Xunta e CIM Alto Minho comprométense a traballar na mellora das liñas de transporte transfronteirizas

As principais medidas serían a ampliación das liñas de autobuses comarcais e a coordinación de horarios e paradas

O AECT Rio
Minho vén de manter unha reunión con representantes dos gobernos galego e
portugués dentro da convocatoria de encontros impulsada pola iniciativa europea
B-Solutions, que ten por obxectivo superar os atrancos legais e administrativos
que afectan á mobilidade entre os dous países, na que tamén estivo presente a
experta xurídica asignada pola Comisión Europea, María Gamayo.

No encontro
participaron o director Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Ignacio
Maestro; o subdirector Xeral de Ordenación do Transporte, Antón García Río; representantes
da CIM Alto Minho e da Autoridade de Mobilidade e Transporte de Portugal así
como o subdirector de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza, Xosé Lago
García e o coordenador de Cooperación do CCDR-N, Nuno Almeida.

O principal
acordo acadado na xuntanza foi o compromiso de traballar conxuntamente na
extensión das liñas de transporte públicas procedentes de Vigo e Viana do
Castelo até concellos da fronteira como Valença e Vigo, respectivamente. Así
mesmo, tamén se viu a necesidade da coordinación de horarios e paradas entre os
concellos de Monçao e Salvaterra, Cerveira e Tomiño e Valença e Tui, de xeito
que unha liña que por exemplo chega a Monçao poida coordinarse cunha que saia
dende Salvaterra.

O proxecto
Boosting Minho River Cross – Border Mobility, depende da convocatoria da
Comisión Europea B- Solutions, unha iniciativa destinada a solventar as
barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en
áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación
institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas. O AECT Rio
Minho foi unha das 20 entidades europeas que recibiu esta subvención que consta
dun orzamento de 25.000 €.