1

Obxectivo ‘Culturminho’: crear unha programación cultural transfronteiriza

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe en Tui o 1º Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo, ‘Culturminho‘, que terá lugar en formato dixital os vindeiros 6, 7, 8 e 9 de outubro. Trátase dun evento que, segundo dixo o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, servirá de lugar de encontro de todos os axentes culturais, asociacións, colectivos, concellos e outras entidades institucionais do territorio do Miño para fomentar a creación dunha programación cultural realmente transfronteiriza e conxunta para ambas marxes do río.

Ante as alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras de cultura de Tomiño, O Rosal, Tui, As Neves, Arbo, A Guarda, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, e outros da parte portuguesa do AECT Rio Minho, Benítez lembrou que no territorio do Miño existen xa numerosas experiencias como o Festival de Cans, o Play-Doc, o festival de poesía do Condado, ou o simposio de escultura Tomiño-Cerveira, polo que destacou que o obxectivo do foro será visibilizar e valorar esas experiencias, extraer conclusións e crear unha rede de axentes culturais que fortalezan os eventos xa consolidados e se programen outros novos, sobre todo coa idea de mellorar a promoción tanto na parte galega como portuguesa.

Queremos que os eventos que se fagan teñan repercusión no outro lado (da fronteira) e poida haber axendas e programacións culturais conxuntas seguindo unha liña conxunta que é consolidar un territorio transfronteirizo como é o do Rio Minho“, dixo, destacando a importancia de atraer público moi diverso.

O deputado Uxío Benítez presentou aos concellos do Miño o foro Culturminho, que estudiará como atraer públicos dun e doutro lado da fronteira galego-portuguesa

O 1º Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo

Benítez apuntou que o 1º Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo terá dúas fases, esta primeira que terá lugar virtualmente a principios de outubro organizada pola Deputación, e unha segunda que se realizará na primavera de 2021 –agárdase que de maneira presencial– que organizará a parte portuguesa, na que unha vez extraídas as conclusións se traballará na elaboración de novas propostas culturais para implantar no territorio para as que se buscará, ademais, financiamento europeo.

O primeiro evento, encadrado dentro do proxecto europeo Smart Minho financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020‘, terá formato telemático e contará cada día pola tarde con mesas de debate e conferencias na que participarán persoas de colectivos e entidades que están a traballar na cultura e en eventos destacacados.

Inscricións

Para participar hai que inscribirse –de forma gratuíta– na páxina smartminho.eu/inscricionforocultura/. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que viven a cultura e que participan, que sexan axentes, industrias culturais… a que tomen parte porque queremos amosar as experiencias existentes, pero tamén recoller suxestións para entre todos extraer ideas“, dixo Benítez.

Pola súa parte, o director do AECT, Nogueira destacou que “é preciso agarrar todas as oportunidades para atraer quer axentes, quer público ao territorio transfronteirizo“, asegurando que a promoción e a divulgación son chaves para o éxito das iniciativas.

Programa

Xosé Aldea, responsable de ‘Ouvirmos’, a empresa organizadora do encontro resaltou que o programa Smart Minho “entende a cultura como un valor económico para o territorio“, polo que indicou a importancia de ver as sinerxías, coñecementos e vías de colaboración entre ambas partes do río para “atopar un público común e compartido” ao que lle ofrecer unha programación conxunta.

O xestor cultural tamén destacou a oportunidade que se abre con Culturminho ao apostar polo formato dixital. Asegurou que dado que a pandemia da COVID-19 deu un valor psicoterapéutico á cultura, é obrigado afondar nas posibilidades do streaming e na difusión ao vivo, xa que é un modelo “que chegou para moito tempo“.

En canto ao programa, Aldea indicou que as xornadas comezarán todos os días ás 17 horas (GL). O martes 6 de outubro será o acto inaugural, e despois realizarase unha mesa redonda na que participarán representantes da Fundaçao da Bienal de Arte de Cerveira, do Festival de Cans, do Festival Folk Celta de Ponte da Barca, de Entre Margens ou do Festival de Vilar de Mouros.

Ao día seguinte, o mércores, a charla versará sobre as experiencias de cooperación e cultura no río Miño, con xestores e xestoras de ambas beiras como a Casa das Artes de Valdevez, o Simposio de escultura de Tomiño-Cerveira, o Folk Monçao, o IKFEM, ou Ponte nas Ondas.

O xoves tomarase como centro o teatro e baixo o epígrafe ‘Palabra e escena no río Miño’ exporanse iniciativas profesionais como as do Museo do Cinama Melgaço, As comedias do Minho, o Play-Doc, ou o Festival de Poesía do Condado.

Finalmente, xa o venres cambiará o formato e en lugar dunha charla realizaranse dous relatorios, un sobre financiamento a cargo do asesor técnico do Ministerio de Cultura e Deportes na oficina Europa Creativa, Augusto Paramio, a quen se lle queren tamén trasladar as potencialidades do territorio do Miño. Por outra banda contarase coa participación de Miguel Ángel Cajigal, divulgador cultural coñecido como @elbarroquista con máis de 78.000 seguidores en Twitter.