O AECT Río Miño visita o municipio portugués de Águeda para coñecer o seu sistema de aluguer de bicicletas eléctricas

O agrupamento europeo valora implementar un equipamento similar no territorio do Río Miño Transfronteirizo que fomente a mobilidade alternativa

 

O secretariado técnico do AECT Rio Minho desprazouse ata o municipio portugués de Águeda para coñecer sobre o terreo o proxecto de mobilidade sustentable desenvolto pola cámara lusa, unha das pioneiras na instalación dun sistema de aluguer de bicicletas eléctricas. Con esta visita, e a anterior realizada a Puebla de Sanabria (Zamora) o pasado mes de maio, o equipo do AECT Rio Miño está a estudar a xestión e o impacto deste tipo de iniciativas, con vistas á súa implementación no territorio do Río Miño Transfronteirizo, a través do proxecto Smart Minho.

 

Precisamente, unha das accións recollidas dentro do proxecto de cooperación institucional, Smart Minho (cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), do que son socios a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, o AECT Rio Minho e a Fundación CEER, é a posta en marcha de experiencias de mobilidade suave entre ambas as beiras do río, de cara a incrementar a mobilidade local transfronteiriza, especialmente a alternativa.

 

Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteirizo

Por outra banda, tamén a través de Smart Minho, estase a traballar nun Plan de Mobilidade Sustentable para o Río Miño Transfronteirizo que favoreza os desprazamentos de persoas e vehículos na fronteira galega portuguesa, prestando especial atención aos fluxos entre os polos urbanos das eurocidades, nos que se concentran máis de 100.000 habitantes. Durante estes meses púxose en marcha unha enquisa de participación cidadá e celebráronse varios encontros con axentes sociais. En setembro, o AECT manterá ademais sesións de traballo con alcaldías e sectores da mobilidade coa participación de expertos e expertas europeos neste asunto.

 

Así mesmo, o AECT Rio Minho, está a desenvolver o proxecto Boosting Minho River Cross-Border Mobility, financiado pola iniciativa europea B-Solutions, para a análise dos problemas de índole legal e administrativa que afectan á mobilidade transfronteiriza no ámbito do Río Miño.