23 Ago Unha experta xurídica analizará en setembro os obstáculos legais para a mobilidade na fronteira do río Miño
O estudo, promovido polo AECT Rio Minho a través da iniciativa da Comisión Europea “B-Solutions”, realizarase do 9 ao 13
Unha experta xurídica da Comisión Europea analizará in situ do 9 ao 13 de setembro os obstáculos legais para a mobilidade transfronteiriza no territorio do río Miño, dentro da iniciativa B-Solutions Boosting Minho river Cross-Border Mobility, un dos proxectos para os que o AECT Rio Minho vén de recibir financiamento, segundo informou o director do agrupamento europeo, Uxío Benítez.
Este proxecto, promovido pola Comisión Europea e pola Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa, ten como obxectivo analizar os obstáculos legais para a mobilidade na fronteira do río, análise que realizará unha experta xurídica coñecedora da área –estará no territorio en setembro–, que axudará na estruturación, definición e identificación de obstáculos para a mobilidade no territorio e na preparación dunha proposta de solucións para presentar ás distintas administracións públicas galegas, portuguesas e europeas que supervisan o sector do transporte.
Esta experta xurídica manterá un programa de reunións e visitas no territorio que lle permitirán recoller a información necesaria para o estudo, así como a elaboración dunha proposta de solucións para entregar á Comisión Europea.
REDE LAB MINHO
O AECT Rio Minho recibiu tamén a aprobación do proxecto Rede Lab Minho. O proxecto, que se manterá ata decembro de 2021, prevé a creación e promoción dunha rede de cooperación e observación de dinámicas transfronteirizas locais, o apoio ás experiencias de cooperación local entre as distintas eurocidades do Miño (Tui- Valença, Cerveira-Tomiño e Salvaterra-Monção), así como outras vilas fronteirizas como A Guarda-Caminha e Arbo-Crecente-Melgaço que, aínda que non se constitúen como eurocidades, manteñen relacións de cooperación dentro dos proxectos Smart Minho e Visit Rio Minho.
Rede Lab Minho conta cun investimento de 345 mil euros cofinanciados ao 75% con Fondos FEDER, dentro da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) INTERREG V-A, e ten como obxectivo específico a creación dunha rede de gobernanza transfronteiriza coa que se poderán xerar políticas públicas de benestar da cidadanía; a capacitación, información e sensibilización das estruturas locais de cooperación transfronteiriza (bilaterais) para dar pulo a un maior grao de cooperación territorial; aproximar institucionalmente os modelos de gobernanza dos bens públicos á cidadanía, coa realización conxunta de actividades e iniciativas. Axudará tamén á consolidación do AECT Rio Minho e á súa capacidade para cumprir os seus obxectivos de crear esas novas sinerxías transfronteirizas entre os diferentes concellos.
AECT RIO MINHO
Coa aprobación destes dous proxectos, o AECT logra novos mecanismos de promoción e pulo da cooperación transfronteiriza no territorio.
Estes dous proxectos súmanse aos outros dous nos que xa participa o AECT Rio Minho (Visit Rio Minho e Smart Minho), que teñen como obxectivo principal a cooperación transfronteiriza, grazas ao desenvolvemento de sinerxías económicas, culturais e sociais en 26 municipios, tanto galegos como portugueses, ás dúas beiras do Miño.