María do Amparo

 

Xogo tradicional

 

María do Amparo naceu en Melgaço no ano 1945 e emigrou a Francia, onde permaneceu cincuenta anos ata a súa xubilación. Os seus xogos favoritos eran a mariola e o xogo do pano. Este último consistía en formar un corro agarrados da man, mentres que un xogador corre ao redor levando na man un pano ou lencinho. Ao mesmo tempo, cántase “o lencinho vai na mão ele cairá ou não, o lencinho vai na mão ele cairá ou não”. Deposita o pano detrás duns dos integrantes do corro, que ten que saír correndo para perseguir ao xogador e pillalo.

Humberto Fernandes

 

Xogo tradicional

 

Humberto Fernandes naceu en Melgaço en 1952 e comezou a traballar desde os catorce anos. Os seus xogos favoritos eran a corda, o apaña ou a buxaina, do que era un gran especialista, logrando que xirase sobre á súa man sen que caese. Lembra como o montaburro era un dos xogos máis apreciados polos nenos, no que un equipo se agachaba formando unha ringleira e o contrario tiña que saltar sen caer, quedando montados nos burros que estaban apandando.

Jose Pereira

 

Xogo tradicional

 

Jose Pereira naceu en Melgaço no ano 1944, nunha familia labrega. Aos doce anos marchou a traballar a Lisboa e aos vinte emigrou a Francia. O seu xogo favorito era o pique, no que empregaba os botóns da súa propia roupa e provocaba que a súa nai lle rifara.  Lembra como cada época do ano estaba relacionada cun xogo determinado. Por exemplo, xogábase ao pião desde novembro ata xaneiro, e logo chegaba a tempada do pique. Este último consistía en colocar unha chapiña ou botón grande no chan e tirar outros contra un valado para intentar quedar preto.

 

No xogo da buxaina ou trompo, cada xogador colocaba este xoguete con forma de cono dentro dun círculo debuxado no chan. O obxectivo era lanzar outro pião co cordão e botar fóra dese círculo aos demais. Os rapaces tiñan que facer os seus propios piãos ou conseguir que o elaborase unha carpintería do lugar, polo que se trataba dun xoguete moi valorado.

María Conceiçao Gonçalves

 

Xogo tradicional

 

Neste colectivo participa María Conceiçao Gonçalves, nacida en Melgaço en 1949. De nai peixeira e  pai zapateiro, tivo que emigrar aos 20 anos para Francia, onde permaneceu ata a súa xubilación. O seu xogo preferido era a macaca, tamén coñecida como mariola ou neca, que consiste en lanzar unha pedriña dentro dunha serie de casas debuxadas no chan. Débese avanzar á pata coxa sen pisar as liñas nin a casa onde está a pedriña, recollela e volver ao punto de inicio. En Galiza este xogo coñécese tamén por moitos outros nomes como peletre, patefa ou pata coxa. Na ribeira do Miño, as macacas máis comúns son as integradas por seis ou oito casas.

Manuel Araujo

 

Xogo tradicional

 

Manuel Araujo naceu en Vilanova de Cerveira no ano 1950 e emigrou para traballar en Francia durante moitos anos. Lembra como, de neno, xogaba ao botão e a facer carreiras empregando zancos ou andolas, que elaboraban con robustas gallas que obtiñan dos montes próximos.

María de Lourdes

 

Xogo tradicional

 

María de Lourdes naceu en Melgaço no ano 1951 e destaca, de entre os seus xogos favoritos, as bilhas. Consisten en lanzar unas boliñas de barro, aceiro ou cristal, coñecidas como bilhas, contra as do contrario, intentando introducilas nunha serie de buratos realizados no chan.