Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho asinan a ‘Declaración de Tui’ para potenciar o Miño como “o río que nos une”

image_pdfimage_print

A ‘Declaración de Tui’ deixou claro hoxe que o río Miño é un elemento de unión, un elemento central dun territorio con características, cultura e obxectivos comúns. O documento asinado no Parador de Tui é o xerme dunha nova asociación de cooperación entre os concellos pontevedreses e portugueses para potenciar o río Miño, unha nova ferramenta para unir o territorio transfronteirizo aproveitando as súas características e intereses compartidos. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da CIM Alto Minho, José María da Cunha Costa, así o manifestaron tras asinar o documento que confirma a súa vontade para traballar en conxunto e constituír un novo organismo de cooperación que actúe como foro permanente de debate no que estean representados todos os actores institucionais e sociais que integran a área transfronteiriza e que desenvolva proxectos conxuntos para acollerse a programas comunitarios no ámbito da Cooperación Territorial Europea.

A sinatura realizouse simbolicamente o 13 de febreiro, coincidindo co aniversario do Tratado de Lisboa de 1668 polo que se declarou a paz entre España e Portugal, que permitiu a independencia do estado luso fronte á coroa española. “O Miño é a fronteira de auga que separaba dous territorios que tiñan todo en común e que a falta de intelixencia separou. Hoxe, 348 anos despois da data histórica de separación, nós somos homes e mulleres que nos dedicamos a poñer en valor a intelixencia, que se demostra coa cooperación, a capacidade de entenderse e os proxectos comúns. Temos que poñer en marcha os nosos soños”, salientou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A presidenta subliñou que a ‘Declaración de Tui’ permitirá o desenvolvemento dos concellos “a un e outro lado deste río de fermosura extraordinaria, coma unha arma pacífica que permita demostrar que hai que mirar para este territorio”. Tamén sinalou que “non se entendería” que os proxectos que se presentaron para obter fondos europeos non fosen aceptados.

O Miño, unha gran potencialidade

A sinatura da ‘Declaración de Tui’ para a creación dunha nova Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) simboliza o inicio do camiño dunha unión natural do territorio que debe ser recoñecida polas administracións. Nela o río aparece como “a nosa maior potencialidade” nunha área de influencia na que se moven uns tres millóns de persoas (entre Vigo e O Porto) e na que hai moitos sectores socioeconómicos que desenvolver.

A cooperación transfronteiriza é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións arraianas e a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural dos concellos do Miño. En 2006 a Deputación de Pontevedra subscribiu coa Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho un convenio de cooperación para a constitución de Unimiño-Asociación do Val do Miño Transfronteirizo, para promover a cooperación entre ambas as rexións nos ámbitos da cultura, o deporte, o lecer, o patrimonio, o turismo, o ambiente, os recursos naturais e a protección e o aproveitamento conxunto do río Miño. Debido a que a Unimiño rematou o seu cometido fundacional “é preciso continuar este labor empregando os novos instrumentos de cooperación previstos actualmente, aproveitando a experiencia e, ao mesmo tempo, lanzando unha nova estratexia de cooperación no marco da Estratexia 2020 da UE”.

Presentación da candidatura aos programas Interreg VA-POCTEP

Ademais da sinatura da ‘Declaración de Tui’ o acto no Parador de Tui serviu para presentar publicamente os proxectos presentados na candidatura do río Miño aos fondos comunitarios dos programas Interreg V A-POCTEP. Con esta candidatura galego-portuguesa presentada pola Unimiño preténdese conseguir un investimento de máis de 7,5 millóns de euros no territorio transfronteirizo co fin de consolidar a zona como destino turístico de calidade e atraer millóns de potenciais visitantes da área de influencia e do exterior.

O presidente de Uniminho e da Câmara municipal de Melgaço, Manuel Batista, foi o encargado de explicar os pormenores da candidatura no acto do Parador de Tui. Sinalou que se pretende crear a marca “Río Miño” a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental cunha xestión e estratexia conxunta que permita involucrar a todos os sectores da zona.