1

A Deputación e o AECT Rio Minho encargan un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico do peche das fronteiras no río Miño a causa do Covid-19

O AECT advirte de que “o efecto da pandemia nas fronteiras é dobre” e reclama “unha especil atención por parte das autoridades europeas cara estes territorios”

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Rio Minho, realizará un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico que o peche de fronteiras provocado pola pandemia do Covid-19 está a ter sobre o territorio transfronteirizo do río Miño.

O director do AECT e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, explicou que o territorio do río Miño transfronteirizo vese afectado á súa vez polo decreto de estado de alarma español e o estado de emergência portugués. A recuperación das fronteiras, xusto cando se está a producir o 25 aniversario do Tratado de Schengen, e a supresión do tránsito en lugares de paso, “supoñen unha limitación adicional ao do resto de territorios”, indicou o deputado provincial. “O efecto da pandemia na fronteira é dobre, incide sobre a saúde e a economía local, como en todas partes, pero ademais afecta aos fluxos transfronteirizos nun territorio fortemente interrelacionado”.

“Atopámonos nunha etapa na que se están a construír Eurocidades, servizos
públicos e organismos compartidos, e sobre todo na que a vida cotiá das
persoas, das familias e das empresas desenvólvese nas dúas beiras do río, de
xeito que as limitacións teñen aquí un impacto diferente e máis profundo ao que
é necesario atender”, advertiu o director do AECT Rio Minho.

Por outro lado, Uxío Benítez dirixiuse ás autoridades europeas para reclamar
“unha especial atención e medidas concretas para os territorios
transfronteirizos que son os que máis están acusando esta crise”.

O estudo realizarase a través de entrevistas, telefónicas ou por
videoconferencia, con representantes políticos e sociais de todos os concellos
do Miño de ambas beiras e un seguimento dos medios de comunicación e das redes
sociais. “Este informe permitiranos dimensionar nun primeiro achegamento o
impacto territorial e tomar decisións de modo inmediato con independencia da
necesidade de maiores e máis amplios estudos posteriores”, aclarou Benítez.




Galiza e Portugal, hoxe máis que nunca, unidos de corazón no 25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas

O AECT Rio Minho destaca a relevancia dos territorios transfronteirizos ante a situación desencadenada pola pandemia do COVID19 e comprométese fortalecer a cooperación no territorio do Río Miño

En marzo de 1995 entraba en vigor o Tratado de Schengen, e nacía unha Europa sen fronteiras onde a libre circulación de persoas e mercadorías quedaba permitida. Precisamente cando se conmemoran 25 anos daquel feito histórico, co aniversario da eliminación das fronteiras europeas, vemos como a terrible expansión da pandemia do COVID19 obrigou aos diferentes estados da Unión Europea a tomar unha decisión sen precedentes, reconstruír as vellas fronteiras que dividiron os seus pobos durante séculos.

A situación excepcional na que nos atopamos pon de manifesto a importancia e a interrelación dos territorios transfronterizos como é o caso do Río Miño, o paso fronteirizo máis poboado entre España e Portugal e o máis transitado da península Ibérica, así como as enormes consecuencias que supón para estes enclaves a recuperación das vellas fronteiras.

Tralo aniversario da eliminación das fronteiras europeas, Galiza e Portugal máis unidos ca nunca

Ademais do
confinamento que vive toda a poboación, tanto galega como portuguesa, o territorio
transfronteirizo do Río Miño está a sufrir un dobre golpe. Pechar as fronteiras
é unha decisión que se toma dende os gobernos centrais de cada un dos estados,
moitas veces ignorando a realidade e o día a día dos territorios
transfronteirizos, onde a vida se desenvolve en común entre unha beira e outra
do río, nomeadamente as restricións impostas aos traballadores e traballadoras
transfronteirizos. Con todo,
e no contexto actual, esta decisión revélase necesaria e oportuna en prol da
seguridade e da saúde pública da poboación.

Este é un momento para a solidariedade e a cooperación entre Estados pero tamén para a responsabilidade cidadá. É necesario que polo ben de todos e todas fiquemos nas nosas casas ata que o perigo do contaxio estea superado. Hoxe, máis que nunca, Galiza e Portugal están unidos de corazón para facer fronte a adversidade. Dende o AECT Rio Minho seguiremos traballando por mellorar a calidade de vida das persoas que viven no territorio transfronteirizo e loitando por unha Europa dos pobos, sen fronteiras, unida e forte, onde as políticas de cooperación, saúde e benestar sexan sempre unha prioridade.

Uxío Benítez
Fernández

 
  João Fernando
Brito Nogueira
Director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza     Vice director do AECT Rio Minho e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira



Comunicado dos equipos de xestión dos proxectos de cooperación europea do Rio Minho ante a pandemia do COVID19

Ante a excepcional situación na que nos atopamos provocada pola pandemia do Covid19, a equipa de xestión dos proxectos de cooperación europea Visit Rio Minho e Smart Minho, dos que son socias diferentes administracións públicas de Galiza e Portugal*, e o AECT Rio Minho, ente público de cooperación territorial europea da que forman parte a Deputación de Pontevedra e o CIM Alto Minho, queremos facer un chamamento conxunto á solidariedade e á responsabilidade nestes momentos tan difíciles para a poboación de ambas marxes do río Miño e a manter o confinamento ata que o perigo de contaxio estea superado.

Aínda que separados
fisicamente por unha fronteira que reaparece despois de 25 anos, agora máis que
nunca, estamos unidos de corazón e sentimos que somos un mesmo pobo ante a
adversidade.

Durante as
vindeiras semanas seguiremos traballando de xeito telemático e estaremos á vosa
disposición a través das canles habituais: os nosos correos electrónicos riominho.interreg@depo.es e geral@aectriominho.eu; o teléfono da
oficina 886 210 280, páxinas web de smartminho.eu e visitriominho.eu e nas
nosas redes sociais.

Un saúdo e forza
nestes momentos difíciles pero que superaremos xuntos e xuntas.

Durante a pandemia do Covid19, #Quedanacasa #Fiqueemcasa

*Smart Minho: Deputación de Pontevedra, CIM Alto Minho, AECT Rio Minho e Centro de Estudos Euro Rexionais. Visit Rio Minho: CIM Alto Minho, Deputación de Pontevedra, AECT Rio Minho e Centro de Estudos Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal, Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Universidade de Vigo, Municipios de Caminha, Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença e Vila Nova de Cerveira.