O AECT Rio Minho pide unha reunión urxente con Núñez Feijóo para tratar as consecuencias do peche da fronteira

O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra e director do Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho vén de solicitar esta mañá formalmente unha reunión urxente con Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, co fin de tratar as consecuencias do peche dos pasos na fronteira con Portugal para as poboacións do Miño.

Benítez lembra que o 28 de abril os alcaldes e alcaldesas dun e outro lado da ‘raia’  asinaron unha declaración conxunta e enviáronlla ao mandatario autonómico para solicitar a súa implicación na reclamación de medidas urxentes que permitan facilitar a mobilidade de traballadores e traballadoras fronteirizos con máis pasos, así como a coordinación dos gobernos competentes para equilibrar a ambos lados as actuacións da desescalada. Sen embargo, ata o de agora a  AECT non recibiu ningún contacto por parte da Xunta nin se coñece ningún movemento dado goberno autonómico para paliar os problemas no Miño, situación que contrasta coas reclamacións ante o Executivo central doutros gobernos autonómicos -como o de Extremadura-, que conseguiron más vías abertas con Portugal practicamente dende o inicio do estado de alarma.

O deputado lembra que Núñez Feijóo debe ter un importante papel nesta situación xa que alterna na presidencia e vicepresidencia da Comunidade de Traballo de Galiza-Norte de Portugal. Este organismo foi creado nos tempos de Manuel Fraga coa finalidade de favorecer unha dinámica conxunta entre Galicia e o Norte de Portugal para coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns, ou de contribuír á súa solución por medio de acordos ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes. “Feijóo debe actuar pola importancia que ten para a Eurorrexión Galiza Norte de Portugal o peche de fronteiras. Apelamos á súa responsabilidade neste conflito e a que deixe de estar ausente”, indicou o nacionalista trala solicitude da reunión urxente con Núñez Feijóo.

O Agrupamento lémbralle que o 28 de abril as e os alcaldes de ambos lados da raia solicitaron a coordinación de gobernos na desescalada

O responsable do AECT Rio Minho explica que de celebrarse a reunión telemática urxente con Feijóo, tamén estaría presente o vicedirector da entidade e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira.

O AECT encargou á Universidade de Vigo un estudo sobre o impacto económico do peche da fronteira pola COVID-19 no que se indica que o territorio do Miño está a sufrir un doble impacto económico: polo parón na actividade xeral con motivo da pandemia e pola súa situación como fronteira. Entre outras cousas, dado que nestes momentos só está habilitado un só paso entre ambos países, traballadoras e traballadores teñen que dar rodeos de ata 100 quilómetros para acudir aos seus postos, algo que economicamente fai que nalgúns casos nin sequera sexa rendible.

Ante esta situación iniciáronse as reclamacións formalmente coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica. Dende entón, estanse a celebrar unha serie de encontros con diferentes actores co fin de buscar unha solución inminente.

Apelan á súa responsabilidade como parte da cúpula da Comunidade de Traballo Galiza Norte de Portugal para adoptar unha postura activa na defensa dos intereses da Eurorrexión

O último realizouse na tarde do xoves, cando o director e vicedirector da AECT se reuniron virtualmente co secretario xeral da  Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, que se comprometeu a dar a coñecer a situación á responsable da CE, Ursula Von der Leyen.

O director da AECT lembra que o treito pontevedrés supón o 5% da liña de
fronteira con Portugal en todo o Estado Español, se ben asume o 49% de todos os
tránsitos de vehículos e persoas. É unha das áreas transfronteirizas máis
dinámicas economicamente de toda Europa (ao estar no eixo Vigo-Porto), a que
reúne máis poboación e, ao mesmo tempo, ten relacións sociais, culturais e
lingüísticas moi profundas.

Segundo insiste o director da AECT, segundo pasan os
días e a fronteira do Miño sigue mantendo un único paso aberto, a indignación
medra tanto na poboación traballadora como nos representantes locais. Por iso,
tamén se solicitará outra entrevista urxente co delegado do Goberno en Galicia,
tamén coñecedor da declaración dos alcaldes e alcaldesas do Miño dende o pasado
30 de abril.