Constitución do Consello Consultivo do AECT Rio Minho

26 entidades de Galicia e Portugal participarán no Consello Consultivo do AECT Rio Minho

image_pdfimage_print

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) constituirá mañá o seu órgano de consulta e participación. Un total de 26 entidades galegas e portuguesas designaron representante para a súa participación no Consello Consultivo, que estará presidido polo director da entidade, Uxío Benítez, e se celebrará na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença.

Máis dunha vintena de altos cargos e representantes de organismos e entidades galegos e portugueses forman parte do Consello Consultivo do AECT Rio Minho e asistirán mañá ao acto de constitución.

Coa constitución do Consello Consultivo o AECT Rio Minho da por formalizados todos os seus órganos. O AECT Rio Minho é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 no marco do proxecto Smart Minho, para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo.

Obxectivo do AECT Rio Minho

O obxectivo prioritario O AECT Rio Minho é  lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués con iniciativas como: a valorización e promoción dos recursos do territorio, a promoción do patrimonio cultural e natural común, a captación de financiamento europeo e estatal para as diferentes iniciativas de emprendemento, a creación e consolidación dunha marca turística “Río Miño” como elemento de identificación do territorio e impulsar servizos e equipamentos compartidos entre os municipios de ambas as beiras do Miño.