O AECT Rio Minho aproba as contas e o informe de actividades do 2018

A entidade centrou os seus esforzos na mellora cooperación transfronteiriza e o apoio a proxectos europeos que se están a desenvolver no territorio.

 

A Asemblea Xeral do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) reuniuse onte en Valença para aprobar as Contas e o Informe de actividades correspondentes ao periodo de 2018.

Segundo explicou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, durante o 2018, a entidade concentrou gran parte dos seus recursos en actividades de consolidación institucional na rexión a través de dinámicas locais de cooperación transfronteiriza, no apoio á implementación do proxecto ‘Smart Miño’, cofinanciado polo Interreg V-A, e na presentación do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño ante relevantes entidades rexionais, nacionais e europeas.

Así mesmo, segundo apuntou Benítez, houbo tamén un esforzo moi significativo na promoción de actividades que contribúan á preservación e valorización do Río Miño Transfronteirizo, como a creación da marca ‘Río Miño’, unha acción enmarcada no proxecto ‘Visit Rio Minho’, do que tamén son socias a Deputación de Pontevedra e o CIM Alto Minho, e que conta igualmente con cofinanciamento do programa Interreg V-A.

Promoción da marca Rio Minho

Precisamente, reforzar a difusión desta nova marca para o territorio e a súa consolidación como elemento identificativo da xeografía miñota, será un dos principais eixos de actuación do AECT neste 2019.

Ademais, o AECT  presentou unha nova candidatura aos fondos europeos, o proxecto  Red Lab Minho, cun investimento global de arredor de 431.745 euros e dirixido á dirixido a apoiar as dinámicas bilaterais de cooperación transfronteiriza do territorio do AECT Rio Minho, que se espera que sexa aprobado nas próximas semanas.

Por último, Benítez destacou tamén o labor de soporte regular que, no ámbito do protocolo realizado coa Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, se lle deu ao proxecto “Amizade Cerveira-Tomiño”.

O informe de contas, relativo aos seis meses de xestión en 2018, de xullo a decembro, contempla un orzamento global de 62.326,70 euros, dos que foi executado o 75%, é dicir 45.963,51 €.

Disolución de Uniminho

Por outra parte, a Asociación do Val do Miño Transfronteirizo (Uniminho) puxo hoxe o punto final a un traballo de máis de dez anos, cuxas funcións e proxectos agora “herdará” o AECT Rio Minho, nunha lóxica de continuidade na persecución dos mesmos obxectivos globais.