27 Feb Valença acolle un novo obradoiro de participación cidadá para o deseño do Plan de Mobilidade Transfronteiriza
A convocatoria está dirixida a todas as persoas e colectivos interesados da contorna, especialmente asociacións de veciñanza, ecoloxismo, comercio, consumo, centros educativos e mobilidade reducida
Así mesmo, ponse a disposición unha enquisa online
Valença acollerá este xoves un novo obradoiro de participación cidadá para o deseño do Plan de mobilidade sustentable do río Miño Transfronteirizo, financiado polo proxecto europeo Smart Miño, que lidera a Deputación de Pontevedra. Durante a celebración do encontro, os colectivos e persoas participantes poderán achegar as súas propostas así como expor as problemáticas actuais en materia de mobilidade ás que se debe facer fronte no territorio.
O obradoiro terá unha duración aproximada de unha hora e media e celebrarase na sede da AECT Río Miño, sita na Avenida Miguel Dantas, 69, en Valença, ás 15:30 horas (horario portugués).
Este segundo obradoiro, despois do realizado en As Neves a pasada semana e no que participaron preto de 20 colectivos, está dirixido á veciñanza e entidades do Baixo Miño, Porriño, Salceda de Caselas, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Viana do Castelo, Paredes de Coura e Ponte de Lima.
Esta cita coa cidadanía está especialmente pensada para a participación de asociacións de veciñanza, ecoloxismo, comercio, consumo, centros educativos, diversidade funcional e colectivos con mobilidade reducida, así como todos aqueles axentes do tecido económico e social afectados pola mobilidade no territorio.
Aquelas persoas que non poidan asistir ao obradoiro poderán participar cubrindo de xeito sinxelo unha enquisa online premendo aquí.
Plan de Mobilidade
O PMST é unha das principais accións do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, que busca planificar un modelo de mobilidade e accesibilidade, entre as eurocidades do Minho, orientado á mellora da calidade de vida das persoas, a seguridade vial e respectuoso co medio ambiente. Para tal finalidade, é imprescindible contar coa participación de todas as institucións e axentes implicados no territorio para poder compartir opinións e suxestións sobre mobilidade neste espazo compartido.
O estudo abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses, e a unha poboación de ao redor de 376.000. Unha vez recompilada e analizada toda a información obtida a través das enquisas e obradoiros, poderanse extraer as primeiras conclusións e establecer unha visión global do conxunto da mobilidade na área do río Miño transfronteirizo, cunha proposta de accións piloto lista para desenvolver no inmediato.
O plan de mobilidade sustentable do río Miño transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.