A Deputación leva un programa de contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño ás escolas da Raia
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, comezará a vindeira semana un programa contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño dirixido ás escolas da raia. Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará de varios espectáculos infantís ao abeiro da iniciativa de recuperación do patrimonio no marco do programa Smart Miño.
O CEIP Antonio Carpintero de Arbo e o Manuel Sieiro de Crecente acollerán o martes 26 a primeira das actividade de contacontos realizadas por Polo Correo do Vento. O mércores continuará o itinerario no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, e na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.
O programa de contacontos está enmarcado dentro da iniciativa ‘Tesouros humanos vivos’, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño que busca dar a coñecer entre a rapazada, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.
Segundo asegura o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, os contacontos buscan chegar á cativada miñota e aumentar os seus coñecementos sobre a cultura e patrimonio da zona, xa que a identidade que antes se transmitía de pais a fillos está agora en perigo por falta de relevo xeracional e tamén pola forma de vida actual. “Non podemos permitir que todo ese patrimonio intanxible se perda. Hai que facer pormanter ese saber nas familias e tamén nas escolas”, subliñou.
Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará dos contacontos grazas á iniciativa de recuperación do patrimonio do Smart Miño
Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración, serán algúns dos asuntos que se aborden nestes contacontos ilustrados.
O colectivo Polo Correo do Vento será o encargado de realizar esta actividade mesturando a narración oral e a ilustración. Enrique Mauricio relatará distintas biografías dos Tesouros Humanos centrándose no lugar no que se realiza o contacontos ao tempo que Carlos Taboada realiza un mural relacionado coa historia.
O obxectivo da actividade é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.
Esta iniciativa estaba previsto que se desenvolveseno curso pasado, sendo finalmente adiada debido a suspensión das clases por mor da pandemia da Covid-19. Retómanse agora estas actividades que se realizarán nas escolas na última semana de xaneiro e primeira de febreiro, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus. Estaba previsto ademais que os contacontos se achegaran a diferentes localidades portuguesas da raia, quedando pendente a súa realización para próximas datas.
Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto SmartMinho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte… nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o mundo no canal de youtube do smartminho así como nas diferentes redes sociais do proxecto para garantir a súa divulgación e transmisión.
Na mesma liña está prevista a edición dun libro infantil neste primeiro trimestre do ano para promover este coñecemento.