A lingua: o goianés |
A lingua: o goianés |
O goianés constitúe unha forma dialectal do galego que só se deu na pequena parroquia de Goián do concello de Tomiño e que no seu momento foi o xeito hexemónico de comunicación nestas terras.
Do goianés pouco se sabe. A peculiar ditongación que caracteriza esta fala, os xiros lingüísticos e os lexemas únicos que presenta non se atopan en ningún outro lugar dentro do sistema lingüístico do galego. Tampouco se coñece outra variedade da nosa lingua cunha localización espacial e marcos tan recoñecibles e estables tan claros como no seu caso.
O goianés caracterízase pola ditongación do “é” aberto tónico, polo que convirte o “vello” en “viello”, a “festa” en “fiasta” ou o “meu” en “miou”. Aínda que se trata da única modalidade dialectal do galego que presenta unha localización espacial con límites recoñecibles e estables, a súa supervivencia basicamente oral impide que existan textos onde poder estudalo o que dificulta a súa conservación. De aí que cada falante sexa unha reliquia.
O historiador Manuel Fernández apuntaba como posible orixe do goianés unha presunta colonización deste territorio por parte de xentes procedentes de Asturias ou León, durante os primeiros séculos da Reconquista. Estudos posteriores refutaron estas premisas apostando por unha orixe espontánea e local. O caso é que, a día de hoxe, o goianés segue a ser un misterio que probablemente nunca poida ser clarexado e xa son poucas, moi poucas, as persoas que o conservan e usan na súa vida cotiá.
Clementina Ozores, veciña de Tomiño e un dos nosos Tesouros Humanos Vivos, asegura que sempre falou goianés. Aínda o fala cos poucos veciños e veciñas que coma ela o coñecen. Consciente da súa fraxilidade, Clementina detalla con orgullo o que ela ben sabe son trazos únicos, pequenas xoias lingüísticas a piques de desaparecer.
A lingua portuguesa, a pesar dos procesos de isoglosas, conserva dende o século XVI unha significativa unidade estrutural, por exemplo en relación a outras linguas europeas. Cabe destacar o proceso de mozarabización sufrido polo portugués, ou as formas dialectais de Coímbra e Lisboa e por suposto, as grandes transformacións provocadas polo humanismo renacentista.
No caso do galego, a influencia castelá colocou á nosa lingua na marxinalidade durante séculos, tanto no ámbito da educación como no da administración do poder. Con todo, os arcaísmos permaneceron nos falares rústicos, onde a influencia da administración, da escola e dos costumes urbanos, tanto en Galiza como en Portugal, foron practicamente nulos, de aí o goianés ou tamén o caso do castrejo de Castro Laboreiro coa súa “sonoridade galega”.