1

Os alcaldes de ambas marxes do Miño propoñen a posta en marcha dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ para evitar que se repitan os problemas do peche da fronteira con Portugal

O AECT Rio Minho propuxo hoxe a posta en marcha dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’. Esta facilitaría a vida da cidadanía de ambos lados do Miño e evitaría que se repitan, entre outros, os problemas de mobilidade derivados do peche da fronteira con Portugal pola crise da COVID-19 para as persoas traballadoras. O AECT realizou esta proposta nunha comparecencia conxunta das alcaldesas, alcaldes e presidentes de câmara dos concellos do territorio miñoto na que se parabenizaron da vitoria conseguida ao terse autorizado a apertura das pontes de Arbo-Melgaço, Salvaterra-Monçao e Tomiño-Cerveira con fins laborais desde o día de hoxe, tal e como viñan reclamando con protestas durante as últimas semanas.

Segundo destacou o máximo dirixente do AECT é necesario desenvolver cara o futuro, e como iniciativa novidosa, un proxecto piloto para crear unha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ que identifique a todas as persoas que viven no territorio “e que facemos a nosa vida, traballo, o noso lecer indistintamente de que esteamos nun estado ou noutro“, para que no futuro, se se volven ter que pechar as fronteiras, o peche non sexa efectivo para esa xente e se permita a mobilidade transfronteiriza “promovendo deste xeito unha cidadanía europea real“.

O AECT Rio Minho solicita aos gobernos “medidas económicas compensatorias” para reactivar o territorio miñoto con fondos europeos, estatais e rexionais

Indicou tamén que a crise do coronavirus vai traer unha crise económica importante que no territorio do Miño vai a ser dobre pola decisión de pechar as fronteiras o 17 de marzo. Por este motivo, instou ás autoridades rexionais, estatais e europeas a que instrúan os procedementos económicos necesarios para que se compense ao territorio miñoto por ter tido as fronteiras fechadas igual que se tiveran centos de anos atrás. “As autoridades teñen que compensar a estes territorios porque nos impediron relacionarnos comercial e economicamente cos veciños do lado“, destacou.

De feito, puxo sobre a mesa a demanda de que no próximo cadro de fondos comunitarios 2021-2027 se faga un Investimento Territorial Integrado (ITI) no río Miño e se dediquen diferentes tipos de fondos –estatais, rexionais e europeos– a facer un investimento enfocado no territorio “porque entendemos que é un territorio con moitas posibilidades de desenvolvemento socioeconómico e hai que reactivalo“. Lembrou tamén que a fronteira entre Pontevedra e Portugal “é a máis dinámica social e economicamente e non se pode permitir que estea afogada durante todos estes meses co muro de Berlín que nos puxeron aquí” e destacou que esa demanda “nos vai ocupar o tempo de aquí en diante“.

“A fronteira entre Pontevedra e Portugal é a máis dinámica social e economicamente e non se pode permitir que estea afogada durante todos estes meses“.

O AECT Rio Minho realizou estas propostas hoxe desde o medio da ponte internacional entre Arbo e Melgaço, para facer unha valoración da apertura de pasos tanto en Arbo-Melgaço, como en Salvaterra-Monçao e Cerveira-Tomiño. O director do AECT manifestou que “para nós, o AECT e os concellos, a apertura dos pasos é unha boa noticia e unha pequena vitoria do territorio do río Miño, porque conseguimos anticipar 15 días e aliviar 15 días a economía de moitas traballadoras e traballadores que poden xa pasar por estas tres pontes e non ter que dar rodeos quilométricos”. 

Destacou que as protestas das alcaldesas, alcaldes e presidentes das câmaras fixeron que se puxeran de acordo dous gobernos de dous estados. “Facemos unha valoración positiva porque conseguimos poñer no mapa o territorio e na axenda dos dous estados o problema que hai para milleiros de persoas“, destacou, indicando que a reapertura dos pasos para as persoas traballadoras non soluciona todos os problemas. “Temos a problemática do comercio transfronteirizo, negocios e comercios que están nun lado do río pero viven, teñen boa parte da súa clientela nos veciños e veciñas do outro lado do río, e non poden recibir ás e aos seus clientes porque non lles está permitido o paso. Iso seguiremos a reivindicalo hoxe e de cara ao futuro, poñendo propostas sobre a mesa“, resaltou lembrando a ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’.

Pola súa banda o alcalde de Arbo, Horacio Gil, salientou tamén a vitoria de que se reabrise ao tránsito unha ponte como a do seu concello “que tardamos tanto ás autoridades para que se construíse“. Resaltou que agora volvéronse convencer da necesidade de reabrir entre os dous países con motivos laborais, pero destacou o seu convencemento de que se comprenda tanto en Madrid como en Lisboa “que o fluxo debe ser o de sempre e non se volva reproducir esta situación“.

Facemos unha valoración positiva porque conseguimos poñer no mapa o territorio e na axenda dos dous estados o problema que hai para milleiros de persoas“.

O presidente da câmara de Melgaço, Manoel Batista, quixo poñer de relevo a importancia do AECT Rio Minho na consecución da reapertura dos pasos fronteirizos. Indicou que nalgún momento houbo dúbidas sobre a efectividade da institución, “pero agora queda xa fóra de toda dúbida a súa importancia“, pola eficacia do traballo feito na problemática da fronteira, e pola existencia dun plan estratéxico estruturado e accións concretas para o territorio.

No acto de hoxe estiveron presentes as alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Salvaterra de Miño, As Neves, A Guarda, e Arbo; os presidentes de câmara de Melgaço, Cerveira, Valença, Monçao, así como o vicepresidente de Caminha.




O empresariado da provincia do Alto Minho únese á reivindicación de abrir xa a fronteira con Portugal e activar instrumentos de compensación económica

O empresariado da provincia de Pontevedra e do Alto Minho uniuse hoxe á reivindicación do AECT Rio Minho de abrir xa a fronteira con Portugal, facilitando a mobilidade co país veciño. Tamén apostan pola activación de instrumentos de compensación económica polas perdas producidas no territorio ‘raiano’ con motivo da crise derivada da COVID-19, que a agrupación transfronteiriza pretende concretar nun Investimento Territorial Integrado (ITI) para o territorio do Miño.

O “apoio total” ás reivindicacións púxose de manifesto hoxe nun encontro virtual no que participaron o director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, co presidente da Confederación de Empresarios da Provincia (CEP), Jorge Cebreiros; o presidente da CEVAL (Confederación Empresarial do Alto Minho) Luis Ceia; e o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, xunto co profesor Martínez Cobas, autor do estudo de impacto económico encargado polo AECT á Universidade de Vigo. Todos eles coincidiron na situación “tremenda” que están a vivir empresarios e empresarias da fronteira, así como as súas traballadoras e traballadores, xa que sofren unha actividade totalmente mermada pola existencia dun único paso transfronteirizo, e a obriga de dar rodeos de 100 quilómetros para acudir aos seus postos de traballo.

O AECT Rio Minho reuniuse hoxe cos presidentes da CEP, da CEVAL e da Cámara de Tui, que aseguraron que o impacto na actividade da zona é “tremendo”

Jorge Cebreiros felicitou ao AECT pola iniciativa de ter encargado o estudo, e destacou que a realidade económica da fronteira do Miño revela o seu dinamismo. Subliñou que os 70 quilómetros dos 2.000 de toda a fronteira entre España e Portugal concentran o 50% do tráfico transfronteirizo. “Este dinamismo xa debería ser suficiente para ter un tratamento asimétrico. Que só estea habilitado un paso en Tui-Valença para o 50% do tránsito non é nin xusto nin proporcional”, subliñou, lembrando que a situación crea transtornos tanto para o tráfico de persoas, como de mercadorías como, nomeadamente, do turismo.

“Téñense que abrir xa todos os pasos da fronteira. Non hai razóns obxectivas para o peche”, subliñou, para insistir en que se están a poñer trabas continuas á potencia económica que é a provincia. “Por unha vez non estamos nun problema norte/sur. Estamos nun problema centro/periferia, porque nin Lisboa nin Madrid saben o que é a fronteira. Non coñecen o grandísimo dinamismo nin a nosa realidade económica. Está claro que logo de avaliar o impacto económico, haberá que habilitar instrumentos de compensación”, finalizou.

Os empresarios subliñan que nin Madrid nin Lisboa coñecen a economía da ‘raia’: “Ter aberto un só paso nin é xusto nin é proporcional”  

Pola súa banda, Luis Ceia, presidente de CEVAL, tamén manifestou o seu total acordo coa necesidade de abrir xa a fronteira con Portugal. Destacou que é preciso mellorar a mobilidade raiana con urxencia porque según os datos publicados, entre o 16 de marzo e o 29 de maio cruzaron o único paso habilitado unhas 200.000 persoas. “As empresas e as actividades na fronteira están a ter problemas. Está claro o exemplo do comercio da Fortaleza, que non ten clientes. A esa xente haina que compensar dalgún xeito”, sinalou.

Tamén na mesma liña se significou o presidente da Cámara de Comercio de Tui, Gumersindo Alonso, quen puxo sobre a mesa as constantes dificultades que supón a volta á normalidade nunha situación de peche da fronteira. “É lamentable que a grande mobilidade que temos, máis do 50% do tráfico, non teña peso específico para que se abran máis pasos”, destacou, para facer fincapé no custe de tempo e cartos que supón a existencia dun só paso para persoas traballadoras da ‘raia’ e as súas empresas.

Alonso puxo tamén o foco no turismo e salientou que supón o 13% do PIB en Galiza e o 12% da ocupación, datos que segundo dixo son máis significativos se se cinguen á provincia de Pontevedra. “A tempada está aí. Non hai peregrinos, non hai xente de fóra. Temos que coidar o transfronteirizo e facer unha grande campaña de promoción turística para animar á xente da Eurorrexión”, finalizou.

Reunión do director do AECT Rio Minho cos presidentes da CEP, da CEVAL e da Cámara de Tui

Pola súa parte, o AECT Rio Minho, manifestou o seu agrado pola reunión co empresariado. Destacou que o posicionamento conxunto de todos os sectores afectados polo peche da fronteira fará unha maior forza ante “os e as que teñen que dar a solución deste ‘sen sentido’”. Insistiu en que o AECT seguirá dando os pasos precisos en todos os ámbitos.

Ademais da reunión de hoxe entre o AECT Rio Minho e o empresariado, o director do agrupamento tamén manterá esta tarde un encontro cos alcaldes e alcaldesas da fronteira do Miño tanto da parte pontevedresa como lusa. Reuniranse para concretar as accións de protesta conxunta e inminente despois de que o ultimátum para a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal non fose atendido por ningunha das administracións competentes (abrindo, sen embargo, pasos con menos actividade en Ourense este luns). Como paso previo ás mobilizacións esta fin de semana o AECT colocou pancartas na ponte da Amizade en Goián co fin de facer visible a indignación de toda a cidadanía da ‘raia’.