29 Mar Estudantes de Xeografía da Universidade de Santiago visitan a sede do AECT Rio Minho en Valença
O secretariado técnico do AECT explicoulles o funcionamento deste instrumento de cooperación transfronteiriza e as principais liñas de acción da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030.
Un grupo de estudantes de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela visitou esta mañá a sede do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) no municipio de Valença .
O secretariado técnico do AECT, composto por Lois Pérez Castrillo e Antonio Torres, foi o encargado de guiar aos estudantes durante a visita e explicarlles o funcionamento deste instrumento de cooperación transfronteiriza. Así mesmo, detallouselles as principais liñas de acción da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030.
O AECT Rio Minho
O AECT Rio Minho é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 no marco do proxecto Smart Minho, para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo.
O obxectivo prioritario O AECT Rio Minho é lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués con iniciativas como: a valorización e promoción dos recursos do territorio, a promoción do patrimonio cultural e natural común, a captación de financiamento europeo e estatal para as diferentes iniciativas de emprendemento, a creación e consolidación dunha marca turística “Río Miño” como elemento de identificación do territorio e impulsar servizos e equipamentos compartidos entre os municipios de ambas as beiras do Miño.
O Val transfronteirizo do Miño está situado no eixo Vigo-Porto e abrangue 26 concellos con unha poboación de 376.000 habitantes e unha extensión de 3.312 quilómetros cadrados, sendo a fronteira ibérica máis poboada e transitada. Esta área concentra o 47 % do tránsito medio de vehículos entre ambos os estados.