1

O territorio do miño reclama na ponte da amizade a apertura da fronteira con Portugal e compensación polo dano económico

Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ o territorio do miño reclama na ponte da amizade a apertura da fronteira con Portugal no medio da ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.

Alcaldes e alcaldesas galegas e portuguesas protestaron de novo hoxe –por separado ao impedir a GNR e a Garda Civil un acto simbólico conxunto- para criticar o maltrato de Madrid e Lisboa

Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço. Nesta ocasión non foi posible desenvolver o acto simbólico de maneira conxunta por impedimento expreso da GNR e da Guarda Civil, que non autorizaron á comitiva galega e á portuguesa a xuntarse no medio da Ponte da Amizade: cada parte escenificou a queixa do seu lado. “Esta ponte chámase da Amizade, moi simbólico, pero agora esa amizade está rota non por vontade dos seus veciños e veciñas, senón das autoridades”, criticaron os munícipes.

O AECT Río Miño insiste en que “o mal xa está feito” e pide que os fondos europeos do POCTEP “non se deturpen” e se destinen aos concellos da fronteira directa

O vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palíen o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.

Estudo de impacto e medidas compensatorias

Segundo o estudo de impacto elaborado pola Universidade de Vigo para o AECT Rio Miño, as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén segundo o estudo mencionado, a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

Os fondos transfronteirizos teñen que compensar aos territorios de fronteira, non poden ser para todo, e tense que facer efectivo na orientación dos vindeiros fondos

É de salientar ademais, que nestes momentos está aberto o debate da orientación dos fondos transfronteirizos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre compensar ao territorio polo prexuizo económico de decisións políticas dos Estados. É necesario habilitar fondos específicos para territorios directamente de fronteira nos que o perxuizo económico desta pandemia está sendo maior, e garantir que ditos fondos se destinen ás zonas de raia fronteiriza e non se deturpen.

acto protesta baixo o lema open the border

A negativa de poñer controis en todos os pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença, e persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación.

Creación dun formulario de rexistro de persoas afectadas

Resulta lamentable esta situación porque o erro de non abrir todos os pasos, cos seus correspondentes controis sanitarios, xa se cometeu o ano pasado durante o anterior peche de fronteiras. No AECT RIO MIÑO estamos convencidos de que é unha cuestión puramente efectista, porque a xente que ten que pasar segue a pasar igual. O que hai que facer é habilitar controis nas cinco pontes internacionais e manter estas abertas.

Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do formulario creado para esta acción e de todos os concellos implicados co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións.

Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

Video resumo da protesta simbólica na ponte da amazidade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira