O director do AECT Rio Minho participa no encontro anual de agrupamentos europeos para presentar a entidade miñota

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participou no 9th Annual Meeting of EGTC Platform (no encontro anual de agrupamentos europeos) celebrado en Palma de Mallorca. Nel presentou formalmente o agrupamento galego-portugués ante o resto de entidades europeas.

Esta é a primeira vez que o AECT Rio Minho asiste a este encontro anual xa que a entidade conta con apenas un ano de vida. Porén, os esforzos realizados polo organismo en materia de mobilidade transfronteiriza contaron xa cun lugar destacado, segundo sinalou Benítez. Así, por exemplo, un dos máximos expertos en materia de cooperación transfronteiriza da Comisión Europea, Dirk Peters, deu boa conta do traballo desenvolto polo AECT Rio Minho neste senso. Sinalou as reunións realizadas polo agrupamento durante o mes de setembro no marco da iniciativa B-Solutions para analizar os obstáculos legais da mobilidade na fronteira do río Miño.

O organismo galego portugués vén desenvolvendo un importante traballo en materia de mobilidade transfronteiriza

Outros
proxectos destacados por Benítez durante o encontro foron a elaboración da
Estratexia Rio Minho 2030, que se publicará proximamente, ou a creación da
marca Rio Minho.

A cita serviu ademais para tratar as cuestións de actualidade máis relevantes no referido á Cooperación Transfronteiriza como cal debe ser o rol dos AECTs nos futuro da cooperación territorial europea, o análise dos mecanismos de cooperación transfronteiriza e os novos regulamentos que rexerán os fondos do vindeiro marco financeiro 2021 – 2027.

A ETCG Platform integra a representantes políticos e técnicos de todas os AECT existentes, agrupamentos en constitución. Tamén a membros do Grupo de Expertos e Expertas, así como asociacións e outras partes interesadas. O obxectivo da plataforma é permitir que todos os axentes interesados ​​intercambien as súas experiencias e boas prácticas e melloren a comunicación sobre as oportunidades e retos dos AECT.

AECT Rio Minho

O 4 de abril de 2018 a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho crean o AECT Rio Minho. A través dunha das accións do proxecto Smart Minho (cofinanciado ao 75% por fondos FEDER) e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez é designado como director do ente.

NA FOTO: O director do AECT Rio Miño, Uxío Benítez (esquerda) xunto con Michael Dejozé, Director do AECT Euregio Meuse-Rhine (DE-NL-BE), e, no centro, o secretario da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) Martin Guillermo-Ramirez, na conferencia de presentación dos novos AECT.




O AECT Rio Minho estréase ante o resto de agrupamentos europeos de cooperación transfronteiriza no ‘9º Annual Meeting of EGTC Platform’

Benítez destacou a importancia deste encontro, no que se tratará a actualidade e as negociacións en curso en materia de cooperación transfronteiriza de toda a Unión Europea

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participa no 9º Annual Meeting of EGTC Platform, que este ano se celebra en Palma de Mallorca. Benítez sinalou a importancia de asistir a este encontro no que se dan cita todos os Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza para discutir sobre os asuntos actuais relacionados cos AECT, o futuro da Cooperación Territorial Europea, as negociacións en curso no Consello da Unión Europea e os mecanismos de Cooperación Transfronteiriza Europeos.

O encontro anual serve tamén para a presentación das entidades europeas de nova creación, como é o caso do AECT Rio Minho, que terá un espazo reservado durante a sesión matinal para dar a coñecer a agrupación e algúns dos seus proxectos máis destacados, como son a elaboración da Estratexia Rio Minho 2030, a creación da marca Rio Minho ou o estudo de mobilidade dirixido a identificar e solventar as trabas legais e administrativas do transporte entre un e outro lado da fronteira.

Uxío Benítez lembrou que a cooperación transfronteiriza recibiu en 2006 un importante impulso da Unión Europea mediante a creación da figura xurídica dos Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT), tendo en conta que máis dunha terceira parte da cidadanía da UE vive nas rexións fronteirizas, e que estas fronteiras afectan directa ou indirectamente ás súas vidas en cuestións relacionadas co transporte, a educación, a atención sanitaria, a enerxía, a formación ou a creación de emprego transfronteirizo.

O 4 de
abril de 2018 a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto
Minho crean o AECT Rio Minho a través dunha das accións do proxecto Smart Minho
(cofinanciado ao 75% por fondos FEDER) e o deputado de Cooperación
Transfronteiriza Uxío Benítez é designado como director do ente.




Medio milleiro de persoas participaron directamente na elaboración da ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030′

O II Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrado en Tomiño supuxo o cumio do proceso participativo da elaboración da ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030′, na que segundo se deu a coñecer esta mañá, participaron directamente preto de 500 persoas. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado de Cooperación transfronteiriza, Uxío Benítez, presentes no acto, coincidiron a sinalar o positivo destes datos e a importancia que a poboación do territorio tivo como protagonista e principal beneficiaria desta iniciativa do proxecto Smart Minho, do que forman parte a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER) e a AECT Río Miño.

Máis dun cento de persoas déronse cita neste segundo encontro, onde tiveron a oportunidade de coñecer e debater as primeiras conclusións do traballo de análise do territorio que comezou a finais de 2017. Os diferentes mecanismos postos en marcha, que incluíron cinco mesas sectoriais, unha enquisa online, dous fórums públicos e numerosas reunións con ata 13 concellos e câmaras municipais, permitiron realizar un traballo profundo e realista.

O director da FCEER e coordinador da elaboración da estratexia, Valerià Paül, enfatizou a importancia de contar cun documento guía coma este xa que “existen poucos territorios transfronteirizos en Europa e no mundo que teñan unha estratexia común, e que teñan claramente unha idea do que queren ser e facer. Ademais, os documentos estratéxicos normalmente están trazados a unha escala dos territorios marcados polos espazos de soberanía dos estados, e neste caso, rompemos con isto”. Tras un ano de elaboración da Estratexia, no que se realizaron máis de 45 entrevistas, Paül asegurou que “neste caso podemos dicir que hai unha vontade moi clara de deseñar proxectos reais e obxectivos, que sexan moi operativos, sendo o turismo un eixo estrutural”. Proba diso son as máis de 80 intervencións e proxectos deseñados durante estes meses, recollidos no Plan de Accións que acompaña ao documento guía.

A segunda ITI transfronteiriza de Europa

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu alabanza a este proxecto innovador que ten a poboación do territorio como protagonista e partícipe e sinalou que “no século XXI non podemos deixar de contar coa intelixencia da cidadanía neste tipo de proxectos”. Silva lembrou hai 2000 anos “este territorio era o centro da relación económica entre o Atlántico e o Mediterráneo e non a periferia, e que hoxe esta iniciativa da valor e recoñece a nosa posición central, o noso dinamismo e a nosa creatividade”.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, resaltou “grazas á Estratexia, por primeira vez temos unha visión do territorio como un espazo único” e anunciou que a AECT Río Miño, “con este documento na man que demostra que sabemos o que queremos e onde queremos chegar” reivindicará que “contamos coas condicións obxectivas para acometer no territorio proxectos piloto de cooperación transfronteiriza en todos e cada un dos concellos e cámaras e ademais, podemos converternos na segunda experiencia a nivel europeo de crear un Investimento Territorial Integrado transfronteirizo (ITI) que permita aplicar fondos europeos desde unha visión global do territorio”.




O II Fórum do Río Miño transfronteirizo celebrarase o 29 de novembro, en Tomiño

Dende finais de 2017, e como acción principal dentro do proxecto Smart Minho, púxose en marcha a elaboración da ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030’, un documento guía que marcará as liñas de actuación da cooperación entre o sur da provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal durante a próxima década. Para a creación da estratexia foi necesario realizar un estudo profundo do territorio, dende o punto de vista económico, social e político, no que participaron os principais actores galego portugueses de cada un destes sectores cun altísimo grao de implicación por parte de todos eles.

A celebración deste II Fórum do Río Miño Transfronteirizo, que se celebrará no Auditorio de Goián (Tomiño) o vindeiro 29 de novembro supón o cumio deste traballo innovador, xa que existían estudos similares pero non un cunha visión compartida do territorio, e no que a cidadanía tivo a oportunidade de participar, debater e achegar os seus puntos de vista ao documento que se ía elaborando, e polo tanto esta é unha estratexia feita dende a base.

Baixo a coordinación da AECT Río Miño, un equipo de expertos e expertas das 6 universidades públicas do norte de Portugal e Galiza lideraron este traballo, polo  que os resultados contan tamén cun aval académico e tanto a nivel institucional como social o resultado foi moi positivo”, segundo indicou o director da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez. “Realizáronse ata 10 encontros bilaterais entre concellos galegos e cámaras municipais portuguesas e numerosas reunións de traballo no que participaron os diferentes gobernos locais”, engadiu.

Así mesmo, “a elaboración da ‘Estratexia Río Miño 2030’ partiu da premisa de ser un traballo realizado a través da participación cidadá”. Para iso puxéronse en marcha diferentes mecanismos como un “espazo de participación cidadá virtual a través da páxina web smartminho.eu, unha enquisa pública dirixida á toda a poboación do territorio, 5 mesas sectoriais centradas en diferentes temáticas como turismo, cultura, comercio ou mobilidade e a celebración do I Fórum do Río Miño Transfronteirizo, e aínda quedan pendentes dúas mesas sectoriais máis e por suposto, este segundo Fórum, conseguindo unha participación moi alta”, apuntou Benítez.

Pola súa parte, o alcalde de Vila Nova de Cerveira e vice director da AECT Río Miño, João Fernando Brito Nogueira, lembrou que “o I Fórum foi un éxito de participación pública, cun diagnóstico oportuno para a rexión transfronteiriza, polo que esta segunda edición vai permitir perfeccionar a estratexia, de forma que imos contar cun instrumento con orientación propia, pero tamén imos poder  presentar os nosos intereses e reivindicacións á Unión Europea”. Nogueira explicou que “a cooperación transfronteiriza está nos plans, polo menos teóricos, dos gobernos de Portugal e España e coa elaboración deste documento ‘Estratexia Río Miño 2030’ queremos contribuír para avanzar cara á practica, pois somos nós mesmos os que mellor coñecemos este territorio e temos a responsabilidade de definir unha estratexia axeitada que sirva para dar resposta á necesidades sentidas”.

“O obxectivo principal é transformar dúas rexións periféricas nunha única área central. Temos excelentes condicións para sermos un territorio común, cuando naturalmente xa o é, pero hai que superar barreiras burocráticas sentidas na educación, na saúde, na xestión d río Miño, entre outras que soamente cunha actuación supra rexional poden ser superadas”, concluíu o alcalde portugués.

Por último, o director da Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais, Valerià Paül, calificou o proceso de “éxito” e valorou a alta participación e implicación da sociedade civil. Paül adiantou que “tras estes meses de traballo hai moitas modificacións no documento borrador que se presentou no I Fórum, o cal é unha magnifica noticia porque quere dicir que se debateu de verdade, e anunciou que se recolleron preto dun centenar de propostas que formarán parte do ‘Plan de Acción do Río Miño Transfronteirizo 2030’”.

Paül destacou ademais a importancia deste estudo que “non foi realizado por unha consultora, senón que foi debatido e matizado pola sociedade civil” e incidiu en que a importancia do documento á hora de solicitar fondos europeos reside precisamente en saber primeiro que é o que queremos ser, e en que queremos investir eses cartos xa que moitas veces se solicitan axudas sen saber para que fan falla”.

O II Fórum do Río Miño Transfronteirizo, que se celebrará no Auditorio de Goián, en Tomiño, o vindeiro 29 de novembro será o espazo elixido para aportar os últimos matices á elaboración da estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030, que se presentará a en xaneiro de 2019. O Fórum comezará ás 10:30 e rematará ás 14:30 cun brunch/networking. As inscricións son gratuítas e poden facerse aquí.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do río Miño Transfronteirizo enmárcase no proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.




II FÓRUM DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO

29 de novembro de 2018

Auditorio de Goián-Tomiño

 

Organizan: Deputación de Pontevedra, AECT Río Minho, Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCCER)

Actividade encadrada no proxecto SMART MINHO-ESTRATEXIA DE COOPERACIÓN INTELIXENTE DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO, cofinanciado nun 75 % polo FEDER a través do POCTEP 2014-2020.

 

 

PROGRAMA

(hora local)

 

10:30 h    Recepción de participantes, recollida das credenciais e documentación

 

11:00 h    Acto de apertura

Participantes:

– Sandra González, alcaldesa de Tomiño

Manuel Reigosa, presidente da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (FCEER) e reitor da Universidade de Vigo

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra

Fernando Brito Nogueira, presidente da Câmara municipal de Vila Nova da Cerveira

 

11:30 h  Inicio da sesión

               MESA: A ESTRATEXIA DE COOPERACIÓN DO RÍO MINHO TRANSFRONTERIZO 2030

Presenta e modera: Uxío Benítez, director do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Río Miño), deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra

“A participación dos actores territoriais no proceso estratéxico”

Relator: Manuel Rodríguez, técnico da FCCER

“A estratexia para o Río Minho Transfronteirizo 2030”

Relator: Valerià Paül, director do FCCER

 

12:30 h  Pausa para o café

 

13:00 h  Inicio da sesión

               MESA: PROPOSTAS DE FUTURO PARA O TERRITORIO TRANSFRONTEIRIZO DO MINHO

Presenta e modera: Fernando Brito Nogueira, vice-director AECT Río Miño, presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira

Relatores: 

    · Xavier Martínez Cobas (Universidade de Vigo)

                   · José Rio Fernandes (Universidade do Porto)

                   · Francisco Carballo Cruz (Universidade do Minho)

                   · Sandrina Antunes (Universidade do Minho)

 

13:15 h  Clausura

Xosé Lago García, Subdirector xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia

– Esther Silva, vicepresidenta da Comisão de Cooperação Desenvolvemento Região Norte (CCDR-N)

– Uxío Benítez, director da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra

Jose María Costa, presidente da CIM-Alto Minho

 

13:30 h  Brunch/Networking

 




A participación cidadá e a rotunda implicación dos axentes locais, protagonistas do I Fórum do Río Miño Transfronteirizo

O I Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrouse hoxe en Valença cunha participación cidadá histórica, reunindo a máis dun centenar de axentes sociais do territorio na Escola Superior de Ciências Empresariais  para debater as bases da que será a ‘Estratexia 2030’, que dará forma á cooperación transfronteiriza do territorio durante a próxima década. Representantes sociais de áreas tan diversas como a gobernanza, o turismo, a información, a mobilidade, a educación ou a integración social participaron en catro mesas de debate, que destacaron polo seu dinamismo e o número de intervencións, e que foron coordinadas por un equipo de expertas e expertos universitarios que puideron recoller as propostas, inquedanzas e ideas das persoas participantes.

Ao longo da xornada quedou manifesto o compromiso e implicación de todos os axentes sociais, económicos e culturais, así como das autoridades políticas, para seguir traballando nos próximos meses na elaboración da ‘Estratexia 2030’, un plan enmarcado dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, e que se presentará nun II Fórum Transfronteirizo a finais de 2018. A realización dun estudo e diagnose do territorio do río Miño transfronteirizo como espazo común espertou un palpable sentimento de entusiasmo entre as persoas asistentes.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa emoción porque “hoxe aquí estamos a impulsar unha idea que ten por obxectivos transformar dende o coñecemento, dende a intelixencia, dende propostas serias e rigorosas, o río Miño mediante un proxecto de desenvolvemento que ten como centro ás persoas que viven a ambos lados da súa ribeira”. Neste contexto, Silva puxo en valor o río como “elemento centralizador de dous grandes espazos territoriais que teñen inmensas potencialidades de futuro e que debemos construír conxuntamente”.

Na súa intervención, a presidenta provincial urxiu a elaborar proxectos para este territorio transfronteirizo “e facelo rápido, porque a nova programación de fondos europeos está xa aí e debemos ter voz na Unión Europea”.  Deste xeito, Carmela Silva destacou a necesidade de aproveitar o foro e o traballo conxunto “para definir unha estratexia que podamos defender a nivel autonómico, estatal e europeo para que os fondos Interreg, que foron recortados, se empreguen de xeito axeitado para promover proxectos nos territorios transfronteirizos”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra pediu un cambio de modelo e máis recursos para poñer en marcha actuacións no Norte de Portugal e Sur da provincia de Pontevedra.

Carmela Silva puxo en valor tamén o traballo desenvolvido polas presidentas e presidentes das Cámaras Municipais, e alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra “que durante tantos anos, e sen contar coa axuda de organismos intermedios e doutras administracións, loitaron para poñer en marcha proxectos transfronteirizos neste espazo”.  En concreto, a presidenta enxalzou o papel das administracións locais por ser “as que mellor coñecen as demandas, retos e desafíos dos seus territorios” e o papel que a nova AECT Río Miño vai desenvolver para “dar voz e defender os dereitos dos territorios transfronteirizos”.

Finalmente, a presidenta da Deputación tivo palabras de agradecemento para as persoas organizadoras do Foro por “promover un proxecto conxunto facendo partícipe á sociedade. A nova política é aquela que conta coa cidadanía para decidir cales son os proxectos de futuro, así que hoxe estou satisfeita e emocionada por ver que todas e todos estamos aportando coñecemento e comprometéndonos para que centren os ollos neste espazo que ten tanta potencialidade”.

 

Fondos europeos para os territorios transfronteirizos

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou a súa enorme satisfacción “non só pola gran acollida deste I Fórum, que xa se pode calificar de histórico, senón  tamén pola implicación e interese de todas as persoas asistentes, que quedou manifesto nas numerosas intervencións que se realizaron durante as mesas temáticas, nas que houbo a oportunidade de debater e aportar diferentes visións sobre as necesidades e retos do territorio.”

Benítez aproveitou a ocasión para poñer o acento tamén sobre a necesidade de que os fondos europeos cheguen aos territorios estritamente fronteirizos e lembrou que “as rexións transfronteirizas son as menos desenvolvidas socio economicamente xa que durante moitos anos existiron verdadeiras trabas para crecer da man dos nosos veciños e veciñas  da outra marxe do río, posto que as fronteiras nolo impedían. Precisamente para reverter estes desequilibrios naceron os fondos Interreg que perseguen compensar eses desequilibrios”. Por último, o deputado salientou que “a elaboración desta Estratexia 2030 garantirá a recuperación dos fondos europeos para o territorio transferonteirizo do Miño.

O I Fórum do Río Miño Transfroteirizo enmárcase nas accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

 

 




I FÓRUM DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO

Valença, 21 de xuño de 2018

Escola Superior de Ciências Empresariais-IPVC

 

Organizan: Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, Deputación de Pontevedra e Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais

Actividade encadrada no proxecto SMART MINHO-ESTRATEXIA DE COOPERACIÓN INTELIXENTE DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO, cofinanciado nun 75 % polo FEDER a través do POCTEP 2014-2020.

 

 

PROGRAMA

 

9:00 h    Recepción de participantes, recollida de credenciais e documentación

 

9:30 h    Inauguración e mesa de autoridades: “O futuro estratéxico do territorio do río Miño transfronteirizo”

Participantes:

– Jorge Mendes, presidente da Câmara Municipal de Valença

– Presidencia da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais

– M.ª del Carmen Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra

– José Maria Costa, presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho

 

10:00 h  Panel I. As bases da estratexia de cooperación do río Miño

Moderador: Uxío Benítez Fernández, deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño

“Análise territorial da incidencia dos proxectos Interreg no período 2007-2013 na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal”

Relator: Valerià Paül, director da FCEER

“Presentación do documento de base da estratexia”

Relator: Manuel Rodríguez, investigador da FCEER

 

10:45 h  Pausa para o café

 

11:15 h  Panel II. Mesas temáticas de debate sobre os principais eixes estratéxicos e obxectivos

                  · Mesa núm. 1: “Os sectores produtivos”

Relator: Francisco Carballo Cruz (Universidade do Minho) e Xavier Martínez Cobas (Universidade de Vigo)

                   · Mesa núm. 2: “A gobernanza no territorio transfronteirizo”

Relatora: Sandrina Antunes (Universidade do Minho)

                  · Mesa núm. 3: “A mobilidade, os servizos e o turismo sustentable”

Relator: Rubén C. Lois (Universidade de Santiago de Compostela)

                   · Mesa núm. 4: “Cultura e comercio tradicional”

Relator: José Rio Fernandes (Universidade do Porto)

 

12:45 h  Exposición das conclusións provisionais por parte dos relatores do equipo científico

Moderador: Fernando Brito Nogueira, presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira e vicedirector da AECT Río Miño

 

13:15 h  Clausura

Representante da Presidencia da Xunta de Galicia*
Representante da Presidencia da CCDR-N*

(*a confirmar)

 

13:30 h  Brunch/Networking