30 Mar Galiza e Portugal, hoxe máis que nunca, unidos de corazón no 25 aniversario da eliminación das fronteiras europeas
O AECT Rio Minho destaca a relevancia dos territorios transfronteirizos ante a situación desencadenada pola pandemia do COVID19 e comprométese fortalecer a cooperación no territorio do Río Miño
En marzo de 1995 entraba en vigor o Tratado de Schengen, e nacía unha Europa sen fronteiras onde a libre circulación de persoas e mercadorías quedaba permitida. Precisamente cando se conmemoran 25 anos daquel feito histórico, co aniversario da eliminación das fronteiras europeas, vemos como a terrible expansión da pandemia do COVID19 obrigou aos diferentes estados da Unión Europea a tomar unha decisión sen precedentes, reconstruír as vellas fronteiras que dividiron os seus pobos durante séculos.
A situación excepcional na que nos atopamos pon de manifesto a importancia e a interrelación dos territorios transfronterizos como é o caso do Río Miño, o paso fronteirizo máis poboado entre España e Portugal e o máis transitado da península Ibérica, así como as enormes consecuencias que supón para estes enclaves a recuperación das vellas fronteiras.
Tralo aniversario da eliminación das fronteiras europeas, Galiza e Portugal máis unidos ca nunca
Ademais do confinamento que vive toda a poboación, tanto galega como portuguesa, o territorio transfronteirizo do Río Miño está a sufrir un dobre golpe. Pechar as fronteiras é unha decisión que se toma dende os gobernos centrais de cada un dos estados, moitas veces ignorando a realidade e o día a día dos territorios transfronteirizos, onde a vida se desenvolve en común entre unha beira e outra do río, nomeadamente as restricións impostas aos traballadores e traballadoras transfronteirizos. Con todo, e no contexto actual, esta decisión revélase necesaria e oportuna en prol da seguridade e da saúde pública da poboación.
Este é un momento para a solidariedade e a cooperación entre Estados pero tamén para a responsabilidade cidadá. É necesario que polo ben de todos e todas fiquemos nas nosas casas ata que o perigo do contaxio estea superado. Hoxe, máis que nunca, Galiza e Portugal están unidos de corazón para facer fronte a adversidade. Dende o AECT Rio Minho seguiremos traballando por mellorar a calidade de vida das persoas que viven no territorio transfronteirizo e loitando por unha Europa dos pobos, sen fronteiras, unida e forte, onde as políticas de cooperación, saúde e benestar sexan sempre unha prioridade.
Uxío Benítez Fernández | João Fernando Brito Nogueira | |
Director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza | Vice director do AECT Rio Minho e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira |