IKFEM 2019 Abe Rábade

Os ‘Concertos no Río Miño’, preámbulo do IKFEM 2019, ofrecerán catro actuacións de alto nivel con propostas para todos os públicos

image_pdfimage_print

Grazas a esta iniciativa do AECT Río Miño o festival crece con catro concertos nas eurocidades Tomiño – Cerveira e Tui – Valença

A organización europea destinou un total de 15.000 euros para a dinamización desta experiencia cultural, como parte da acción 2 do proxecto Smart Minho

A VII edición do IKFEM 2019, festival de música de teclado da Eurocidade Tui – Valença, terá como preámbulo os ‘Concertos no Río Miño, unha iniciativa do AECT Rio Minho a través do proxecto Smart Minho, que completará o programa do festival con catro actuacións de artistas de Galiza e Portugal. Os concertos terán lugar en enclaves senlleiros das eurocidades Tui – Valença e Tomiño – Cerveira e ofrecerá un cartel con propostas para todos os públicos.

`IKFEM -Concertos no Rio Miño’ será unha extensión do propio evento e celebrarase do 14 ao 16 de xullo nos concellos de Tomiño, Vila Nova de Cerveira, Tui e Valença. O público poderá gozar dunha programación variada en estilos musicais, con artistas de altísima calidade de Galicia e Portugal, e con propostas dirixidas a todo tipo de públicos. Os espazos dos concertos serán emprazamentos exteriores na contorna do Rio Miño: Centro Interfederado, do club de remo de Tui; a fortaleza de Valença con vistas ao Rio Minho; os xardíns do Aquamuseu de Cerveira, e o Espazo Fortaleza de Tomiño.

A colaboración do AECT Rio Minho co IKFEM para esta actividade ascende a un total de 15.000 euros. Esta axuda está enmarcada na actividade 2 do proxecto de cooperación europea Smart Minho, destinada á dinamización de experiencias culturais conxuntas entre as dúas marxes do río.

O pasado mes de maio, o agrupamento xa colaborou co Encontro de Tocadores `Entre Margens’, cunha financiación similar destinada á programación artística. Grazas a esa achega de 15.000 euros,  ‘Entre Margens’ viu consolidada a súa oferta musical e incluíu por primeira vez ao concello da Guarda dentro da súa programación.

Concertos no Río Minho

O programa dos Concertos no Río Minho, patrocinado polo AECT, inclúe os seguintes concertos:

O domingo 14 en Tomiño, no espazo Fortaleza, ás 21.30 horas (hora galega), haberá un concerto de Mini Mozart, destinado ao público infantil. As aventuras de Mozart e da súa irmá María Anna marcan o percorrido pola música do xenio austríaco.

Ese mesmo día, na veciña Cerveira, nos Jardins do Aquamuseu do Rio Minho  ás 23.oo (hora galega), os músicos Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto presentarán a súa colaboración conxunta que leva por nome “Voar a seis mans”. Mesturaranse composicións orixinais dos tres autores, música tradicional galega e adaptacións de tres grandes autores suramericanos: Tom Jobim, Astor Piazzolla e Egberto Gismonti.

O luns 15 de xullo, no Centro Interfederado (Club de Remo) de Tui, ás 21.oo horas (hora galega), actuará o galego Davide Salvado co seu espectáculo “Amarelo”, no que reinterpreta a xeito contemporáneo cancións tradicionais galegas e doutras partes do mundo.

Xa o martes 16, en  Valença do Minho, no Largo Visconde Guarativa (Fortaleza) ás 21.00 (hora galega) será o Mineus Dúo quen mesturará as músicas de ambas as dúas beiras do río Miño, co programa que leva por título: “Atravessando o Minho: canções da Galiza e Portugal”. O tenor Jorge Prego, xunto con Miguel Campinho ao piano, farán un percorrido musical polo Portugal e a Galicia dos últimos 200 anos a través da canción lírica, como exemplo da cultura transfronteiriza do territorio.

Smart Minho

Xunto co AETC Rio Minho, son socios do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Smart Minho, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.