Os ‘Concertos no Río Miño’, preámbulo do IKFEM 2019, ofrecerán catro actuacións de alto nivel con propostas para todos os públicos

Grazas a esta iniciativa do
AECT Río Miño o festival crece con catro concertos nas eurocidades Tomiño –
Cerveira e Tui – Valença

A organización europea destinou un total de 15.000 euros para a dinamización desta experiencia cultural, como parte da acción 2 do proxecto Smart Minho

A
VII edición do IKFEM 2019, festival de música de teclado da Eurocidade Tui –
Valença, terá como preámbulo os ‘Concertos no Río Miño, unha iniciativa do AECT
Rio Minho a través do proxecto Smart Minho, que completará o programa do
festival con catro actuacións de artistas de Galiza e Portugal. Os concertos
terán lugar en enclaves senlleiros das eurocidades Tui – Valença e Tomiño –
Cerveira e ofrecerá un cartel con propostas para todos os públicos.

`IKFEM
-Concertos no Rio Miño’ será unha extensión do propio evento e celebrarase do
14 ao 16 de xullo nos concellos de Tomiño, Vila Nova de Cerveira, Tui e
Valença. O público poderá gozar dunha programación variada en estilos musicais,
con artistas de altísima calidade de Galicia e Portugal, e con propostas dirixidas
a todo tipo de públicos. Os espazos dos concertos serán emprazamentos
exteriores na contorna do Rio Miño: Centro Interfederado, do club de remo de
Tui; a fortaleza de Valença con vistas ao Rio Minho; os xardíns do Aquamuseu de
Cerveira, e o Espazo Fortaleza de Tomiño.

A
colaboración do AECT Rio Minho co IKFEM para esta actividade ascende a un total
de 15.000 euros. Esta axuda está enmarcada na actividade 2 do proxecto de cooperación
europea Smart Minho, destinada á dinamización de experiencias culturais
conxuntas entre as dúas marxes do río.

O
pasado mes de maio, o agrupamento xa colaborou co Encontro de Tocadores `Entre
Margens’, cunha financiación similar destinada á programación artística. Grazas
a esa achega de 15.000 euros,  ‘Entre
Margens’ viu consolidada a súa oferta musical e incluíu por primeira vez ao
concello da Guarda dentro da súa programación.

Concertos no Río Minho

O
programa dos Concertos no Río Minho, patrocinado polo AECT, inclúe os seguintes
concertos:

O domingo 14 en Tomiño, no espazo Fortaleza, ás 21.30
horas (hora galega), haberá un concerto de Mini Mozart, destinado ao público
infantil. As aventuras de Mozart e da súa irmá María Anna marcan o percorrido
pola música do xenio austríaco.

Ese mesmo día, na veciña Cerveira, nos Jardins do
Aquamuseu do Rio Minho  ás 23.oo (hora galega),
os músicos Susana Seivane, Abe Rábade e Víctor Prieto presentarán a súa
colaboración conxunta que leva por nome “Voar a seis mans”. Mesturaranse
composicións orixinais dos tres autores, música tradicional galega e
adaptacións de tres grandes autores suramericanos: Tom Jobim, Astor Piazzolla e
Egberto Gismonti.

O luns 15 de xullo, no Centro Interfederado (Club de
Remo) de Tui, ás 21.oo horas (hora galega), actuará o galego Davide Salvado co
seu espectáculo “Amarelo”, no que reinterpreta a xeito contemporáneo cancións
tradicionais galegas e doutras partes do mundo.

Xa o martes 16, en 
Valença do Minho, no Largo Visconde Guarativa (Fortaleza) ás 21.00 (hora
galega) será o Mineus Dúo quen mesturará as músicas de ambas as dúas beiras do
río Miño, co programa que leva por título: “Atravessando o Minho: canções da
Galiza e Portugal”. O tenor Jorge Prego, xunto con Miguel Campinho ao piano,
farán un percorrido musical polo Portugal e a Galicia dos últimos 200 anos a
través da canción lírica, como exemplo da cultura transfronteiriza do
territorio.

Smart Minho

Xunto
co AETC Rio Minho, son socios do proxecto europeo de cooperación
transfronteiriza Smart Minho, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho e a
Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart
Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento
Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP)
2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.




Smart Minho promove encontros entre técnicos culturais municipais para facer da promoción e creatividade cultural un dos atractivos do territorio do Río Miño

A axenda de traballo iniciouse cunha primeira reunión en Tui con técnicos municipais de cultura galegos. O obxectivo é a organización dunha actividade cultural singularizada que poña en valor o territorio do río Miño.

 

Técnicos do proxecto Smart Minho, liderado pola Deputación de Pontevedra, mantiveron esta semana unha reunión de traballo con técnicos de municipios galegos no que supuxo o punto de partida dun proceso de reflexión sobre a cultura transfronteiriza, que ten por obxecto promover a organización dunha actividade cultural singularizada que valorice o territorio do rio Minho.

A axenda de traballo iniciouse con esta reunión, que tivo lugar en Tui, e continuará ao longo dos próximos meses con reunións en Portugal con técnicos de cultura dos municipios lusos e, finalmente, con encontros conxuntos.

Este proceso de reflexión parte do convencemento de que é preciso aproveitar as sinerxías e o potencial creativo existente en ambas as marxes do Río Miño Transfronteirizo (Festival da Poesía do Condado en Salvaterra, Festival de Cans en Porriño, PLAY DOC e IKFEM en Tui, Paredes de Coura, Bienal de Escultura de Tomiño e Vilanova da Cerveira, etc.).

Esta iniciativa desenvólvese no marco da actividade de dinamización de experiencias culturais conxuntas para achegar aos axentes territoriais e involucrar ás poboacións nos procesos de cooperación do proxecto Estratexia de Cooperación Intelixente Rio Minho Transfronteirizo, Smart Minho.

Os obxectivos desta acción son achegar aos axentes territoriais que se moven no campo da cultura, dinamizar redes de traballo conxunto no campo cultural, e facer unha reflexión colectiva sobre as potencialidades da cultura eurorrexional como elemento diferenciador do territorio.

Expertos en industrias culturais, valor cultural e cultura compartida da Eurorrexión de Galicia e Norte de Portugal, asociacións, empresas, artistas e axentes culturais do territorio; representantes de proxectos relevantes doutras rexións europeas e representantes de organismos públicos configurarán os actores clave a mobilizar nos próximos meses.

 

Smart Minho

 

O proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Miño, está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.