Medio milleiro de persoas participaron directamente na elaboración da ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030′

image_pdfimage_print

O II Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrado en Tomiño supuxo o cumio do proceso participativo da elaboración da ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030′, na que segundo se deu a coñecer esta mañá, participaron directamente preto de 500 persoas. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación transfronteiriza, Uxío Benítez, presentes no acto, coincidiron a sinalar o positivo destes datos e a importancia que a poboación do territorio tivo como protagonista e principal beneficiaria desta iniciativa do proxecto Smart Minho, do que forman parte a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER) e a AECT Río Miño.

Máis dun cento de persoas déronse cita neste segundo encontro, onde tiveron a oportunidade de coñecer e debater as primeiras conclusións do traballo de análise do territorio que comezou a finais de 2017. Os diferentes mecanismos postos en marcha, que incluíron cinco mesas sectoriais, unha enquisa online, dous fórums públicos e numerosas reunións con ata 13 concellos e câmaras municipais, permitiron realizar un traballo profundo e realista.

O director da FCEER e coordinador da elaboración da estratexia, Valerià Paül, enfatizou a importancia de contar cun documento guía coma este xa que “existen poucos territorios transfronteirizos en Europa e no mundo que teñan unha estratexia común, e que teñan claramente unha idea do que queren ser e facer. Ademais, os documentos estratéxicos normalmente están trazados a unha escala dos territorios marcados polos espazos de soberanía dos estados, e neste caso, rompemos con isto”. Tras un ano de elaboración da Estratexia, no que se realizaron máis de 45 entrevistas, Paül asegurou que “neste caso podemos dicir que hai unha vontade moi clara de deseñar proxectos reais e obxectivos, que sexan moi operativos, sendo o turismo un eixo estrutural”. Proba diso son as máis de 80 intervencións e proxectos deseñados durante estes meses, recollidos no Plan de Accións que acompaña ao documento guía.

A segunda ITI transfronteiriza de Europa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu alabanza a este proxecto innovador que ten a poboación do territorio como protagonista e partícipe e sinalou que “no século XXI non podemos deixar de contar coa intelixencia da cidadanía neste tipo de proxectos”. Silva lembrou hai 2000 anos “este territorio era o centro da relación económica entre o Atlántico e o Mediterráneo e non a periferia, e que hoxe esta iniciativa da valor e recoñece a nosa posición central, o noso dinamismo e a nosa creatividade”.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, resaltou “grazas á Estratexia, por primeira vez temos unha visión do territorio como un espazo único” e anunciou que a AECT Río Miño, “con este documento na man que demostra que sabemos o que queremos e onde queremos chegar” reivindicará que “contamos coas condicións obxectivas para acometer no territorio proxectos piloto de cooperación transfronteiriza en todos e cada un dos concellos e cámaras e ademais, podemos converternos na segunda experiencia a nivel europeo de crear un Investimento Territorial Integrado transfronteirizo (ITI) que permita aplicar fondos europeos desde unha visión global do territorio”.