Preto de 3 millóns de euros para o territorio transfronteirizo do Miño

image_pdfimage_print


 

O territorio transfronteirizo do Miño beneficiarase dun investimento de preto de 3 millóns de euros grazas á concesión dos fondos europeos do programa Interreg VA-POCTEP anunciada hoxe. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de histórica a aprobación dos proxectos presentados pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho e subliñou que a contía dos fondos aprobados “é a máis alta destinada desde a UE a un proxecto común e global para a mellora e desenvolvemento da fronteira do Miño” desde a construción das diferentes pontes entre o sur de Pontevedra e o norte de Portugal.

En total investiranse 942.022,47 euros no programa ‘Smart Minho’ e dous millóns de euros dentro no programa ‘Visit Rio Minho’ (dos que a UE aporta o 75 %) que beneficiarán a todos e cada un dos concellos da raia (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente, xunto coas câmaras portuguesas) e se destinarán ao deseño estratéxico do territorio, con intervencións inmateriais e culturais para poñelo en valor e fomentar o turismo. Así mesmo, relanzarase o Plan de transportes transfronteirizo que leva tempo en proxecto. Todas as actuacións, segundo asegurou Benítez, serán xestionadas pola nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño que está a piques de ser aprobada de xeito definitivo.

A concesión destes fondos europeos supón un grande paso adiante para o desenvolvemento do territorio do Miño. É a primeira vez que a Deputación de Pontevedra, a través da nova área de Cooperación Transfronteiriza, se implica con éxito ao solicitar fondos europeos nunha candidatura de estratexia común que propón un concepto global do Miño transfronteirizo. É preciso destacar que na península ibérica só foron admitidas 130 candidaturas escollidas entre centos de programas presentados relacionadas coas fronteiras e, en dúas delas, a Deputación de Pontevedra e o territorio do Miño son protagonistas.

Logo da confirmación da concesión dos fondos que chegou hoxe é preciso realizar a sinatura dos convenios co POCTEP, actualizar os proxectos adaptándoos ao territorio de xeito definitivo, e presentar as intervencións finais. A intención é desenvolver os primeiros estudos, proxectos e actuacións no que queda de ano.