A pesca e o río

A pesca e o río

As pesqueiras son construcións levantadas polas poboacións ribeiregas dende tempo inmemorial, para facilitar os labores de captura dos peixes do río Miño. A súa propiedade, así como os coñecementos precisos para construílas e mantelas, defendéndoas dos embates do río, foron pasando de xeración en xeración ate os nosos días. Hoxe, moitas delas están en desuso, destruídas ou esquecidas e son poucas as persoas que aínda dominan as técnicas de construción das artes de pesca.

 

Herdeiros dun patrimonio cultural ancestral, os homes e mulleres do Miño coñecían cada recanto do río e sabían como vivir en consonancia con el. O río pertencíalles e eles pertencían ao río. Esta perfecta simbiose coa natureza que os rodeaba comeza a desbaratarse coa emigración e co éxodo rural. Pouco a pouco fóronse perdendo os nomes dos peixes, das artes de pesca, a formas de captura e a relación co río como sustento.

Cada pesqueira ten un número e un nome, asignado polo poder administrativo que así o esixe. Mais, alén diso, cada pesqueira ten un ou varios camiños, unha relación co río que depende da toca da auga, da orientación da corrente, da configuración do río naquel lugar específico. E é aquí onde aparecen os nosos Tesouros, capaces de saber cando colocar as artes de pesca no bocal da pesqueira, cal será a mellor orientación, a forma apropiada, o tempo correcto e a época de cada especie.

 

Especies

 

As especies do río son variadas. Sobre a abundancia dalgunha delas xa non hai memoria, como o salmón, outras van aparecendo, como o sábalo, e outras xa adquiriron lugar sagrado no imaxinario local, como a lamprea. José Ramón e José Manuel citan técnicas de captura destes famosos hiperoartios, animais tan estraños coma cotizados. Por exemplo os buitróns ou voitróns, onde as lampreas quedan atrapadas nunha especie de rede con forma de funil, con armazón de ferro e unha abertura en arco. Javier escoita atento.

Os Tesouros