A Deputación reúne en Tomiño a especialistas para buscar novos mecanismos de financiamento para a Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030

image_pdfimage_print

No encontro, liderado polo AECT Rio Minho, analizarase o  próximo marco financeiro europeo con representantes do Ministerio de Economía e Facenda, Consellería de Facenda, CCDR-N e Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas

Na segunda xornada celebrarase un foro con todas as eurocidades da fronteira ibérica para intercambiar experiencias

Os días 18 e 19 de novembro a Deputación de Pontevedra reunirá en Tomiño a administracións públicas estatais e rexionais de España e Portugal, especialistas en financiamento europeo e representantes das entidades locais do territorio miñoto, para estudar o futuro financiamento da estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, con vistas ao novo marco financieiro europeo.

Será nunhas xornadas organizadas conxuntamente pola institución provincial e o Grupo Ante da Universidade de Santiago de Compostela, segundo anunciou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez.

Á cita en Tomiño acudirán destacados expertos en financiamento europeo como o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo; o coordinador da ARFE Global Initiative, José María Cruz; o consultor para a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG Regio), Jonatan Paton; representantes do Ministerio de Hacienda e da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia; da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e da AECT Galicia – Norte de Portugal.

Tamén estarán en Tomiño os principais actores locais do territorio, as tres eurocidades do Miño (Tui – Valença, Tomiño – Cerveira e Salvaterra – Monçao) e as alcaldías e cámaras municipais transfronteirizas, liderados polo AECT Rio Minho, para estudar conxuntamente os mecanismos de financiamento das accións incluídas dentro do documento estratéxico galego portugués.

ITI Río Miño

Segundo explica Benítez, o encontro servirá para afondar na proposta de formulación “dun innovador mecanismo da Unión Europea pouco coñecido en Galiza pero xa implementado con éxito noutros territorios como é o Investimento Territorial Integrado (ITI)” que, segundo apuntou o deputado, “será  o instrumento axeitado para a financiar o Plano de Acción da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, dado o seu carácter de integración nun mesmo programa dos diferentes instrumentos de financiamento, tanto europeo, como estatal e rexional. “Un ITI transfronterizo permitiría empregar de xeito máis eficaz os fondos para o desenvolvemento territorial”, engadiu Benítez.

Precisamente, para “coñecer o funcionamento dos ITI e as súas posibilidades convidamos a participar nas xornadas ao único exemplo de ITI transfronteirizo da Unión Europea”, explicou Benítez, “o italoesloveno de de Gorizia/Nova Gorica/ Sempeter-Vrtojba, ademais doutros exemplos como o ITI portugués do Alto Minho e os implementados en Aragón, Andalucía e Castilla la Mancha, xa no ámbito español.”

As xornadas continuarán o martes 19 cunha reunión de todos os representantes as eurocidades da fronteira ibérica para o intercambio de experiencias e boas prácticas na que participarán entre outros a alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos (Eurociudad del Guadiana); o rexedor de Badajoz, Francisco Javier Fragoso (Eurociudad de Badajoz – Elvas); o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro (Eurocidade Tui – Valença); a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (Eurocidade Tomiño – Cerveira), e o secretario executivo da Eurocidade Chaves Verín, Pablo Búa.

As xornadas están abertas á participación pública mediante inscrición a través da páxina web www.smartminho.eu/aect/xornadas/ onde tamén se pode consultar e descargar o programa completo e actualizado do encontro.

Tras a aprobación da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030 no Consello Consultivo celebrado en Valença o pasado mes de abril, o documento foi presentado ante as máximas instancias do goberno español e portugués, presentada no 9º Encontro Anual da Plataforma de AECTs de Palma de Mallorca e ante a DGRegio en Bruxelas durante a Semana Europea das Rexións e das Cidades, cunha positiva recepción por parte de todas as entidades cara este traballo estratéxico na que a Deputación de Pontevedra leva traballando dende o ano 2017.