12 Out O AECT Rio Minho participa este sábado na presentación da Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo España-Portugal
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho estará hoxe sábado presente na presentación da Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo España-Portugal que se realizará en Guarda (Portugal). O documento, que será aprobado no XXXI Cumio Ibérico bilateral entre os gobernos español e portugués e servirá de orientación para os novos fondos de Cooperación Transfronteiriza, será fundamental para a concreción de medidas de desenvolvemento do territorio do Miño, polo que as expectativas, en palabras do responsable do AECT e deputado Uxío Benítez, é que sexa “un verdadeiro punto de inflexión” para mellorar a fronteira.
Benítez amosou a súa confianza en que “haxa un plan real e efectivo para territorios transfronteirizos” e que, ao remate do Cumio Ibérico, “comecen a crearse os mecanismos legais e técnicos para a súa implementación”. Subliñou, de feito, que os cumios non deben ser simples etapas expositivas de problemas xerais en Portugal e España, senón puntos de encontro para “a toma de decisións cunha intervención perspicaz na realidade dos territorios, en particular os da fronteira”.
O documento, que servirá de orientación para os novos fondos europeos aos que optará o territorio do Miño, aprobarase hoxe no XXXI Cumio Ibérico
Segundo destacou o deputado nacionalista na presentación da Estratexia de Desenvolvemento Transfronteirizo, os gobernos de Portugal e España teñen que mirar a realidade transfronteiriza dun xeito integrado, próximo e verdadeiro, xa que a auténtica dinámica entre os pobos veciños de Portugal e España “síntese e vívese todos os días nos territorios fronteirizos, e non é en Lisboa nin en Madrid”.
A AECT Rio Minho, lembrou o deputado, realizou a súa parte de traballo que pasou pola identificación de bloqueos burocráticos e necesidades diarias, procedendo á súa recompilación nun Plan Estratéxico ben estruturado. “Agora necesitamos decisións”, subliñou.
Neste sentido, Benítez lembrou que o AECT Rio Minho lanzou a idea de poñer en funcionamento unha ‘Tarxeta Cidadá Transfronteiriza’ que serviría de base para o desenvolvemento dun programa piloto para simplificar a vida das persoas na fronteira, en particular para as persoas traballadoras transfronteirizas. Hai que lembrar que durante o estado de alarma, dende o 17 de marzo, estas viron como se pechaban as fronteiras e se dificultaba o paso dun a outro lado da ‘raia’ por un único paso, o de Tui, obrigando a dar rodeos de centos de quilómetros.
Entre as reclamacións miñotas: o reforzo do financiamento, a creación da tarxeta cidadá transfronteiriza, unha ITI para xestionar fondos e o Plan de Mobilidade Sustentable
Outro dos fitos do AECT é a aprobación dunha ITI (Intervención Territorial Integrada) cunha dimensión transfronteiriza, que permita coordinar os fondos de diferentes administracións no territorio do Miño para desenvolver de maneira máis efectiva a o Plan Estratéxico para a zona. Tamén lembrou o Plan de Mobilidade Sustentable da fronteira do Río Miño, enfocado a flexibilizar as viaxes entre as eurocidades deste territorio, unha acción piloto que posteriormente podería replicarse noutros lugares.
“Estas son algunhas das accións que se poden e deben levar a cabo, xa que teñen un impacto directo e positivo na vida diaria das poboacións da raia. E logo, por suposto, non debemos esquecer a necesidade de reforzar o financiamento destas fronteiras onde, desde hai máis dunha década, os gobernos de Portugal e España non realizan investimentos estruturais”, destacou o deputado.
Lembrou que hai fondos europeos dedicados á cooperación transfronteiriza que a miúdo non chegan aos beneficiarios reais. “Estes concellos transfronteirizos que traballan xuntos a diario deben ser tidos en conta e ser un exemplo a seguir polos dous gobernos”, finalizou.