1

Un novidoso mecanismo de xestión proposto pola Unión Europea será a chave do financiamento da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030

O futuro financiamento da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030 reuniu en Tomiño a especialistas estatais, rexionais e representantes de todas as entidades locais do territorio nunhas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra e o Grupo Ante da Universidade de Compostela.

O encontro serviu para coñecer un innovador instrumento impulsado pola Comisión Europea durante o período 2014 – 2020, o Investimento Territorial Integrado (ITI), que segundo explicou o director do AECT Río Miño, Uxío Benítez, podería ser a chave do financiamento da estratexia miñota. No acto de inauguración tamén estiveron presentes  o deputado de Economía da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o investigador do Grupo Ante, Rubén Lois e o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira en representación do CIM Alto Minho, João Brito Nogueira.

Segundo
indicou Benítez, un Investimento Territorial Integrado (ITI) é un instrumento
de xestión que permite optimizar e integrar fondos europeos garantindo o seu
máximo aproveitamento. Para a súa implementación é necesario contar cunha serie
de requisitos que “no noso caso cumprimos perfectamente” xa que  “ademais de contar cunha situación
xeoestratéxica e un enorme potencial de desenvolvemento económico do
territorio, temos un documento estratéxico e unha folla de ruta co que queremos
facer de aquí ao 2030” polo que a creación dunha ITI para o territorio
transfronteirizo durante o próximo marco comunitario dos Fondos Europeos
“encaixa perfectamente co noso proxecto”.

A creación dun Investimento Territorial Integrado (ITI) no territorio galego portugués, permitiría optimizar a xestión os fondos europeos, explicou Benítez

Nesa mesma liña apuntou o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo, para quen a posta en marcha dun ITI no territorio sería a “guinda final” a un traballo que dende Europa “levan observando dende o inicio”, co nacemento do AECT Río Miño. “A cooperación transfronteiriza ben feita ten moitos efectos virtuosos que incluso pode atraer investimentos privados e os ITI son mecanismos de xestión que aforran tempo, esforzo e diñeiro”. Para a súa posta en marcha “é imprescindible que exista unha alianza estratéxica cos estados, porque estes teñen a decisión final, pero tamén co resto de administracións rexionais e locais”, polo que instou a todas elas a comprometerse con este proxecto “xa que aí está a clave”.

Un dos
casos máis significativos dos presentados durante a xornada foi o do ITI
italoesloveno de  Gorizia/Nova Gorica/
Sempeter-Vrtojba, o único caso de ITI transfronteirizo en Europa que, segundo
explicou a súa representante, Tanja Curto, garda moitas semellanzas co caso do
Río Miño Transfronteirizo polas súas características similares.

Tamén está
a participar neste encontro o experto en financiamento europeo e consultor para
a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG Regio),
Jonatan Paton, o subdirector adxunto de Cooperación Territorial do Goberno
español, Moisés Blanco Maceira ademais de especialistas universitarios en
diferentes materias.

As xornadas continuaron un segundo día cunha reunión de todos os representantes as eurocidades da fronteira ibérica para o intercambio de experiencias e boas prácticas na que participarán entre outros a alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos (Eurociudad del Guadiana); o rexedor de Badajoz, Francisco Javier Fragoso (Eurociudad de Badajoz – Elvas); o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro (Eurocidade Tui – Valença); a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (Eurocidade Tomiño – Cerveira), e o secretario executivo da Eurocidade Chaves Verín, Pablo Rivera Búa.




A Deputación reúne en Tomiño a especialistas para buscar novos mecanismos de financiamento para a Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030

No encontro, liderado polo AECT Rio
Minho, analizarase o  próximo marco financeiro
europeo con representantes do Ministerio de Economía e Facenda, Consellería de
Facenda, CCDR-N e Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas

Na segunda xornada celebrarase un foro
con todas as eurocidades da fronteira ibérica para intercambiar experiencias

Os días 18 e 19 de novembro a Deputación de Pontevedra reunirá en Tomiño a administracións públicas estatais e rexionais de España e Portugal, especialistas en financiamento europeo e representantes das entidades locais do territorio miñoto, para estudar o futuro financiamento da estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, con vistas ao novo marco financieiro europeo.

Será nunhas xornadas organizadas conxuntamente pola institución provincial e o Grupo Ante da Universidade de Santiago de Compostela, segundo anunciou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez.

Á cita en
Tomiño acudirán destacados expertos en financiamento europeo como o secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE),
Martín Guillermo; o coordinador da ARFE Global Initiative, José María Cruz; o
consultor para a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión
Europea (DG Regio), Jonatan Paton; representantes do Ministerio de Hacienda e da Consellería de
Facenda da Xunta de Galicia; da Comisión de Coordinación de Desenvolvemento
Rexional do Norte de Portugal e da AECT Galicia – Norte de Portugal.

Tamén estarán en Tomiño os principais actores locais do territorio, as tres eurocidades do Miño (Tui – Valença, Tomiño – Cerveira e Salvaterra – Monçao) e as alcaldías e cámaras municipais transfronteirizas, liderados polo AECT Rio Minho, para estudar conxuntamente os mecanismos de financiamento das accións incluídas dentro do documento estratéxico galego portugués.

ITI Río Miño

Segundo
explica Benítez, o encontro servirá para afondar na proposta de formulación “dun
innovador mecanismo da Unión Europea pouco coñecido en Galiza pero xa
implementado con éxito noutros territorios como é o Investimento Territorial
Integrado (ITI)” que, segundo apuntou o deputado, “será  o instrumento axeitado para a financiar o
Plano de Acción da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, dado o seu carácter
de integración nun mesmo programa dos diferentes instrumentos de financiamento,
tanto europeo, como estatal e rexional. “Un ITI transfronterizo permitiría
empregar de xeito máis eficaz os fondos para o desenvolvemento territorial”, engadiu
Benítez.

Precisamente,
para “coñecer o funcionamento dos ITI e as súas posibilidades convidamos a
participar nas xornadas ao único exemplo de ITI transfronteirizo da Unión
Europea”, explicou Benítez, “o italoesloveno de de Gorizia/Nova
Gorica/ Sempeter-Vrtojba, ademais doutros exemplos como o ITI portugués do Alto
Minho e os implementados en Aragón, Andalucía e Castilla la Mancha, xa no
ámbito español.”

As xornadas
continuarán o martes 19 cunha reunión de todos os representantes as eurocidades
da fronteira ibérica para o intercambio de experiencias e boas prácticas na que
participarán entre outros a alcaldesa de Ayamonte, Natalia Santos (Eurociudad
del Guadiana); o rexedor de Badajoz, Francisco Javier Fragoso (Eurociudad de
Badajoz – Elvas); o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro (Eurocidade Tui – Valença);
a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (Eurocidade Tomiño – Cerveira), e o
secretario executivo da Eurocidade Chaves Verín, Pablo Búa.

As xornadas están abertas á participación pública mediante inscrición a través da páxina web www.smartminho.eu/aect/xornadas/ onde tamén se pode consultar e descargar o programa completo e actualizado do encontro.

Tras a
aprobación da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030 no Consello Consultivo
celebrado en Valença o pasado mes de abril, o documento foi presentado ante as
máximas instancias do goberno español e portugués, presentada no 9º Encontro
Anual da Plataforma de AECTs de Palma de Mallorca e ante a DGRegio en Bruxelas
durante a Semana Europea das Rexións e das Cidades, cunha positiva recepción
por parte de todas as entidades cara este traballo estratéxico na que a
Deputación de Pontevedra leva traballando dende o ano 2017.




O AECT Rio Minho estudará os problemas de mobilidade transfronteiriza grazas á aprobación dun novo proxecto europeo

O financiamento chega a través da iniciativa B- Solutions de proxectos piloto nas fronteiras da UE.

 

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto no marco da iniciativa B-Solutions, promovida pola Asociación das Rexións Fronteirizas Europeas (AEBR) baixo a supervisión da DG Regio.

B-Solutions é unha convocatoria para o financiamento de 20 micro proxectos piloto destinados a solventar as barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas, como é o caso do AECT Rio Minho.

O proxecto  promovido polo AECT Rio Minho, Boosting Minho River Cross-Border Mobility, ten por obxectivo o estudo dos problemas de mobilidade transfronteiriza no ámbito do Río Miño, para o que recibíu un financiamento de 25.000 €  destinados a asesoramento.

Con este financiamento, o AECT Rio Minho poderá dispor dun experto xurídico con coñecemento en instancias transfronteirizas que colabore na estruturación, definición e identificación dos obstáculos para a mobilidade transfronteiriza no territorio do Rio Miño, así como na elaboración dunha proposta de solucións para propoñer ás diferentes Administracións e un marco legal desde o que proceder para acometelas. O período de execución do proxecto é de 4 meses.

Segundo explicou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, “a virtualidade e  importancia da aprobación desta candidatura non é tanto o seu monto económico senón o reducido número de propostas  que se admiten dando visibilidade ao AECT en Bruxelas”, diante dos órganos comunitarios e permitíndolle “participar en foros internacionais de debate e construíndo relacións institucionais que abren portas cara a outras subvencións”.

Smart Minho e Visit Rio Minho

 

Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho;  desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.

Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.

Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.