18 Xuñ A eurocidade Cerveira-Tomiño e a AECT Rio Minho reclaman un plan de recuperación específico para o territorio transfronteirizo
Os plans de recuperación post COVID19 deben ter unha liña de apoio específica para os concellos limítrofes coa fronteira Portugal-España, xa que neles dáse un dobre impacto negativo: ao derivado da COVID19, como no resto do territorio, súmase a penalización provocada pola restauración das fronteiras para o territorio transfronteirizo. Esta é a principal conclusión da xornada de traballo mantida hoxe en Tomiño para analizar medidas de recuperación e impulso á cooperación transfronteiriza tras a crise da COVID 19, coa participación da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o director da AECT Rio Minho, Uxío Benitez, o vicedirector desta entidade, tamén presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, xunto con directivos da AECT Galicia-Norte de Portugal e máis o Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesus Gamallo.
Os responsables dos concellos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira enfatizaron a necesidade de que as autoridades españolas e portuguesas acorden esa liña específica de apoio aos territorios de fronteira na próxima cimeira hispano-lusa.
Analizan en Tomiño as prioridades e propostas para presentar aos estados, á dirección xeral de relacións exteriores da Xunta de Galicia e á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o territorio transfronteirizo
Neste sentido, tanto Sandra González como Fernando Nogueira lembraron a importancia de recoñecer a singularidade da realidade educativa, socioeconómica, cultural e comercial das Eurocidades, tras “o esforzo realizado nos últimos anos para non duplicar servizos, atendendo a criterios de eficiencia e aos principios promovidos desde a Unión Europea”, o que se víu gravemente comprometido por un peche de fronteiras que ignorou estas situacións particulares.
Desde a AECT Rio Minho, que engloba os 26 concellos do territorio de fronteira galego portugués do Alto e Baixo Miño, con máis de 370.000 habitantes, propúxose “considerar os obxectivos e prioridades da Estratexia 2030 do Río Miño Transfronteirizo como base para o impulso dun Investimento Territorial Integrado (ITI)”, un instrumento de financiación específico para o territorio fronteirizo, financiado con fondos europeos e de ambos estados, para ser xerido polas entidades locais de cooperación territorial e, en particular, pola AECT Río Minho, en colaboración coas Eurocidades e autoridades da Eurorrexión. “As Eurocidades e a AECT Rio Minho amosaron a súa capacidade para detectar os problemas que sofren os veciños e veciñas do territorio fronteirizo e son as mais indicadas para a xestión da pos pandemia”, subliñouse hoxe.
Proporase a creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza para simplificar trámites e mobilidade
Entre as iniciativas dirixidas a evitar no futuro os prexuízos do peche de fronteiras, destacou a proposta da AECT Rio Minho da creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza que poida contribuír á simplificación de trámites e facilitar a mobilidade para os habitantes do territorio.
Finalmente, os responsables da Eurocidade Cerveira-Tomiño e os directivos da AECT destacaron a importancia do territorio transfronteirizo do Río Miño como evidencia da vitalidade tanto das relacións entre Galicia e Portugal como da vontade de asentar unha cooperación estratéxica entre os habitantes e institucións eurorrexionais.