Benítez nas xornadas gastronómicas

O AECT Rio Minho creará un foro estable de gastronomía e turismo que reúna ao sector privado e aos axentes públicos para impulsar a marca Rio Minho

image_pdfimage_print

Uxío Benítez salientou “a importancia de traballar de xeito conxunto para ofrecermos un produto máis completo e mostrar ao mundo todo o que temos de bo no noso territorio”

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participou na inauguración da I Xornada de Gastronomía do Rio Minho, celebrada en Caminha, nun acto no que estivo acompañado polo director da Fundación CEER, Valerià Paül; a concelleira de Festas da Guarda, Elena Baz; e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves.

Benítez aproveitou a ocasión para amosar a súa satisfacción polo éxito do Congreso Turístico que tivo lugar na Guarda e co que se abría este I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho e anunciar “a creación dun foro estable que reúna ás empresas do sector turístico e da gastronomía, e do que tamén formen parte os axentes públicos que estamos traballando día a día polo sector, para que deste modo poidamos camiñar de forma conxunta e coordenada, e cunha estratexia común para impulsar esta marca Rio Minho que ten tanto que ofrecer ao mundo”.

O director do AECT Rio Minho salientou que eventos como este I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía son unha oportunidade para “mostrar ao mundo todo o que temos de bo no noso territorio”, e reiterou que “ao facelo xuntos e xuntas ofreceremos un produto máis completo”. Benítez apuntou que esta era a primeira vez que se realizaba un foro deste tipo con representantes institucionais dunha e outra beira do Miño pero “que con seguridade non sería último”. Ademais, fixo fincapé na importancia da presenza e participación no evento de empresas do sector privado como ocorreu na xornada de onte e na de hoxe “que son as que traballan día a día polo noso turismo”.

“É necesario que se continúe facendo este tipo de accións e deseñar un camiño cunha estratexia común para ser máis eficientes e competitivos co obxectivo final de atraer máis visitantes”, apuntou.

Proxecto Visit Rio Minho

O deputado lembrou que o I Encontro de Gastronomía e Turismo do Rio Minho é unha iniciativa que forma parte do proxecto de Cooperación europea Visit Rio Minho, cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, “orientado á promoción e preservación do territorio, e que ten por obxectivo “atraer visitantes a esta rexión con accións que xa se están executando nunha e outra beira e coa creación da marca Rio Minho, que temos hoxe aquí”.

Ao longo da xornada tiveron lugar diferentes actividades relacionadas coa gastronomía e a industria vitivinícola. Tras un debate con expertos e expertas de diferentes ámbitos académicos e profesionais o chef Alberto González do restaurante Silabario de Vigo ofreceu un showcooking con produtos do territorio. Xa pola tarde foi a quenda para as degustacións e catas de viños, cervexas e lamprea e microcharlas que ofreceron unha visión completa da gastronomía a través da antropoloxía, a historia e as actividades no territorio.