09 Xuñ “Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir”
O AECT Rio Minho, alcaldesas, alcaldes e presidentes das cámaras miñotas volveron reivindicar onte cunha protesta na ponte internacional entre Salvaterra e Monçao a urxente reapertura de pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas.
“Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir”. Así de clara e desesperada foi a reivindicación que onte novamente realizaron as alcaldesas, alcaldes, presidentes de câmaras miñotos e o AECT Rio Minho, nunha nova protesta para reivindicar a apertura de máis pasos na fronteira. Esta vez foi no medio e medio da ponte entre Salvaterra de Miño e Monçao, pechada o 17 de marzo e pola que ata entón pasaban 10.000 vehículos ao día.
O AECT Rio Minho, quixo aclarar que a reivindicación non se trata de abrir ao turismo con carácter xeral os dous países: “Nós estamos a reivindicar algo moito máis xusto e moito menos preocupante desde o punto de vista sanitario. Simplemente estamos a reivindicar que as cidadás e cidadáns europeos transfronteirizos poidan facer a súa vida natural neste territorio transfronteirizo, que non teñan que desprazarse distancias quilométricas cando teñen unha ponte próxima pola que poderían facer ese paso”, destacou.
A solución é unha cuestión de medios. Colocando persoal do Estado nas pontes de Salvaterra de Miño-Monçao, Arbo-Melgaço, Cerveira-Tomiño e na ponte vella de Tui “para que os traballadores e traballadoras transfronteirizos non teñan que dar voltas quilométricas cos custos económicos que iso trae”. “Tamén demandamos –dixo– para a xente que vivimos aquí, que haxa unha desescalada coordinada e que comercios que agora están pechados porque non poden abrir para os seus clientes do outro lado, que estes poidan pasar”.
Se trata de reivindicacións moito máis xustas e moito menos complexas que a reapertura para o turismo. “Hai moitísima xente que vive e traballa no outro lado. Moitísima xente cun negocio que vive da xente do outro lado. Iso é do que estamos a falar. De que este territorio transfronteirizo se nos abra para poder seguir vivindo e traballando”, insistiu, para advertir que de non atenderse as demandas, seguirase co calendario de reivindicacións.
Desculpou a non asistencia no acto o alcalde da Guarda, estando presentes as alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Salvaterra de Miño, e os alcaldes de Tui, Arbo, As Neves, presidentes de Melgaço, Monçao, Valença, Cerveira e Caminha. Tamén estiveron presentes unha traballadora e un traballador que exemplificaron as dificultades que existen por ter un único paso habilitado na fronteira e a necesidade da reapertura de máis pasos para as persoas traballadoras.
Pola súa banda, Cecilia Puga, cabeleireira de Arbo que ten un salón de peiteado en Melgaço –Portugal– desde hai 19 anos, explicou que diariamente trasladarse ao seu traballo lle leva seis minutos, mentres que agora se ve obrigada a facer diariamente unha hora e media ou dúas horas e dependendo de quen estea na fronteira. “A semana pasada tardei cinco horas en chegar ao meu traballo porque a señora da fronteira emperrouse en que os meus papeis non servían”, apuntou, para destacar que “simplemente pido que me deixen traballar”.
“Xa sabemos que ao mellor é demasiado pronto para abrir a todo o público, pero polo menos aos traballadores que de todas as formas estamos pasando, que nos deixen pasar polos nosos pasos habituais. Trátase de poñer medios. Se non chega coa policía ou o que teñan, que poñan ao exército, pero que deixen aos traballadores e traballadoras pasar para os seus postos de traballo. Eu se teño que facer estes quilómetros nunca na vida tería posto o meu negocio aí. É unha loucura”, relatou.
Puga explicou tamén que a día de hoxe está a traballar a medio gas, despois de estar un mes e medio pechados, porque ten a metade da clientela. Só a portuguesa porque a española non pode ir ao negocio. “Coma a min pásalle a toda a xente en Melgaço. É unha pobreza para a zona. Os restaurantes algúns nin abriron porque dependen da clientela galega e ao non ter aos galegos non lles paga a pena abrir. Gastan máis en luz do que ingresan. A miña vida cambiou moitísimo”, finalizou.
Pola súa parte, Vítor, un feirante portugués, destacou que a situación de peche da fronteira é unha loita “que nos sentimos incapaces de superar nestes momentos”. “É moi duro vivir coas fronteiras pechadas porque está a ser un colapso económico na raia miñota. Falo no meu caso propio pero tamén na voz dos colegas que nestes momentos xa pasan por dificultades e non van conseguir reabrir os negocios se as fronteiras non abren de maneira urxente”, salientou.
Explicou que no seu caso, como comerciante, o 80 % da facturación depende de España, polo que pediu volver á vida social e empresarial de inmediato, “xa que é o medio de sustento para sobrevivir. Temos comercio e industria. Temos traballadores que onde facían 2 quilómetros agora fan 100. Moitos deixaron o traballo porque o que gañan non da para os transportes. Poñan a man na conciencia porque de continuar así vai ser unha desgraza financeira. Estamos a atravesar unha fase moi grave. Somos persoas que dependen moito da fronteira. Abran as fronteiras por favor”, clamou.
Madrid e Lisboa descoñecen a realidade transfronteiriza
O presidente da câmara de Monçao, Antonio Barbosa, tamén foi claro no seu argumento. Indicou que as fronteiras deben ser unha riqueza, pero hoxe son absolutamente o contrario. “Este territorio é exemplo de como en pouco tempo se pode aniquilar unha economía local”, dixo, para cuestionarse como non é posible garantir dous os tres puntos máis de paso para garantir a circulación entre ambos lados. “Non estamos a falar de turismo, estamos a falar de supervivencia de pobos que viven naturalmente xuntos. Pedimos dunha vez por todas que se abra, que haxa coordinación entre os estados e que se permitan as relacións transfronteirizas normalizadas. As fronteiras e a unión dos pobos non pode servir só en determinadas circunstancias. Non pedimos máis que sobrevivir. Pedimos a apertura con desespero”, resaltou.
Finalmente, a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, destacou a fronte común feita polas alcaldesas e alcaldes dun lado e outro da raia para facer “un chamamento á cordura e á sensatez” con respecto á apertura de pasos para a xente traballadora. “Pedímoslle aos gobernos algo tan esencial como que coñezan a realidade do seu territorio. As medidas que se están a tomar aquí son consecuencia do descoñecemento da riqueza e da idiosincrasia deste territorio”, destacou.
Valcárcel lembrou que o 50 % do tránsito entre España e Portugal no Miño pasa pola fronteira pontevedresa. “Non é normal que metamos todo ese tráfico nun só paso. Iso está facendo retencións de máis de dúas horas. Estamos a trasladar o peso económico de toda esta pandemia ao sector máis desprotexido: as traballadoras e traballadores transfronteirizos“, dixo, para insistir en que “somos pobos irmáns e queremos seguir traballando nesa unión, que é unha realidade para nós. Non pode ser que á primeira de cambio montemos un muro”, finalizou.