O AECT Rio Minho aproba o plan de actividades e o orzamento para 2022

Este luns na sede do AECT Rio Minho, en Valença, foi aprobado en Asemblea Xeral o Plan de Actividades e Orzamento para 2022, co investimento global de cerca de 400.000 euros, en parte cofinanciado polo Programa Interreg.

A execución do exercicio de 2021 foi novamente marcado pola crise pandémica da COVID 19, e o consecuente novo peche das fronteiras entre Portugal e España (entre o 31 de xaneiro e o 1 de maio), o que provocou a cancelación ou adiamento de algunhas das accións previstas. Como resultado, o Plan de Actividades e Orzamento para 2022 do AECT Rio Minho ten como principal prioridade acelerar a conclusión do proxecto REDE_Lab_Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V-A, e a implementación do proxecto Livhes, cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe.

No ambito do proxecto Rede_Lab_Minho, en 2022, o AECT Rio Minho pretende reforzar o traballo en rede coas dinámicas locais de cooperación transfronteiriza, destacando o desenvolvemento de procesos de construción das ‘Axendas Urbanas do Río Miño Transfronteirizo’, e para a creación e dinamización do ‘Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño Transfronteirizo’. Xa no ámbito do proxecto Livhes, serán desenvolvidas estratexias de xestión e valorización do Patrimonio Cultural Inmaterial para o territorio, coa creación dun espazo piloto onde se reunirán os exemplos recollidos de preservación do Patrimonio Cultural Inmaterial do Río Miño Transfronteirizo.

No ámbito de proxectos cofinanciados polo Interreg V-A e concluídos en 2021, en colaboración coas Eurocidades Cerveira-Tomiño, Tui-Valença e Monção-Salvaterra de Miño, o AECT Rio Minho en 2022 promoverá a entrada en funcionamento e xestión do “Sistema de Bike Sharing do Rio Minho Transfronteiriço – e-bike Rio Minho”, sistema constituído por 46 bicicletas elétricas con GPS incorporado e 9 estacións de aparcamento virtual e/ou físico e dar continuidade ao proceso de planeamento estratéxico “Estratexia Rio Minho 2030”, defendendo a creación dunha Intervención Territorial Integrada Transfronteiriza – ITI – xunto coas entidades europeas, nacionais e rexionais responsables do deseño dos programas de apoio á cooperación transfronteiriza para o período 2021-2027; lugar importante terán tamén as accións de preservación e valorización do Rio Miño mantendo o proxecto Visit Rio Minho, designadamente a consolidación da marca Rio Minho e da estruturación da rede de recursos verdes transfronteirizos. As accións de promoción que contemplen a eliminación de obstáculos á cooperación transfronteiriza serán tamén prioritarias para o AECT Rio Minho, designadamente ao nivel dos transportes, da xestión da Rede Natura 2000 e da prestación de servizos de saúde. 

Na reunión da Asemblea Xeral, Rui Teixeira, director do AECT Rio Minho presentou o Plan de Actividades e destacou “o papel marcante do AECT Rio Minho na matinación do impacto negativo xerado pola crise pandémica e polo consecuente peche das fronteiras”. Pola súa banda, Uxío Benítez, vice-director do AECT Rio Minho, referiu “a importancia de presentar candidaturas transfronteirizas ao novo cuadro de financiamento do programa Interreg”.

Constituído en 2018, o AECT Rio Minho ten como socios ao CIM Alto Minho e á Deputación de Pontevedra e abrange 26 concellos: os 10 municipios que compoñen a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra ligados ao Río Miño.




O AECT Rio Minho promove un encontro intrenacional sobre a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial

O encontro reúne nove socios do proxecto europeo LIVHES, ao que pertence o AECT Rio Minho, e pretende discutir a cultura inmaterial como elemento de desenvolvemento local

O territorio do Rio Minho transfronteirizo é anfitrión do Encontro Internacional “A Cultura Inmaterial como elemento de desenvolvemento local. O patrimonio Cultural Inmaterial no río Miño transfronteirizo”, cunha duración de 3 dias. O encontro reúne aos nove beneficiarios do proxecto LIVHES, co-financiado polo Programa Interreg Sudoe, ao que pertence o AECT Rio Minho, e que ten como principal obxectivo o debate sobre a cultura inmaterial como elemento de desenvolvemento local e cohesión territorial. Ao longo destes 3 dias serán desenvolvidas mesas de debate técnica do proxecto, un encontro de intercambio de experiencias, rematando cunha visita a casos de patrimonio cultural inmaterial do territorio do río Miño transfronteirizo.

O encontro realizarase na Escola Superior de Ciencias Empresariais, ESCE-IPVC, en Valença, durante o dia de hoxe (25 de novembro), nunha sesión de partilla e reflexión de ideas, que se concretará no futuro na elaboración dunha guía práctica para a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial. Na sesión de abertura do Encontro Internacional estiveron presentes o Presidente da Cámara Municipal de Valença, José Carpinteira, que deu a benvida aos conferenciantes e identificou “a existencia dun vasto patrimonio cultural inmaterial no Concello de Valença e no territorio transfronteirizo que debe ser preservado, en especial a arte da pesca nas pesqueiras do río Miño”, e o Director do AECT Rio Minho, Rui Teixeira, quen destacou “a importancia do traballo desenvolvido polo AECT Rio Minho na captación de fondos europeos a favor da preservación e posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial do rio Miño transfronteirizo e no fomento de raíces cada vez mais sólidas neste territorio, sendo exemplo disto o propio proxecto entre outras iniciativas anteriormente desenvolvidas, nomeadamente a candidatura ‘A Pesca nas Pesqueiras do Rio Minho’ ao Inventario Nacional do Patrimonio Cultural Inmaterial”. Para conclusión da sesión de apertura foi emitido un vídeo do profesor António Sampaio da Nóvoa, Embaixador de Portugal na UNESCO, que realzou “a partilla de prácticas culturais transfronteirizas ao longo do río Miño, e por iso quero felicitar por esta iniciativa (…) que vai construíndo un camiño de futuro no dominio da cultura”.

O proxecto LIVHES é co-financiado polo Interreg Sudoe, participando 9 entidades públicas, institutos universitarios e centros de investigación de España, Francia e Portugal, e pretende responder a unha necesidade europea e a un desafío territorial compartido polas áreas pouco poboadas do sur da Europa, identificando o Patrimonio Cultural Inmaterial recoñecido pola Unesco como instrumento de desenvolvemento.




Constitúese o Consello Coordinador do AECT Río Minho

O alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, é o novo director do Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Minho. O acto oficial de constitución do Consello Coordinador celebrouse este xoves en Valença.

Tras as eleccións municipais do pasado 26 de setembro, os alcaldes dos 10 concellos que integran o CIM Alto Minho consensuaron a designación do alcalde cerveirense como director do AECT Rio Minho e a do presidente do municipio de Valença, José Manuel Carpinteira, como membro do Consello de Coordinación. Os representantes da Deputación de Pontevedra permanecen en vigor desde setembro de 2019, concretamente o deputado da Cooperación Transfronteiriça, Uxío Benítez, como subdirector, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, como vogal do Consello de Coordinación.

Na súa primeira intervención como director do AECT Rio Minho, Rui Teixeira amosou o seu “orgullo por asumir este cargo”. Destacando o carácter autonómico, nacional e europeo das eurocidades Cerveira-Tomiño, Valença-Tui e Monção-Salvaterra, Rui Teixeira tamén abordou a importancia de “consolidar a acción do AECT Rio Minho en toda a rexión estratéxica do Alto Minho e Galicia, potenciando a súa posición e dando exemplo a Portugal e España, a prol da posta en valor do río Miño e da rexión”.




O AECT Rio Minho compartiu experiencias e boas prácticas no proxecto BRIDGE

Entre os días 20 e 24 de outubro celebrouse o proxecto BRIDGE – Building Relationships Into a Democratic Goal for Europe (Construíndo relacións cara un obxectivo democrático para Europa), coordinado polo Concello de Vila Nova de Cerveira e financiado polo programa Europa para os Cidadáns. O proxecto BRIDGE está constituído por 11 organizacións de 10 países e foi deseñado baseándose na conxuntura das organizacións/concellos transfronteirizos no contexto da Unión Europea. Este proxecto ten por obxectivo sensibilizar aos estados-membros sobre a memoria, historia e valores comúns da Unión Europea a través do debate, a reflexión e o desenvolvemento do espírito de solidariedade entre países membros, e incentivar a participación democrática e cívica da sociedade civil a nivel europeo, desenvolvendo a súa comprensión do proceso de elaboración das políticas da UE e promovendo oportunidades de interese social e intercultural.

Convidado polo Concello de Vila Nova de Cerveira, o AECT Rio Minho participou en dúas sesións do programa que tiveron lugar o 22 de outubro. A primeira sesión, realizada no Centro Goianés de Goián (en Tomiño), centrouse en compartir boas prácticas no contexto transfronteirizo Portugal-España. O AECT Rio Minho participou nesta sesión compartindo a súa experiencia na construción dunha marca turística sustentábel transfronteiriza: a marca Rio Minho. Xa na segunda sesión, celebrada nas instalacións do AECT Rio Minho (en Valença), como parte do intercambio de experiencias baseado na vontade común entre os participantes de promover a cidadanía transfronteirizas e a cohesión social transfronteiriza, o Secretariado Técnico fixo unha presentación institucional do Agrupamento. Expuxéronse os proxectos onde o AECT Rio Minho está directamente involucrado, os que se atopan en execución, e aqueles xa rematados. Todo isto, con especial foco, nos obxectivos da entidade, que inclúen: artellar o espazo común e fomentar as relacións de cooperación; promover a cohesión institucional; pór en valor o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; promover o territorio do río Miño; e crear e consolidar a marca turística transfronteiriza Rio Minho.




AECT Rio Minho participa no evento The European Week of Regions and Cities

O pasado 14 de outubro rematou o maior evento anual dedicado ás políticas de cohesión: The European Week of Regions and Cities (#EURegionsWeek). Debido á pandemia COVID-19, e tal e como sucedeu no 2020, o evento foi online, a través dunha plataforma de comunicación que reuniu a máis de 10.000 participantes de rexións e cidades de toda Europa, incluíndo políticos, técnicos, especialistas e académicos.

Por invitación da ARFE e da DG REGIO, o AECT Rio Minho participou no workshop EU Border Regions: Living labs of European Integration, compartindo un vídeo de testemuños sobre a participación do AECT Rio Minho iniciativa b-solutions co caso MOBITRANS – Boosting Minho River Cross–Border Mobility. Co apoio da iniciativa b-solutions o AECT Rio Minho conseguiu atopar unha solución á escasez de servizos de transporte público transfronteirizo por estrada e construír, en colaboración coas autoridades de transporte da Galiza e do Alto Minho, Xunta de Galicia e CIM Alto Minho, respectivamente, unha guía para implementar un programa piloto de transporte público no contexto do río Miño transfronteirizo.

No vídeo presentado no obradoiro EU Border Regions: Living labs of European Integration, no que participaron representantes do AECT Rio Minho, da CIM Alto Minho, da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia e a experta convidada polo b-solutions, reflectiuse un exemplo dos obstáculos que as rexións transfronteirizas atopan no seu día a día e como o compartir máis servizos permitiría crear unha rexión máis forte e con maior resiliencia.

AECT Rio Minho participa no evento The European Week of Regions and Cities

As rexións fronteirizas están no centro da Unión Europea. Como son territorios onde cruzar a fronteira forma parte da vida diaria, estas rexións son verdadeiros laboratorios de integración europea e as solucións atopadas por estas rexións para obstáculos legais e de cooperación pódense reproducir noutras recións da Unión Europea.




O AECT Rio Miño presenta o proxecto LIVHES ao tecido do patrimonio cultural inmaterial deste espazo transfronteirizo

A equipa técnica do AECT Rio Miño presentou o proxecto europeo LIVHES (acrónimo en inglés de Patrimonio Vivo para o Desenvolvemento Sustentábel) a unha escolma de representantes públicos e privados das diferentes administracións, asociacións e investigadoras que traballan no patrimonio cultural inmaterial no rio Miño transfronteirizo.

O pasado martes 11, nunha exposición que tivo lugar no Auditorio do AECT Rio Minho, presentouse o proxecto LIVHES, un novo proxecto europeo financiado ao 75% con fondos do Programa Interreg SUDOE. Con éxito de asistencia, pois enchéuse o espazo dispoñíbel (reducido, por mor das restricións sanitarias), explicouse en que consistía o proxecto, quen o conformaba e as liñas de traballo, para as que se solicitou aos asistentes que nos acompañasen nos traballos a realizar.

Deste xeito conformouse un grupo transfronteirizo que terá máis xuntanzas nos vindeiros meses para traballar sobre o patrimonio cultural inmaterial. Así, despois de elaborar un pequeno censo de actores que traballan sobre o PCI no territorio, o AECT busca ampliar este rexistro e que entre todos os participantes atopemos boas prácticas e innovadoras que se podan implementar en outros territorios. Ademais, este rexistro que elaboremos servirá para traballos futuros, como pode ser a creación dun Centro do Patrimonio.




Arranca o ‘II Culturmiño’ co obxectivo de crear novos actos culturais conxuntos no Miño transfronteirizo

Creadores e axentes culturais máis persoal técnico dos concellos miñotos traballarán durante este mes para desenvolver iniciativas

Algúns dos proxectos poderán optar a fondos europeos

O AECT Río Minho, da man da CIM Alto Minho e do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), arranca mañá venres o II Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo ‘Culturminho’ que se prolongará durante este mes co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos. 

Axentes culturais privados e creadores do territorio galego portugués, xunto a persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais da raia reuniranse para realizar un ‘brainstorming’ sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver con Portugal que permitirían mobilizar un público conxunto. O traballo xorde despois de analizar a situación da cultura no territorio do Miño o pasado ano nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra, que se desenvolveran en formato telemático por motivo da pandemia.

A idea é que neste segundo foro se  desenvolvan varios grupos de traballo presenciais e en liña cunha titorización por parte de persoal experto nos que reflexionar colectivamente sobre as sinerxias creadas en ámbalas beiras do Miño. Búscase aproveitar a industria cultural propia para xerar creatividade e mobilizar a economía aproveitando os equivamentos e actividades xa existentes. 

Programa

As xornadas de traballo vanse desenvolver en catro sesións os venres do mes de maio, comenzando mañá, de maneira alternativa en Paredes de Coura e no Concello do Rosal. As sesións deste venres e a do 14 de maio terán como título ‘Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo’ e estarán titorizadas pola consultora e formadora, especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.

O vindeiro 21 de maio (P. Coura) traballarase sobre ‘Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión’e ‘Orzamento, financiamento e comunicación’. Xa para finalizar, o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e abordaranse ‘as ‘Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos’ por parte dos especialistas en eventos culturais Lucía García e Nacho de la Vega. 

Como peche e conclusión do ‘II Culturminho’, o 18 de xuño terá lugar a presentación dos proxectos deseñados polas e polos axentes culturais no Centro Social Polivalente de O Rosal para, unha vez examinados e valorados, decidir a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.

Neste sentido, o Vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posibles, subliñando que dende esta entidade se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation’.

“A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo peche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propoñer proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade”, insistiu Benítez.




O AECT Rio Miño pide “coherencia” á Xunta sobre a apertura da fronteira con Portugal

O vicedirector Uxío Benítez subliña que a perimetraxe autonómica non ten sentido por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos que a galega

Critica o “xogo político partidario con Madrid” que deixa de lado as necesidades da sociedade miñota

O AECT Río Miño vén de solicitar á Xunta de Galicia “coherencia” sobre a apertura da fronteira con Portugal e que deixe sen efecto a perimetraxe autonómica no territorio miñoto. O vicedirector do agrupamento europeo, Uxío Benítez, subliña que as restricións impostas polo goberno galego só deixando cruzar por motivos xustificados “non ten sentido” por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos de incidencia acumulada que a parte galega.

Segundo destaca Benítez, hai unha contradición manifesta da postura da Xunta cando era o goberno central o que mantiña pechada a fronteira e agora, cando lle corresponde tomar decisións como autoridade sanitaria: inicialmente estaba a favor da apertura de todos os pasos e de flexibilizar a mobilidade e agora avoga por manter o peche.

Solicitude

O deputado provincial lembrou que o pasado 3 de marzo, cando os datos sanitarios eran moito peores, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda participou nunha reunión co presidente da CCDR-N e representantes das tres Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ante os que o mandatario galego apoiou que se mantiveran abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se tiveran en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas como a do Miño.

“Por que cambiaron de opinión? Se hai unha semana estaban a favor de abrir, por que piden agora ao goberno central que manteña os controis? Entendemos esa contradición obedece a un xogo político partidario e espúreo con Madrid, que nada ten que ver coa realidade e as necesidades da sociedade miñota galego-portuguesa”, insistiu o nacionalista.

Benítez, amais, abondou afirmando que o territorio miñoto da fronteira é igual tanto na súa parte galega como portuguesa, estando nestes momentos mellor sanitariamente a parte lusa, cunha incidencia acumulada menor. Por iso solicitou ao goberno galego que levante a perimetraxe na fronteira con Portugal e “deixe de afogar” a un territorio que estivo os tres últimos meses na “ruína” por decisións políticas dos gobernos estatais de Madrid e Lisboa.

“Antes tomaban as decisións en Madrid e Lisboa, onde non coñecían o territorio. Agora quen debe tomar as decisións sanitarias unha vez abertas as fronteiras é a Xunta de Galicia, á que presupoñiamos que coñece o territorio e entende a situación do territorio. Agardemos, tendo en conta tamén que o día 9 finaliza o estado de alarma, que a Xunta sexa coherente e actúe seguindo parámetros sanitarios porque a cidadanía está moi confundida coa situación”, finalizou.




Eurodeputadxs galegxs e portuguesxs presentarán unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para pedir compensacións económicas para o territorio do miño polo peche da fronteira

O AECT Río Miño reuniu hoxe a representantes de todos os partidos galegos e lusos do Europarlamento

Unha delegación europea visitará a raia e crearse un foro ‘europeo’ estable para facer seguimento á problemática

Uxío Benítez advirte de que hai traballadores que deixan o traballo e piden excedencias por non poder asumir os gastos: “Seguir co peche é un escándalo, é a ruína económica”

Eurodeputados e eurodeputadas de todos os partidos políticos de Galiza e Portugal comprometéronse hoxe a presentar unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para reclamar compensacións económicas ao territorio do Miño polo peche da fronteira con Portugal. Así se acordou nunha reunión convocada polo AECT Río Miño, no que representantes do agrupamento transmitiron a problemática que as persoas traballadoras e as empresas da zona están a vivir pola decisión de só ter aberto un paso 24 horas na fronteira.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez  manifestou tralo encontro a súa grande satisfacción pola reunión, da que xurdiron importantes decisións de apoio á causa do territorio miñoto. De feito, houbo unanimidade por parte de todos os grupos en traballar pola compensación ao territorio, en entender que existe un problema e en que non ten sentido a redución dos pasos habilitados na ‘raia’.

En concreto, acordouse presentar unha iniciativa conxunta de todas as forzas políticas no Parlamento Europeo para que a Comisión Europea poida transmitir aos estados membros a singularidade das zonas transfronteirizas, e as consecuencias de pechar fronteiras nelas. Así mesmo,  destacouse a necesidade de establecer mecanismos de compensación a través dos fondos europeos e dos plans de resiliencia aos territorios que están sendo doblemente afectados pola pandemia e o peche de fronteiras.

Acordouse tamén volver reunirse e crear un foro estable de todos os eurodeputados e eurodeputadas para poder facer un seguimento á problemática que está a afectar a milleiros de persoas no territorio transfronteirizo. Tamén se puxo sobre a mesa a visita dunha delegación das e dos europarlamentarios aos concellos do Miño para coñecer de primeira man a situación das persoas afectadas.

No encontro estiveron presentes o director do AECT do Río Minho e  presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira Fernando Noguera; o vicedirector e deputado delegado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e, dos grupos do Europarlamento, Francisco Millán Mon (Partido Popular), un representante  de Nicolás González Casares (PSOE); Ana Miranda en representación do grupo Os Verdes ALE; Jose Manuel Fernandes, do  PSD ; e Maria Manuel Rola deputada nacional en representación das euroedeputadas do BE; e Joao Fereira, do PCP.

Peche ata despois de Pascua

Sobre o mantemento do peche de fronteiras con Portugal ata despois de Semana Santa anunciado onte polo primeiro ministro portugués Antonio Costa, o vicedirector do AECT Uxío Benítez subliñou que se volve producir un “escándalo”.

Insistiu en que esa decisión vai levar á ruína económica ao territorio do río Miño e a obrigar a moitos traballadores a abandonar os seus postos de traballo ao manter a decisión de só deixar un paso no Miño e seguir co funil no paso de Tui-Valença. “Séguese obrigando ás persoas traballadoras a percorrer distancias quilométricas, a ter gastos de entre 200 e 300 euros ao mes máis en combustible para acceder aos postos de traballo”, lembrou, ao tempo que advertiu que o AECT ten xa constancia de casos de persoas que pediron a excedencia dos seus postos de traballo porque non poden asumir o custe.

Benítez criticou que mantendo a decisión de pechar fronteiras os gobernos seguen a demostrar que descoñecen a situación transfronteiriza na que hai unha vida económica, unhas relacións laborais e empresariais que dependen da apertura da fronteira e dos pasos. “Pensan en declaracións grandilocuentes de cara ao turismo estranxeiro traendo o virus. Pero pechar a fronteira non só é iso, pechar a fronteira é afectar a un territorio cunha realidade propia. Están levandoo á ruína”, insistiu.

“Esixiremos que haxa compensación económica para o territorio e que os fondos comunitarios do Next Generation contemplen partidas específicas porque cada día que pasa coa decisión do peche e só un paso no Miño crean maior perxuízo económico. Ten que haber compensación económica ao territorio e ás persoas traballadoras perxudicadas”, finalizou o vicedirector do AECT.




As novas bicis transfronteirizas do Miño terán estacións de intercambio á beira do río e nos cascos urbanos das eurocidades

A iniciativa promovida polo AECT Río Miño comezará a funcionar antes do verán co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e o turismo

As beiras do río Miño e os cascos urbanos das Eurocidades de Tui-Valença, Tomiño Cerveira e Salvaterra-Monçao serán os lugares onde se instalarán as estacións de intercambio das novas bicicletas transfronteirizas do servizo de préstamo que está a poñer en marcha o AECT Río Miño. Así o decidiron o persoal técnico dos concellos e do agrupamento europeo, nos vindeiros días van definir as localizacións concretas.

Dende o AECT e as Eurocidades están a dar todos os pasos para que de cara ao bo tempo (e coa apertura da fronteira mediante) o proxecto de ‘bike sharing’ estea en marcha e a disposición tanto da veciñanza da zona como para o turismo. Segundo destacou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, búscase que esta iniciativa sexa funcional, permitindo que se poida circular nas bicicletas a “unha e outra beira do río ben por motivos de ocio ou de necesidade” fomentando a mobilidade sustentable e tamén o turismo no territorio miñoto.

Nestes momentos estase a ultimar o sistema tecnolóxico das tarxetas das persoas usuarias e  a APP que regulará o uso, así como realizando os trámites administrativos necesarios para a aprobación do regulamento de uso e o contrato dos seguros e mantemento. O horizonte, segundo confirmou Benítez, é que antes do verán o servizo estea en marcha e que todas as persoas que vivan ou visiten as Eurocidades teñan a disposición este sistema de mobilidade natural de maneira gratuíta.

Este proxecto trátase dunha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor. De feito, enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.

Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro.  Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida e intercambio non disporán de ancoraxes físicas. A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.




O AECT RIO Miño lanza o documental ‘Confinados no río Miño’ para visibilizar o problema do peche da fronteira con Portugal durante a pandemia

Persoas traballadoras, autónomas, empresas, veciñas e veciños do territorio do Río Miño están a sufrir un doble impacto nas súas vidas: o da COVID e o do peche da fronteira con Portugal. Detrás das perdas económicas, dos rodeos de centos de quilómetros para ir traballar, e dos gastos en combustible e de tempo hai historias persoais que son exemplo do que acontece a máis de 6.000 afectados e afectadas e o AECT Río Miño quere darlles voz, polo que vai lanzar un documental, ‘Confinados no Río Miño’, que se estreará nas vindeiras semanas e do que xa está a circular un tráiler nas Redes Sociais da Deputación e do Smart Minho.

Esta iniciativa, segundo explica o vicedirector Uxío Benítez, pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás diferentes casuísticas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”, inisiste Benítez, explicando que a intención é chegar coa peza audiovisual ao maior número de xente e ás autoridades galegas, estatais e tamén da Comisión Europea –polo que ademáis de utilizar o galego e portugués tamén se subtitulará en inglés-.

As redes sociais da Deputación e do Smart Minho están xa a difundir o ‘trailer’ de Confinados no río Miño previo á presentación oficial

O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Ten unha duración de arredor dunha hora e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas directas de persoas que viviron o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento. Tunha visión económica e institucional de como se reivindicou a apertura dos pasos, insistindo en que o do Miño é un territorio moi dinámico económicamente, cunha interdependencia moi grande entre ambas beiras do río, e cunha fronteira que supón o 5% do total de quilómetros entre España e Portugal pero que asume o 50% do tráfico de vehículos.

Noelia Salgueiro, veciña de Valença e traballadora en Tui,  é Unha das persoas nas que se exemplifica a situación e explica que durante o primeiro confinamento e peche de fronteira tivo que marchar da súa residencia habitual, volver á parte española co seu fillo máis pequeño, e instalarse na casa de seus pais durante mes e medio porque por problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mezclados, involucrados. Non saben as autoridades como se vive nesta zona”, criticou.

Confinados no río Miño recolle testemuñas de persoas afectadas obrigadas a dar rodeos de centros de quilómetros ou que non podían ver á familia

Outro dos casos narrados é o o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço, ata onde diariamente percorre apenas 8 quilómetros que se converteron en centos ao ter que pasar polo paso de Tui obrigatoriamente durante o ‘encerramento’. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan medios, porque se eu soubera isto nunca tería montado o meu negocio do outro lado”, explica.

Finalmente, Andreia Costa, veciña de Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas ribeiras é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia queda destruido” co peche da fronteira.

O documental será presentado oficialmente de maneira presencial no territorio do Miño en canto se alivien as restricións da pandemia e os peches fronteirizos. Mentres tanto, nas redes sociais tanto da Deputación como do Smart Minho estase a difundir un ‘tráiler’ reivindicativo.

Rexistro

A posta no foco das persoas afectadas polo peche de fronteira é un dos obxectivos do AECT Rio Minho dende todos os ámbitos. Nestes momentos está activo un rexistro de persoas afectadas co fin de cuantificar as perdas das para reclamar indemnizacións.

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.