Director AECT - reunión videoconferencia

O AECT Rio Minho consigue o compromiso do delegado do Goberno de interceder ante os Ministerios de Sanidade e Interior para abrir máis pasos na fronteira do Miño

image_pdfimage_print

O director da agrupación europea, Uxío Benítez, manifestou a súa satisfacción pola “dilixencia” de Javier Losada e criticou que Feijóo aínda non teña contestado á solicitude de reunión urxente

Nos concellos da ribeira do Miño “viven 150.000 cidadáns e cidadás europeos e na área de influencia 400.000”, lembrou

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, manifestou a súa “satisfacción” trala reunión co delegado do Goberno en Galiza, Javier Losada,  a quen trasladou a petición da apertura de máis pasos na fronteira de Galiza – Portugal para aliviar a situación de milleiros de traballadores e traballadoras que só poden cruzar a ‘raia’ polo paso de Tui-Valença e realizan rodeos de ata 100 quilómetros. O delegado comprometeuse a interceder para solucionar a problemática, dixo Benítez, e agora é necesario ver como se resolven os trámites. Na reunión, ademais de Benítez estivo presente o vicedirector do AECT Rio Minho e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira, así como o secretario xeral da Delegación do Goberno en Galiza.

No encontro, Javier Losada afirmou que remitirá no día de hoxe un informe ao Ministerio de Sanidade -que capitanea o mando único no Goberno central durante a crise da pandemia-, e tamén ao Ministerio de Interior -responsable do control das fronteiras-. Nese documento, solicitarase ao Executivo madrileño que abra novas vías de conexión co país veciño e que teña en conta a problemática e particularidade da fronteira do Miño, a máis poboada e dinámica entre España e Portugal. Nese sentido, o deputado Benítez destacou que só os concellos da ribeira teñen máis de 150.000 habitantes, ampliándose ata 400.000 na área de influencia, “cidadáns europeos que viven na mesma fronteira do río e que teñen o problema de que teñen pechados os pasos fronteirizos”, lembrou.

O AECT comprometeuse a enviar toda a información da que dispón para xustificar a súa solicitude, principalmente o avance do estudo realizado pola Universidade de Vigo sobre o impacto socioeconómico do peche da fronteira, e un dossier sobre as casuísticas singulares que viven traballadores e traballadoras da zona.  Esta documentación sumarase á xa remitida a finais de abril, coa declaración de todas as alcaldesas e alcaldes do territorio transfronteirizo, que xa entón solicitaban a apertura da fronteira e a coordinación entre os gobernos centrais de Madrid e Lisboa.

Así mesmo, o AECT trasladará tamén á Delegación do Goberno todos os pasos que vaia dando o Goberno portugués co fin de chegar a unha solución consensuada e coordinada. Nestes momentos, segundo Losada manifestou á directiva do agrupamento transfronteirizo que aínda non hai ningunha data oficial marcada para a reapertura xeral da fronteira.

Tras finalizar o encontro, Benítez manifestou a súa satisfacción pola rapidez coa que o delegado “nos deu a cita, a atención que nos prestou, e a dilixencia coa que vai remitir o informe”. Pola contra, foi crítico co presidente da Xunta, tamén presidente da Comunidade de Traballo Galiza e Norte de Portugal, ao que se lle fixo tamén o pasado sábado unha solicitude de reunión dende o AECT: “Non entendemos que non teña contestado á solicitude de reunión urxente, porque entendemos que esta problemática é clave para Galiza”, subliñou Benítez.

A Universidade de Vigo, hai que lembrar, realizou un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 a instancias do AECT e da Deputación de Pontevedra no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.