1

O AECT Rio Minho fai frente conxunto contra unha posible mina de litio na Serra d’Arga en Portugal

O AECT Río Minho vén de posicionarse claramente en contra do aproveitamento por parte do goberno portugués dunha posible mina de litio na Serra da Arga, no territorio do Alto Miño luso. Así o manifestou o deputado e vicedirector do agrupamento, Uxío Benítez, logo de manter un encontro co Movemento SOS Serra d’Arga.

Benítez destacou que o AECT vai artellar un posicionamento transfronteirizo conxunto, xa que os recursos da zona, aínda estando en territorio administrativo portugués, son comúns ao Baixo Miño galego. “Estaremos vixiantes ante as posibles afeccións no río, no territorio, nos recursos naturais da zona e na calidade da auga. Antes o Miño era un lugar que parecía que non era de ninguén, nin o defendían dun lado nin doutro, pero agora existe o AECT e imos defendelo conxuntamente os concellos galegos e as cámaras portuguesas”, subliñou.

Facendo súas as palabras do director e presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira Fernando Nogueira, Benítez subliñou que “non hai fronteiras na protección do medio ambiente na defensa dun patrimonio común que é o río Miño”. Afirmou que os problemas ambientais que afectan ao río son comúns no Alto Minho portugués e no Baixo Miño galego e que “sobre a mesa hai unha causa xusta, porque a defensa da Serra d’Arga xunto coa veciñanza portuguesa é a defensa do patrimonio común do Val do Miño ”.

A directiva reuniuse co movemento SOS Serra d’Arga e subliñou que estará vixiante ante as posibles afeccións ao río e ao territorio

Estas declaracións foron realizadas logo de manter un encontro co Movemento SOS Serra d’Argaen Vila Nova de Cerveira, no que o colectivo ambientalista solicitou a intervención do AECT na sensibilización de alcaldes e movementos asociativos a favor dunha defensa consensuada do territorio común da Serra d’Arga, no ámbito do proceso de minería de litio.

Enmarcado no conxunto de reunións mantidas cos concellos do Alto Minho que integran o perímetro da Serra d’Arga, este encontro transfronteirizo buscou potenciar a importancia da conca do río Minho. Non obstante, desde agosto, o Movemento SOS Serra d’Arga promove tamén contactos directos con diversas asociacións galegas, co fin de esbozar accións de sensibilización e chamamento popular á implicación nunha causa común.

A representante do Movemento SOS Serra d’Arga, Ludovina Sousa, reafirmou que “co río Minho como enlace, este encontro tiña como obxectivo sensibilizar á entidade transfronteiriza sobre os posibles e prexudiciais impactos nas augas internacionais do río Miño, se o o proxecto mineiro do goberno portugués ten lugar nesta rexión do Alto Miño ”.

O deputado Uxío Benítez destaca que o AECT defenderá un posicionamento transfronteirizo xa que os recursos da zona son conxuntos ao Baixo Miño galego e o Alto Miño portugués

Ao remate da reunión, a AECT Río Minho comprometeuse a tomar unha posición de consenso coas xa coñecidas por todos os alcaldes de ambas as beiras do río e das asociacións para a defensa do medio ambiente respecto á mina de litio, plasmado en iniciativas conxuntas coa participación da cidadanía.

É preciso lembrar que nestes momentos está en marcha a creación da Área de Paisaxe Rexional Protexida Serra d’Arga, aprobada polos catro concellos portugueses (Vila Nova de Cerveira, Caminha, Viana do Castelo e Ponte de Lima), sendo o seguinte paso a constitución dunha asociación de municipios con fins específicos para garantir a súa xestión. Este proxecto contribuirá á conservación da natureza e da biodiversidade presente nos montes e, polo tanto, no noroeste peninsular, coa perspectiva de promover condicións que permitan o desenvolvemento socioeconómico sostible da zona, con beneficios para as comunidades locais e a exploración. dende o punto de vista do turismo, a educación e a sensibilización ambiental.