20 Nov As seis eurocidades da Raia ibérica reúnense en torno ao AECT Rio Minho para intercambiar experiencias
As xornadas sobre “Políticas e instrumentos para o desenvolvemento do Río Miño Transfronteirizo” organizadas pola Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, continuaron en Tomiño cun encontro de todas as eurocidades da raia ibérica nunha palestra moderada polo director do AECT Galicia – Norte de Portugal, Xosé Lago.
A cita permitiu coñecer de primeira man os traballos desenvoltos polas seis entidades europeas da fronteira entre España e Portugal e compartir experiencias ao respecto dos similares retos que todas elas afrontan.
A cita tivo lugar na segunda sesión das xornadas sobre Políticas e instrumentos para o desenvolvemento do Río Miño
A encargada de abrir a mesa foi a presidenta da Eurociudade do Guadiana e alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos, un caso moi similar ao do Río Miño xa que agrupa a tres cidades “unidas por un río”. A continuación foi a quenda do alcalde de Badajoz, Francisco Javier Fragoso, en representación da Eurocidade Badajoz-Elvas-Campomayor, un exemplo de que “se sumamos e agregamos, somos moito máis fortes” explicou o estremeño, que fixo fincapé na necesidade de “rachar coa mentalidade actual” de separar e “rachar coas fronteiras”.
Seguidamente, as catro eurocidades galego portuguesas, a da raia seca de Chavés-Verín, representada polo seu secretario executivo Pablo Rivera, e as tres do Río Miño, coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro e o vicepresidente da Câmara Municipal de Monçao, João Oliveira, presentaron os seus diferentes proxectos.
A Cooperación Europea no mundo
A xornada tamén recolleu os relatorios dos especialistas en cooperación territorial, Martín Guillermo, secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE – AEBR) e o coordinador da AEBR Gobal Initiative, José María Cruz, que deron a coñecer varios casos exitosos de cooperación transfronteiriza dentro e fóra da Unión Europea.
Guillermo lembrou que “non hai nada mellor para demostrar que algúns países se equivocan pechando as súas fronteiras que ensinar o que conseguen aqueles que as abren” e citou varios exemplos positivos de cooperación no ámbito da saúde como o do hospital de Badajoz, compartido co municipio portugués de Elvas ou o famoso caso do Hospital de Cerdanya, en Girona, o primeiro netamente transfronteirizo de Europa.
Pola súa banda, o coordinador da AEBR Global Initiative, José María Cruz, relatou varios casos de cooperación transfroteiriza en Latinoamérica, un territorio onde “a pesar de que non existe unha visión continental panamericana da cooperación transfronteiriza, xa se teñen creado moitos proxectos interesantes dos que tamén podemos aprender, e nos que vemos que atopamos os mesmos problemas que nas fronteiras europeas, pero máis agudos, atopando por exemplo algunhas situacións de pobreza extrema nas zonas periféricas dos países, unha crecente tensión ou problemas na xestión e explotación de recursos naturais fronteirizos”.
Entre os casos latinoamericanos, Cruz quixo destacar, “polas semellanzas que pode ter co caso do Río Miño” o proxecto do Tramo medio do río Uruguai, entre Arxentina, Uruguai e Brasil, un dos máis coñecidos do continente polos seus resultados.