1

A oficina Europa Creativa-Cultura insta ás entidades do territorio do Miño a madurar proxectos culturais para acadar fondos europeos para iniciativas culturais no 2021

O territorio do Miño ten posibilidades de conseguir fondos europeos para iniciativas culturais ademais dos que poderán chegar polos programas de cooperación do Interreg ou do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19. Así o indicou hoxe o asesor técnico e coordinador da oficina Europa Creativa-Cultura e Punto de Cidadanía Europea dependente do Ministerio de Cultura e Deportes, Augusto Paramio, quen  instou ás entidades do Miño, xa ben sexan organizacións públicas, privadas, con ou sen ánimo de lucro, a que desenvolvan de maneira inmediata proxectos culturais para captar fondos das convocatorias europeas que se abrirán na primavera de 2021.

Paramio realizou estas declaracións no marco da súa participación no ‘I Foro de Cultura Transfronteiriza. Culturminho‘ impulsado pola Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho baixo a tutela do deputado Uxío Benítez. Este foro foi escenario de debate dende o pasado martes sobre a necesidade de crear unha axenda cultural tranfronteiriza conxunta no territorio do Miño entre os concellos galegos e as cámaras portuguesas.

O coordinador Augusto Paramio participou na sesión de peche do Culturminho explicando as axudas que se abrirán na primavera.

Segundo explicou o asesor europeo, “as entidades teñen que xerar proxectos, perder o medo aos papeis e á burocracia europea e presentar proxectos que saian do ámbito rexional ou estatal. Hai que quentar motores para o novo período 21-27 , para que no momento que se dea luz verde  ao novo marco financiero -posiblemente a finais deste ano-, cando as primeiras convocatorias empecen a publicarse na primavera do 2021, xa teñan o traballo avanzado”.

Indicou, así mesmo, que os próximos programas tanto de ‘Europa Creativa-Cultura‘ como ‘Europa cos cidadáns‘ serán moi continuístas con respecto aos anteriores á hora de establecer as súas prioridades de selección, tendo como fitos a mobilidade transnacional, o desenvolvemento de audiencias, ou a capacitación (nos ámbitos da dixitalización, formación ou os novos modelos de negocio), ademais puntuar especificamente as iniciativas de integración social de migrantes e refuxiados ou o patrimonio cultural. Subliñou que as axudas aos proxectos poderán ir dos 10.000 aos dous millóns de euros.

A oficina Europa Creativa-Cultura, engadiu o técnico, poderá asesorar, informar e dar asistencia técnica gratuíta a todos os socios que teñan interese.

Balance positivo

Pola súa parte, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez manifestou a súa satisfacción polo éxito do Culturminho e instou ás persoas participantes (máis dun cento de axentes e entidades culturais) a asistir ao próximo encontro que se celebrará a primeiros de ano. Nel, despois de analizar a situación actual da cultura no territorio do Miño, o obxectivo será concretar iniciativas e eventos transfronteirizos con Portugal co que mobilizar un público conxunto.

Benítez salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos para iniciativas culturais posibles, e subliñou que dende o AECT Rio Minho se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg cos proxectos Visit Rio Minho ou Smart Minho, así como os que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19.

É preciso traballar en todos os frentes para conseguir que o territorio do Miño desenvolva todas as súas capacidades e permitir mellorar a calidade de vida das e dos seus cidadáns. Ese debe ser o obxectivo de todos nós nas administracións“, destacou.