1

O AECT Rio Minho colabora co IKFEM 2019 a través da iniciativa Concertos no Río Miño

O festival transfronteirizo ampliará o seu programa con 4 concertos nas eurocidades Tomiño – Cerveira e Tui – Valença

 O agrupamento europeo destinou un total de 30.000 € para a dinamización de experiencias culturais, como parte da acción 2 do proxecto Smart Minho

A través da iniciativa do AECT Rio Minho,  ‘Concertos no Río Miño’, a VII edición do IKFEM que se celebra o vindeiro mes de xullo , incluirá catro novos escenarios, dous deles na eurocidade Tomiño- Cerveira e outros dous na eurocidade Tui – Valença, ampliando deste xeito o ámbito territorial e o número de días do destacado festival transfronteirizo dedicado aos instrumentos de teclado.

`IKFEM -Concertos no Rio Miño’ será unha extensión do propio evento e celebrarase do 14 ao 16 de xullo nos concellos de Tomiño, Cerveira, Tui e Valença. O público poderá gozar dunha programación variada en estilos musicais, con artistas de altísima calidade de Galiza e Portugal, e con propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Os espazos dos concertos serán emprazamentos exteriores en torno ao Rio Miño: o pantalán do club de remo de Tui; a fortaleza de Valença con vistas ao Rio Minho; os xardíns do Aquamuseu de Cerveira, e o espazo fortaleza de Tomiño.

A colaboración do AECT Rio Minho co IKFEM para esta actividade ascende a un total de 15.000 €, unha axuda enmarcada dentro da actividade 2 do proxecto de cooperación europea Smart Minho (cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) destinada á dinamización de experiencias culturais conxuntas entre as dúas marxes do río. O pasado mes de maio, o agrupamento xa colaborou co Encontro de Tocadores `Entre Margens’, cunha financiación similar destinada á programación artística. Grazas a esa achega de 15.000 €,  ‘Entre Margens’ viu consolidada a súa oferta musical e incluíu por primeira vez ao concello da Guarda dentro da súa programación.

Xunto co AETC Rio Minho, son socios do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Smart Minho, a a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.