenvolver cara o futuro, e como iniciativa novidosa, un proxecto piloto para crear unha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ que identifique a todas as persoas que viven no territorio “e que facemos a nosa vida, traballo, o noso lecer indistintamente de que esteamos nun estado ou noutro“, para que no futuro, se se volven ter que pechar as fronteiras, o peche non sexa efectivo para esa xente e se permita a mobilidade transfronteiriza “promovendo deste xeito unha cidadanía europea real“.

O AECT Rio Minho solicita aos gobernos “medidas económicas compensatorias” para reactivar o territorio miñoto con fondos europeos, estatais e rexionais

Indicou tamén que a crise do coronavirus vai traer unha crise económica importante que no territorio do Miño vai a ser dobre pola decisión de pechar as fronteiras o 17 de marzo. Por este motivo, instou ás autoridades rexionais, estatais e europeas a que instrúan os procedementos económicos necesarios para que se compense ao territorio miñoto por ter tido as fronteiras fechadas igual que se tiveran centos de anos atrás. “As autoridades teñen que compensar a estes territorios porque nos impediron relacionarnos comercial e economicamente cos veciños do lado“, destacou.

De feito, puxo sobre a mesa a demanda de que no próximo cadro de fondos comunitarios 2021-2027 se faga un Investimento Territorial Integrado (ITI) no río Miño e se dediquen diferentes tipos de fondos –estatais, rexionais e europeos– a facer un investimento enfocado no territorio “porque entendemos que é un territorio con moitas posibilidades de desenvolvemento socioeconómico e hai que reactivalo“. Lembrou tamén que a fronteira entre Pontevedra e Portugal “é a máis dinámica social e economicamente e non se pode permitir que estea afogada durante todos estes meses co muro de Berlín que nos puxeron aquí” e destacou que esa demanda “nos vai ocupar o tempo de aquí en diante“.

“A fronteira entre Pontevedra e Portugal é a máis dinámica social e economicamente e non se pode permitir que estea afogada durante todos estes meses“.

O AECT Rio Minho realizou estas propostas hoxe desde o medio da ponte internacional entre Arbo e Melgaço, para facer unha valoración da apertura de pasos tanto en Arbo-Melgaço, como en Salvaterra-Monçao e Cerveira-Tomiño. O director do AECT manifestou que “para nós, o AECT e os concellos, a apertura dos pasos é unha boa noticia e unha pequena vitoria do territorio do río Miño, porque conseguimos anticipar 15 días e aliviar 15 días a economía de moitas traballadoras e traballadores que poden xa pasar por estas tres pontes e non ter que dar rodeos quilométricos”. 

Destacou que as protestas das alcaldesas, alcaldes e presidentes das câmaras fixeron que se puxeran de acordo dous gobernos de dous estados. “Facemos unha valoración positiva porque conseguimos poñer no mapa o territorio e na axenda dos dous estados o problema que hai para milleiros de persoas“, destacou, indicando que a reapertura dos pasos para as persoas traballadoras non soluciona todos os problemas. “Temos a problemática do comercio transfronteirizo, negocios e comercios que están nun lado do río pero viven, teñen boa parte da súa clientela nos veciños e veciñas do outro lado do río, e non poden recibir ás e aos seus clientes porque non lles está permitido o paso. Iso seguiremos a reivindicalo hoxe e de cara ao futuro, poñendo propostas sobre a mesa“, resaltou lembrando a ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’.

Pola súa banda o alcalde de Arbo, Horacio Gil, salientou tamén a vitoria de que se reabrise ao tránsito unha ponte como a do seu concello “que tardamos tanto ás autoridades para que se construíse“. Resaltou que agora volvéronse convencer da necesidade de reabrir entre os dous países con motivos laborais, pero destacou o seu convencemento de que se comprenda tanto en Madrid como en Lisboa “que o fluxo debe ser o de sempre e non se volva reproducir esta situación“.

Facemos unha valoración positiva porque conseguimos poñer no mapa o territorio e na axenda dos dous estados o problema que hai para milleiros de persoas“.

O presidente da câmara de Melgaço, Manoel Batista, quixo poñer de relevo a importancia do AECT Rio Minho na consecución da reapertura dos pasos fronteirizos. Indicou que nalgún momento houbo dúbidas sobre a efectividade da institución, “pero agora queda xa fóra de toda dúbida a súa importancia“, pola eficacia do traballo feito na problemática da fronteira, e pola existencia dun plan estratéxico estruturado e accións concretas para o territorio.

No acto de hoxe estiveron presentes as alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Salvaterra de Miño, As Neves, A Guarda, e Arbo; os presidentes de câmara de Melgaço, Cerveira, Valença, Monçao, así como o vicepresidente de Caminha.




“Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir”

O AECT Rio Minho, alcaldesas, alcaldes e presidentes das cámaras miñotas volveron reivindicar onte cunha protesta na ponte internacional entre Salvaterra e Monçao a urxente reapertura de pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas.

“Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir”. Así de clara e desesperada foi a reivindicación que onte novamente realizaron as alcaldesas, alcaldes, presidentes de câmaras miñotos e o AECT Rio Minho, nunha nova protesta para reivindicar a apertura de máis pasos na fronteira. Esta vez foi no medio e medio da ponte entre Salvaterra de Miño e Monçao, pechada o 17 de marzo e pola que ata entón pasaban 10.000 vehículos ao día.

O AECT Rio Minho, quixo aclarar que a reivindicación non se trata de abrir ao turismo con carácter xeral os dous países: “Nós estamos a reivindicar algo moito máis xusto e moito menos preocupante desde o punto de vista sanitario. Simplemente estamos a reivindicar que as cidadás e cidadáns europeos transfronteirizos poidan facer a súa vida natural neste territorio transfronteirizo, que non teñan que desprazarse distancias quilométricas cando teñen unha ponte próxima pola que poderían facer ese paso”, destacou.

A solución é unha cuestión de medios. Colocando persoal do Estado nas pontes de Salvaterra de Miño-Monçao, Arbo-Melgaço, Cerveira-Tomiño e na ponte vella de Tui “para que os traballadores e traballadoras transfronteirizos non teñan que dar voltas quilométricas cos custos económicos que iso trae”. “Tamén demandamos –dixo– para a xente que vivimos aquí, que haxa unha desescalada coordinada e que comercios que agora están pechados porque non poden abrir para os seus clientes do outro lado, que estes poidan pasar”.

Se trata de reivindicacións moito máis xustas e moito menos complexas que a reapertura para o turismo. “Hai moitísima xente que vive e traballa no outro lado. Moitísima xente cun negocio que vive da xente do outro lado. Iso é do que estamos a falar. De que este territorio transfronteirizo se nos abra para poder seguir vivindo e traballando”, insistiu, para advertir que de non atenderse as demandas, seguirase co calendario de reivindicacións.

Desculpou a non asistencia no acto o alcalde da Guarda, estando presentes as alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Salvaterra de Miño, e os alcaldes de Tui, Arbo, As Neves, presidentes de Melgaço, Monçao, Valença, Cerveira e Caminha. Tamén estiveron presentes unha traballadora e un traballador que exemplificaron as dificultades que existen por ter un único paso habilitado na fronteira e a necesidade da reapertura de máis pasos para as persoas traballadoras.

Pola súa banda, Cecilia Puga, cabeleireira de Arbo que ten un salón de peiteado en Melgaço –Portugal– desde hai 19 anos, explicou que diariamente trasladarse ao seu traballo lle leva seis minutos, mentres que agora se ve obrigada a facer diariamente unha hora e media ou dúas horas e dependendo de quen estea na fronteira. “A semana pasada tardei cinco horas en chegar ao meu traballo porque a señora da fronteira emperrouse en que os meus papeis non servían”, apuntou, para destacar que “simplemente pido que me deixen traballar”.

“Xa sabemos que ao mellor é demasiado pronto para abrir a todo o público, pero polo menos aos traballadores que de todas as formas estamos pasando, que nos deixen pasar polos nosos pasos habituais. Trátase de poñer medios. Se non chega coa policía ou o que teñan, que poñan ao exército, pero que deixen aos traballadores e traballadoras pasar para os seus postos de traballo. Eu se teño que facer estes quilómetros nunca na vida tería posto o meu negocio aí. É unha loucura”, relatou.

Puga explicou tamén que a día de hoxe está a traballar a medio gas, despois de estar un mes e medio pechados, porque ten a metade da clientela. Só a portuguesa porque a española non pode ir ao negocio. “Coma a min pásalle a toda a xente en Melgaço. É unha pobreza para a zona. Os restaurantes algúns nin abriron porque dependen da clientela galega e ao non ter aos galegos non lles paga a pena abrir. Gastan máis en luz do que ingresan. A miña vida cambiou moitísimo”, finalizou.

Pola súa parte, Vítor, un feirante portugués, destacou que a situación de peche da fronteira é unha loita “que nos sentimos incapaces de superar nestes momentos”. “É moi duro vivir coas fronteiras pechadas porque está a ser un colapso económico na raia miñota. Falo no meu caso propio pero tamén na voz dos colegas que nestes momentos xa pasan por dificultades e non van conseguir reabrir os negocios se as fronteiras non abren de maneira urxente”, salientou.

Explicou que no seu caso, como comerciante, o 80 % da facturación depende de España, polo que pediu volver á vida social e empresarial de inmediato, “xa que é o medio de sustento para sobrevivir. Temos comercio e industria. Temos traballadores que onde facían 2 quilómetros agora fan 100. Moitos deixaron o traballo porque o que gañan non da para os transportes. Poñan a man na conciencia porque de continuar así vai ser unha desgraza financeira. Estamos a atravesar unha fase moi grave. Somos persoas que dependen moito da fronteira. Abran as fronteiras por favor”, clamou.

Madrid e Lisboa descoñecen a realidade transfronteiriza

O presidente da câmara de Monçao, Antonio Barbosa, tamén foi claro no seu argumento. Indicou que as fronteiras deben ser unha riqueza, pero hoxe son absolutamente o contrario. “Este territorio é exemplo de como en pouco tempo se pode aniquilar unha economía local”, dixo, para cuestionarse como non é posible garantir dous os tres puntos máis de paso para garantir a circulación entre ambos lados. “Non estamos a falar de turismo, estamos a falar de supervivencia de pobos que viven naturalmente xuntos. Pedimos dunha vez por todas que se abra, que haxa coordinación entre os estados e que se permitan as relacións transfronteirizas normalizadas. As fronteiras e a unión dos pobos non pode servir só en determinadas circunstancias. Non pedimos máis que sobrevivir. Pedimos a apertura con desespero”, resaltou.

Finalmente, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, destacou a fronte común feita polas alcaldesas e alcaldes dun lado e outro da raia para facer “un chamamento á cordura e á sensatez” con respecto á apertura de pasos para a xente traballadora. “Pedímoslle aos gobernos algo tan esencial como que coñezan a realidade do seu territorio. As medidas que se están a tomar aquí son consecuencia do descoñecemento da riqueza e da idiosincrasia deste territorio”, destacou.

Valcárcel lembrou que o 50 % do tránsito entre España e Portugal no Miño pasa pola fronteira pontevedresa. “Non é normal que metamos todo ese tráfico nun só paso. Iso está facendo retencións de máis de dúas horas. Estamos a trasladar o peso económico de toda esta pandemia ao sector máis desprotexido: as traballadoras e traballadores transfronteirizos, dixo, para insistir en que “somos pobos irmáns e queremos seguir traballando nesa unión, que é unha realidade para nós. Non pode ser que á primeira de cambio montemos un muro”, finalizou.




Os concellos do Miño lanzan un S.O.S simbólico dende a Ponte da Amizade para reclamar a apertura de máis pasos na fronteira

Os concellos da fronteira do Miño, da man dos seus alcaldes e alcaldesas e do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, lanzaron onte un S.O.S. simbólico dende a Ponte da Amizade para reclamar a apertura de máis pasos na fronteira que faciliten a mobilidade das e dos traballadores a ambos lados da ‘raia’.

A de hoxe foi a primeira protesta das e dos rexedores, que consideran “inxusto” que a fronteira que asume o 50% de todos os tránsitos en España e Portugal só teña habilitado un paso en Tui-Valença. Aseguran que a solución pasa se unicamente por poñer medios: controis da Garda Civil e dos GNR. “Mantendo todas as garantías, todos os controis sanitarios, pedimos máis pasos abertos”, subliñaron.

O AECT Rio Minho asegura que a solución é unha “simple cuestión de medios” para os estados español e portugués: poñer controis con garda civil e GNR nos pasos máis transitados

O acto reivindicativo destacou por ser a primeira acción conxunta das e dos 13 rexedores de ambos lados da fronteira (mandatarios de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço), ao que tamén se sumou o de Paredes de Coura (o ‘14’). A través dos seus voceiros manifestaron que continuarán coas protestas ata seren escoitados, tamén implicando á cidadanía, e incluso se negarán a celebrar a centenaria tradición do Acto de Recoñecemento de Fronteiras, ata que os gobernos centrais e responsables políticos escoiten e dean solucións ás súas reivindicacións.

O AECT Rio Minho, lembrou que o 17 de marzo pecharon as fronteiras deixando unicamente 9 pasos abertos entre ambos estados, só permitindo o de Tui-Valença no Miño pontevedrés. Destacou a importancia da fronteira do Miño, que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a ‘raia’ entre España e Portugal, un 5%, asume o paso do 50% dos vehículos de España e Portugal. “Estes alcaldes e alcaldesas representan unha poboación de 150.000 habitantes. Estamos a falar da fronteira con maior dinamismo social e económico de toda Europa”, subliñou.

O AECT Rio Minho tamén destacou que a reclamación para a apertura de máis pasos na fronteira para traballadores vén xa do 28 de abril, cando os concellos fixeron unha declaración conxunta que se remitiu á Xunta, e aos gobernos centrais español e portugués.

“Queremos a apertura total para os traballadores transfronteirizos nos pasos. É unha cuestión de medios, de ter gardas civiles e GNR a controlar o paso transfronteirizo igual que en Tui e Valença”, destacou o AECT Rio Minho, que subliñou que nestes momentos estase a trasladar á xente traballadora o custe económico de aumentar en centos os quilómetros para ir traballar.

Outra das demandas é que a desescalada se faga coordinadamente para que haxa coherencia entre un lado e outro da fronteira. “Non ten sentido que se permita abrir a Fortaleza de Valença do Miño cando non poden pasar os clientes de toda a vida que son a xente galega”.

O AECT Rio Minho reclama a apertura de máis pasos na fronteira

Pola súa parte, o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira. Fernando Nogueira, destacou que a protesta se debe a que “sentimos que estamos a ser obxecto dunha inxustiza tremenda por parte dos nosos Estados. Non están a darnos a atención que merecemos”. Salientou que dos 64 pasos que existen entre España e Portugal, os cinco con máis movemento de vehículos están no río Miño: a primeira Tui-Valença, a segunda Salvaterra-Monçao e a quinta Tomiño-Vilanova de Cerveira.

“Na miña opinión non estamos a salvagardar nin cuestións económicas, dende logo, nin moito menos cuestións sanitarias, porque se tivemos máis fronteiras abertas poderíanse controlar moito mellor quen pasa que xuntando todo nun único paso, coas aglomeracións e as colas interminables que vemos en Valença Tui”, insistiu, para finalizar asegurando que a día de hoxe “as dúas marxes están totalmente espidas. Os galegos non viven sen os portugueses e os portugueses non viven sen os galegos. A nosa economía está completamente morta. Os nosos traballadores pasan calvarios para ir traballar. Canto máis deixemos caír a nosa economía máis difícil será o retorno. Queremos que haxa controis sanitarios, queremos que haxa seguridade, pero esiximos que nos deixen pasar, como mínimo aos traballadores de todos os sectores”, dixo.

Destacan que haberá maiores garantías de seguridade sanitaria se a circulación dos vehículos se fai a través de varias pontes en lugar de concentrar o tránsito en Tui-Valença

En canto ás cifras de impacto económico, Nogueira salientou que o AECT Rio Minho encargou un estudo á Universidade de Vigo, pero á falta dos resultados, dixo, “basta ser observadores para ver que está todo parado”. Indicou que só en Vila Nova de Cerveira hai 4.000 traballadores directos dos que mais do 20% son traballadores de Galicia. “Estes peches da fronteira son un problema. Os nosos gobernantes que están en Lisboa e Madrid aínda non coñecen esta realidade  e non o ven como algo prioritario. A maioría das fronteiras non teñen a importancia económica que ten a do Miño”, finalizou.

SOS para reclamar a apertura de máis pasos na fronteira

Pola súa banda, alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, destacou dende a Ponte da Amizade que polo viaduto pasan 6.000 vehículos diariamente de xente que vai traballar, recibir servizos e comprar. “Moitos nestes momentos están obrigados a trasladarse 100 quilómetro para ir a traballar, a pasar unha hora e media ou dúas horas na retención do control do paso, madrugar… Non pedimos excepcionalidades. Sabemos que a sanidade e a saúde é o primeiro. O que queremos é que non se repercutan os custes de non poñer uns guardas na fronteira sobre os traballadores transfronteirizos. Son eles os que pagan ese custe”, insistiu.

A alcaldesa destacou que a día de hoxe, ante as manifestacións dos gobernantes dos gobernos centrais “non vemos visos de solución”. “Só pedimos unha decisión administrativa: habilitar uns pasos transfronteirizos máis, sobre todo os de máis tráficos. É só poñer medios, incluso se pode poñer un horario. Calquera cousa que facilite que un traballador non teña que facer rodeos e retencións”, destacou, advertindo que é normal que haxa retencións, porque a medida que aumenta a actividade económica “cada vez máis tráfico, máis atasco, e a ponte de Tui Valença non dá para máis”.




O empresariado da provincia do Alto Minho únese á reivindicación de abrir xa a fronteira con Portugal e activar instrumentos de compensación económica

O empresariado da provincia de Pontevedra e do Alto Minho uniuse hoxe á reivindicación do AECT Rio Minho de abrir xa a fronteira con Portugal, facilitando a mobilidade co país veciño. Tamén apostan pola activación de instrumentos de compensación económica polas perdas producidas no territorio ‘raiano’ con motivo da crise derivada da COVID-19, que a agrupación transfronteiriza pretende concretar nun Investimento Territorial Integrado (ITI) para o territorio do Miño.

O “apoio total” ás reivindicacións púxose de manifesto hoxe nun encontro virtual no que participaron o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, co presidente da Confederación de Empresarios da Provincia (CEP), Jorge Cebreiros; o presidente da CEVAL (Confederación Empresarial do Alto Minho) Luis Ceia; e o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, xunto co profesor Martínez Cobas, autor do estudo de impacto económico encargado polo AECT á Universidade de Vigo. Todos eles coincidiron na situación “tremenda” que están a vivir empresarios e empresarias da fronteira, así como as súas traballadoras e traballadores, xa que sofren unha actividade totalmente mermada pola existencia dun único paso transfronteirizo, e a obriga de dar rodeos de 100 quilómetros para acudir aos seus postos de traballo.

O AECT Rio Minho reuniuse hoxe cos presidentes da CEP, da CEVAL e da Cámara de Tui, que aseguraron que o impacto na actividade da zona é “tremendo”

Jorge Cebreiros felicitou ao AECT pola iniciativa de ter encargado o estudo, e destacou que a realidade económica da fronteira do Miño revela o seu dinamismo. Subliñou que os 70 quilómetros dos 2.000 de toda a fronteira entre España e Portugal concentran o 50% do tráfico transfronteirizo. “Este dinamismo xa debería ser suficiente para ter un tratamento asimétrico. Que só estea habilitado un paso en Tui-Valença para o 50% do tránsito non é nin xusto nin proporcional”, subliñou, lembrando que a situación crea transtornos tanto para o tráfico de persoas, como de mercadorías como, nomeadamente, do turismo.

“Téñense que abrir xa todos os pasos da fronteira. Non hai razóns obxectivas para o peche”, subliñou, para insistir en que se están a poñer trabas continuas á potencia económica que é a provincia. “Por unha vez non estamos nun problema norte/sur. Estamos nun problema centro/periferia, porque nin Lisboa nin Madrid saben o que é a fronteira. Non coñecen o grandísimo dinamismo nin a nosa realidade económica. Está claro que logo de avaliar o impacto económico, haberá que habilitar instrumentos de compensación”, finalizou.

Os empresarios subliñan que nin Madrid nin Lisboa coñecen a economía da ‘raia’: “Ter aberto un só paso nin é xusto nin é proporcional”  

Pola súa banda, Luis Ceia, presidente de CEVAL, tamén manifestou o seu total acordo coa necesidade de abrir xa a fronteira con Portugal. Destacou que é preciso mellorar a mobilidade raiana con urxencia porque según os datos publicados, entre o 16 de marzo e o 29 de maio cruzaron o único paso habilitado unhas 200.000 persoas. “As empresas e as actividades na fronteira están a ter problemas. Está claro o exemplo do comercio da Fortaleza, que non ten clientes. A esa xente haina que compensar dalgún xeito”, sinalou.

Tamén na mesma liña se significou o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, quen puxo sobre a mesa as constantes dificultades que supón a volta á normalidade nunha situación de peche da fronteira. “É lamentable que a grande mobilidade que temos, máis do 50% do tráfico, non teña peso específico para que se abran máis pasos”, destacou, para facer fincapé no custe de tempo e cartos que supón a existencia dun só paso para persoas traballadoras da ‘raia’ e as súas empresas.

Alonso puxo tamén o foco no turismo e salientou que supón o 13% do PIB en Galiza e o 12% da ocupación, datos que segundo dixo son máis significativos se se cinguen á provincia de Pontevedra. “A tempada está aí. Non hai peregrinos, non hai xente de fóra. Temos que coidar o transfronteirizo e facer unha grande campaña de promoción turística para animar á xente da Eurorrexión”, finalizou.

Reunión do director do AECT Rio Minho cos presidentes da CEP, da CEVAL e da Cámara de Tui

Pola súa parte, o AECT Rio Minho, manifestou o seu agrado pola reunión co empresariado. Destacou que o posicionamento conxunto de todos os sectores afectados polo peche da fronteira fará unha maior forza ante “os e as que teñen que dar a solución deste ‘sen sentido’”. Insistiu en que o AECT seguirá dando os pasos precisos en todos os ámbitos.

Ademais da reunión de hoxe entre o AECT Rio Minho e o empresariado, o director do agrupamento tamén manterá esta tarde un encontro cos alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño tanto da parte pontevedresa como lusa. Reuniranse para concretar as accións de protesta conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido por ningunha das administracións competentes (abrindo, sen embargo, pasos con menos actividade en Ourense este luns). Como paso previo ás mobilizacións esta fin de semana o AECT colocou pancartas na ponte da Amizade en Goián co fin de facer visible a indignación de toda a cidadanía da ‘raia’.




O AECT e as Eurocidades do Miño estudan medidas de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal

A
directiva da agrupación transfronteiriza xunto aos mandatarios de Tui-Valença, Tomiño-Cerveira
e Salvaterra-Monçao mantiveron un encontro no que afirmaron que a situación
“agrávase cada vez máis”

O
AECT Rio Minho e as Eurocidades do Miño acordaron hoxe nun encontro adoptar
medidas contundentes de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na
fronteira con Portugal. Segundo explica o director da agrupación
transfronteiriza e deputado provincial Uxío Benítez, a situación estase
volvendo “insostible”, xa que o territorio do Miño está ‘afogado’ pola
existencia dun único paso na fronteira en Tui-Valença debido ás restricións de
mobilidade impostas pola COVID-19, o que imposibilita o mantemento das intensas
relacións socioeconómicas entre ambas marxes do río.

Na
reunión de hoxe estiveron presentes o director do AECT, Uxío Benítez; o
vicedirector, Fernando Brito Nogueira, así como alcaldes e alcaldesas dos
concellos de Tui (Enrique Cabaleiro), Tomiño (Sandra González) e Salvaterra
(Marta Valcárcel), así como o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira
(Fernando Nogueira) e os vice-presidentes de Valença (Jose Temporão Monte), e
Monçao (João Oliveira). Todos os dixirixentes amosaron o seu fondo malestar
pola restrición e a existencia dun único paso na fronteira, o que obriga a
moitos traballadores e traballadoras transfronteirizos a dar rodeos  de ata 200 quilómetros para acudir aos seus
postos, coas perdas económicas e de tempo conseguintes. 

Os
mandatarios consideran que non é de recibo que a situación siga igual a día de
hoxe que dende o inicio do estado de alarma, cando era preciso un confinamento
estrito e unha restrición clara da mobilidade. Agora, subliñan, a situación
tense modificado en xeral para alixeirar a mobilidade en ambos estados e tense
demostrado a necesidade de máis pasos entre ambos países polo seu dinamismo
económico conxunto. 

Como argumento desa actividade, na reunión presentáronse os datos do último Observatorio Transfronteirizo España-Portugal (OTEP) publicado polos gobernos español e luso a finais de 2019 sobre a mobilidade na fronteira, que revelan que dos 60 pasos existentes entre España e Portugal, os de Tui-Valença, Tomiño-Vila Nova, e Salvaterra-Monçao están entre os seis máis poboados e suman, entre os tres, máis do 50% do tránsito de vehículos total. 

Con este plantexamento, tanto o AECT como as Eurocidades, adoptaron o acordo de pasar á acción e plantexar medidas de protesta contundentes e  visibles que chamen a atención sobre a situación – ademais de seguir traballando na vía administrativa para conseguir abrir un maior número de pasos e permeabilizar a fronteira-. Neste sentido, estanse a estudiar fórmulas que, cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da desescalada, poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar tanto das e dos dirixentes como da cidadanía afectada. De feito, nos vindeiros días convocarase ao resto das cidades da ‘raia’ para consensuar as medidas de presión de maneira conxunta co fin de que teñan un maior respaldo.

As
e os dirixentes, subliñaron que a situación agrávase cada vez máis para toda a
cidadanía transfronteiriza producíndose colas de ata dúas horas para realizar o
paso entre ambos paíes, á vez que denunciaron que non hai coordinación entre os
corpos policiais, así como que os problemas no sector do transporte son
continuos. Lembran que non só están afectados polo peche da fronteira os
traballadores e traballadoras, senón que tamén a cidadanía xeral, que
habitualmente mantén relacións económicas e sociais estreitas que se ven
imposibilitadas.

Hai que lembrar que o AECT Rio Minho, personalizado no seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co propio delegado do Goberno en Galicia, quen tramitou a solicitude de apertura de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior sen ter aínda unha resposta frutífera. Tamén se realizou un encontro co secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, quen confirmou o traslado da protesta polo peche da fronteira á propia responsable da CE, Ursula Von der Leyen

O AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos formalmente coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. 




O AECT Rio Minho consigue o compromiso do delegado do Goberno de interceder ante os Ministerios de Sanidade e Interior para abrir máis pasos na fronteira do Miño

O director da agrupación europea, Uxío Benítez, manifestou a súa satisfacción pola “dilixencia” de Javier Losada e criticou que Feijóo aínda non teña contestado á solicitude de reunión urxente

Nos concellos da ribeira do Miño “viven 150.000 cidadáns e cidadás europeos e na área de influencia 400.000”, lembrou

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, manifestou a súa “satisfacción” trala reunión co delegado do Goberno en Galiza, Javier Losada,  a quen trasladou a petición da apertura de máis pasos na fronteira de Galiza – Portugal para aliviar a situación de milleiros de traballadores e traballadoras que só poden cruzar a ‘raia’ polo paso de Tui-Valença e realizan rodeos de ata 100 quilómetros. O delegado comprometeuse a interceder para solucionar a problemática, dixo Benítez, e agora é necesario ver como se resolven os trámites. Na reunión, ademais de Benítez estivo presente o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira, así como o secretario xeral da Delegación do Goberno en Galiza.

No encontro, Javier Losada afirmou que remitirá no día de hoxe un informe ao Ministerio de Sanidade -que capitanea o mando único no Goberno central durante a crise da pandemia-, e tamén ao Ministerio de Interior -responsable do control das fronteiras-. Nese documento, solicitarase ao Executivo madrileño que abra novas vías de conexión co país veciño e que teña en conta a problemática e particularidade da fronteira do Miño, a máis poboada e dinámica entre España e Portugal. Nese sentido, o deputado Benítez destacou que só os concellos da ribeira teñen máis de 150.000 habitantes, ampliándose ata 400.000 na área de influencia, “cidadáns europeos que viven na mesma fronteira do río e que teñen o problema de que teñen pechados os pasos fronteirizos”, lembrou.

O AECT comprometeuse a enviar toda a información da que dispón para xustificar a súa solicitude, principalmente o avance do estudo realizado pola Universidade de Vigo sobre o impacto socioeconómico do peche da fronteira, e un dossier sobre as casuísticas singulares que viven traballadores e traballadoras da zona.  Esta documentación sumarase á xa remitida a finais de abril, coa declaración de todas as alcaldesas e alcaldes do territorio transfronteirizo, que xa entón solicitaban a apertura da fronteira e a coordinación entre os gobernos centrais de Madrid e Lisboa.

Así mesmo, o AECT trasladará tamén á Delegación do Goberno todos os pasos
que vaia dando o Goberno portugués co fin de chegar a unha solución consensuada
e coordinada. Nestes momentos, segundo Losada manifestou á directiva do
agrupamento transfronteirizo que aínda non hai ningunha data oficial marcada
para a reapertura xeral da fronteira.

Tras finalizar o encontro, Benítez manifestou a súa satisfacción pola rapidez coa que o delegado “nos deu a cita, a atención que nos prestou, e a dilixencia coa que vai remitir o informe”. Pola contra, foi crítico co presidente da Xunta, tamén presidente da Comunidade de Traballo Galiza e Norte de Portugal, ao que se lle fixo tamén o pasado sábado unha solicitude de reunión dende o AECT: “Non entendemos que non teña contestado á solicitude de reunión urxente, porque entendemos que esta problemática é clave para Galiza”, subliñou Benítez.

A Universidade de Vigo, hai que lembrar, realizou un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 a instancias do AECT e da Deputación de Pontevedra no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.