Máis de dez encontros con axentes públicos e privados servirán para analizar os obstáculos legais en materia de mobilidade na fronteira do Río Miño

O estudo, promovido polo AECT Rio Minho a través da iniciativa da Comisión Europea “B-Solutions”, contará coa presenza da experta nesta materia, María Gamayo.

O AECT Rio
Minho ten programado dende hoxe e ata o vindeiro venres máis dunha decena de
visitas e encontros con axentes públicos e privados do territorio
transfronteirizo para analizar os principais atrancos legais da mobilidade na
fronteira galego portuguesa. As reunións contarán coa presenza da experta
xurídica da Comisión Europea nesta materia, María Gamayo, quen unha vez
rematadas as xuntanzas elaborará un informe para entregar á institución Europea
no que se recolla os obstáculos legais identificados, como pode ser o traslado
de menores entre unha e outra beira do río Miño.

Entre as
entidades que participan no programa de visitas están os concellos e cámaras
municipais de Tui, Salvaterra, Tomiño, Monção, Valença e Vila Nova de Cerveira;
a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia; o CCDR-N; o Instituto da
Mobilidade e dos Transportes Terrestres de Portugal, e operadores de
transportes e confederacións de empresas de ambas marxes do río.

Este estudo
enmárcase dentro da iniciativa B- Solutions Boosting Minho River Cross – Border
Mobility, proxecto para o que o AECT Rio Minho vén de recibir unha subvencións
de 25.000 €.  B-Solutions é unha convocatoria para o
financiamento de 20 micro proxectos piloto destinados a solventar as barreiras
de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas
como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación
institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas, como é o
caso do AECT Rio Minho.




O AECT Rio Minho colabora co IKFEM 2019 a través da iniciativa Concertos no Río Miño

O festival transfronteirizo ampliará o seu programa con 4 concertos nas eurocidades Tomiño – Cerveira e Tui – Valença

 O agrupamento europeo destinou un total de 30.000 € para a dinamización de experiencias culturais, como parte da acción 2 do proxecto Smart Minho

A través da iniciativa do AECT Rio Minho,  ‘Concertos no Río Miño’, a VII edición do IKFEM que se celebra o vindeiro mes de xullo , incluirá catro novos escenarios, dous deles na eurocidade Tomiño- Cerveira e outros dous na eurocidade Tui – Valença, ampliando deste xeito o ámbito territorial e o número de días do destacado festival transfronteirizo dedicado aos instrumentos de teclado.

`IKFEM -Concertos no Rio Miño’ será unha extensión do propio evento e celebrarase do 14 ao 16 de xullo nos concellos de Tomiño, Cerveira, Tui e Valença. O público poderá gozar dunha programación variada en estilos musicais, con artistas de altísima calidade de Galiza e Portugal, e con propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Os espazos dos concertos serán emprazamentos exteriores en torno ao Rio Miño: o pantalán do club de remo de Tui; a fortaleza de Valença con vistas ao Rio Minho; os xardíns do Aquamuseu de Cerveira, e o espazo fortaleza de Tomiño.

A colaboración do AECT Rio Minho co IKFEM para esta actividade ascende a un total de 15.000 €, unha axuda enmarcada dentro da actividade 2 do proxecto de cooperación europea Smart Minho (cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) destinada á dinamización de experiencias culturais conxuntas entre as dúas marxes do río. O pasado mes de maio, o agrupamento xa colaborou co Encontro de Tocadores `Entre Margens’, cunha financiación similar destinada á programación artística. Grazas a esa achega de 15.000 €,  ‘Entre Margens’ viu consolidada a súa oferta musical e incluíu por primeira vez ao concello da Guarda dentro da súa programación.

Xunto co AETC Rio Minho, son socios do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Smart Minho, a a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.

 




Smart Minho promove encontros entre técnicos culturais municipais para facer da promoción e creatividade cultural un dos atractivos do territorio do Río Miño

A axenda de traballo iniciouse cunha primeira reunión en Tui con técnicos municipais de cultura galegos. O obxectivo é a organización dunha actividade cultural singularizada que poña en valor o territorio do río Miño.

 

Técnicos do proxecto Smart Minho, liderado pola Deputación de Pontevedra, mantiveron esta semana unha reunión de traballo con técnicos de municipios galegos no que supuxo o punto de partida dun proceso de reflexión sobre a cultura transfronteiriza, que ten por obxecto promover a organización dunha actividade cultural singularizada que valorice o territorio do rio Minho.

A axenda de traballo iniciouse con esta reunión, que tivo lugar en Tui, e continuará ao longo dos próximos meses con reunións en Portugal con técnicos de cultura dos municipios lusos e, finalmente, con encontros conxuntos.

Este proceso de reflexión parte do convencemento de que é preciso aproveitar as sinerxías e o potencial creativo existente en ambas as marxes do Río Miño Transfronteirizo (Festival da Poesía do Condado en Salvaterra, Festival de Cans en Porriño, PLAY DOC e IKFEM en Tui, Paredes de Coura, Bienal de Escultura de Tomiño e Vilanova da Cerveira, etc.).

Esta iniciativa desenvólvese no marco da actividade de dinamización de experiencias culturais conxuntas para achegar aos axentes territoriais e involucrar ás poboacións nos procesos de cooperación do proxecto Estratexia de Cooperación Intelixente Rio Minho Transfronteirizo, Smart Minho.

Os obxectivos desta acción son achegar aos axentes territoriais que se moven no campo da cultura, dinamizar redes de traballo conxunto no campo cultural, e facer unha reflexión colectiva sobre as potencialidades da cultura eurorrexional como elemento diferenciador do territorio.

Expertos en industrias culturais, valor cultural e cultura compartida da Eurorrexión de Galicia e Norte de Portugal, asociacións, empresas, artistas e axentes culturais do territorio; representantes de proxectos relevantes doutras rexións europeas e representantes de organismos públicos configurarán os actores clave a mobilizar nos próximos meses.

 

Smart Minho

 

O proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Miño, está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.