O AECT Río Miño priorizará as actuacións canceladas pola COVID-19 no seu plan de actividades para 2021

image_pdfimage_print

A asamblea xeral aprobou un investimento de 377.700 euros. Destacou o programa de bicicletas transfronteirizas e o segundo foro cultural Culturminho como as iniciativas máis próximas.

A asemblea xeral da Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Río Miño, celebrou este martes a súa asemblea xeral na que aprobou o plano de actividades e orzamento para 2021, cun investimento global de 377.700 euros cofinanciado en parte polo Programa Interreg V A.

No 2021, o AECT Río Miño priorizará a execución de actividades non realizadas no pasado exercicio pola crise da Covid-19 que obrigou ao cancelamento ou adiamento de diversas acción relacionadas coa execución dos proxectos Smart Minho e Visit Río Minho cofinanciados polo programa Interreg V A.

Destacan, como actividades máis relevantes a realizar nos vindeiros meses, avanzar  na implantación do proxecto piloto de mobilizade Bike Sharing Río Minho, xa en marcha, que ten como obxectivo aplicar un sistema de xestión compartido de bicicletas eléctricas entre seis núcleos urbanos de elevada mobilidade e ligados á rede transfronteiriza de sendeiros verdes do Río Miño.

Tamén no ámbito do Smart Minho, a realización de accións de promoción do patrimonio cultural como o II Foro Cultural Culturminho, que contempla a organización de sesións de capacitación, formación e animación de asociacións transfronteirizas co obxectivo de mobilizar os axentes culturais do territorio para a xeración de proxectos transfronteirizos.

Accións de desenvolvemento sustentable

Valorarase ademais a posta en marcha de diferentes accións que promovan o desenvolvemento sustentable e a cohesión do territorio a través de diversas actividades de valorización do patrimonio cultural inmaterial, promovido e recoñecido pola UNESCO, neste caso enmarcadas dentro do programa Interreg SUDOE da candidatura Livhes, da cal forma parte o AECT Río Minho.

Outros dos proxectos a valorar será o acompañamento no proceso da candidatura ‘A pesca nas pesqueiras do Río Miño’.

Unha iniciativa que pretende reforzar a conciencia de que o patrimonio asociado a esta tradición é un dos máis ricos representantes da herdanza patrimonial que relaciona a cultural material á cultura inmaterial e natural do Río Miño.

Na asamblea xeral celebrada hoxe –que finalmente desenvolveuse en formato telemático- estiveron presentes o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector da entidade Uxío Benítez, o director Fernando Nogueira, así como o alcalde do Concello Tui, Enrique Cabaleiro González; o do Concello da Garda, Antonio Lomba Baz; de  As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; de A Cañiza , Luis Gómez Piña; así como as alcaldesas Porriño, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra e Tomiño: Eva García de la Torre, Ánxela Fernández Callís, María Dolores Castiñeira Alén, Marta Valcárcel Gómez, e Sandra González Álvarez, respectivamente.

O AECT Río Miño é un instrumento de cooperación con personalidade xurídica propia constituído en febreiro de 2018 pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e pola Deputación Provincial de Pontevedra, con vistas a promover a cooperación territorial transfronteiriza.