1

O AECT Río Miño crea o mapa COVIDMiño interactivo para informar de maneira conxunta da evolución da Covid-19 nos concellos transfronteirizos

Mentres a situación dos pasos na fronteira segue sen solucionarse, o AECT Río Miño vén de habilitar na súa web smartminho.eu un mapa COVIDMiño interactivo, que permitirá á cidadanía coñecer de maneira conxunta a evolución da pandemia nos 26 municipios galegos e portugueses que forman parte do territorio miñoto. Esta ferramenta inclúe a situación epidemiolóxica de cada un dos concellos (número de casos novos diagnosticados e incidencia acumulada, entre outros), así como información útil para combater a propagación da enfermidade e as medidas que os respectivos gobernos aplican en ambos lados da fronteira.

A novidade do mapa COVIDMiño interactivo, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, radica en que ofrece os datos do territorio miñoto nunha mesma web en lugar de ter que consultar as diferentes páxinas de información sanitaria galega e portuguesa. Ademais, tamén permite comparar de maneira intuitiva as situacións epidemiolóxicas en ambas ribeiras, xa que aplica unha mesma escala de cores ás incidencias acumuladasde cada municipio fronte aos diferentes parámetros utilizados na Galiza (que só aplica unha cor encarnada forte por encima dos 250 casos sen máis gradación) e en Portugal. Pasando o rato por cada concello despréganse máis datos referidos a cada municipio.

O mapa COVIDMiño interactivo permite comparar de maneira intuitiva a incidencia do virus en ambas marxes do río cunha escala de cores propia fronte aos diferentes parámetros utilizados en Galiza e Portugal

Este mapa xurde nun momento no que a poboación precisa de información veraz sobre a complicada situación provocada ante o espallamento do virus e sobre as distintas medidas que se están a aplicar a ambos lados da raia. Segundo destaca Uxío Benítez, o COVIDMiño pretende facilitar o coñecemento e datos veraces da pandemia a toda a cidadanía que ten que moverse no territorio miñoto ben por cuestións laborais ou familiares. “Precísase información unificada”, dixo.

No día de hoxe, a incidencia acumulada máis baixa é a do concello de Arbo (menor de 240), seguida por A Guarda e O Rosal (entre 240 e 480), continuada por Covelo, Ponteareas, Salvaterra, Salceda, Porriño, Tomiño, Oia, Tui, As Neves, Viana e Ponte da Barca (con entre 480 e 960), e finalmente en situación extrema (máis de 960 casos por 100.000 habitantes) por Covelo, A Cañiza, Crecente, Melgaço, Monçao, Valença, Vila Nova de Cerveira, Caminha, P. Coura, Arcos de Valdevez, e Ponte de Lima.

Sempre en base a fontes oficiais Sergas e Unidade Local de Saúde do Alto Minho (ULSAM), mapa COVIDMiño interactivo achega tamén as diferentes medidas decretadas polos respectivos gobernos sobre cuestións como a mobilidade laboral e peches perimetrais, réxime de apertura de hostalaría e restauración, educación e situación escolar, comercio e outras consideracións socio-sanitarias co obxecto de manter informada ás persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río.

Recapacitación e apertura dos pasos fronteira

O vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou hoxe que os concellos pertencentes ao agrupamento seguen “expectantes” e “vixiantes” ante o que suceda nos próximos días sobre a solicitude de apertura de todos os pasos da fronteira.

O nacionalista subliñou que polo momento a única novidade foi o que saíu hoxe publicado no BOE, unha prórroga ata o un de marzo do peche de fronteiras, cuestión “que nós xa pensabamos que ía acontecer pola información que tiñamos”. Destacou que en Portugal aínda non se publicou oficialmente aínda que se fará de maneira próxima.

Os concellos da raia seguen “á expectativa” de que se anuncie a apertura da totalidade dos pasos na fronteira para persoas traballadoras

“O que nos consta é que os gobernos están negociando para ver que pasos fronteirizos van manter para o paso das persoas traballadoras. Nese sentido nós queremos ser optimistas e entendemos que as nosas reclamacións e as nosas protestas tiveron eco sobre todo no lugar onde eran máis reacios, no goberno portugués, polas declaracións do ministro de Administración Interna. Entendemos e agardamos que vai haber unha recapacitación na decisión tomada hai 15 días” e a apertura de máis pasos transfronteirizos, dixo Benítez, quen salientou que de non acontecer así alcaldes e alcaldesas e presidentes de cámara do territorio miñoto volverán reunirse e tomarán medidas ao respecto.




Os concellos da Raia instan a Madrid e Lisboa e á Xunta á “reapertura urxente”de todos os pasos da fronteira para persoas traballadoras nun comunicado oficial

O AECT Rio Miño e os alcaldes e alcaldesas portugueses e da provincia de Pontevedra aprobaron onte nunha reunión extraordinaria convocada polo peche da fronteira de Portugal un comunicado que trasladarán aos Gobernos centrais de Madrid e Lisboa e á Xunta de Galicia para reclamar a reapertura urxente de todos os pasos para as persoas traballadoras cos controis necesarios.

No encontro participaron os  alcaldes e alcaldesas do Agrupamento máis próximos á raia  (Cerveira, Arcos de Valdedez, Camninha, Melgaço, Monçao, Ponte da Barca, Valença, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda, Salvaterra, As Neves, Arbo, A Cañiza, e Ponteareas). Todos eles asinaron o documento e, segundo explica vicedirector do AECT e tamén deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, manifestaron a súa vontade de colaborar cos estados no que fose necesario mais advertiron que “se non se nos comprende, se non se nos atende como pasou a última vez en xuño, cando ao final se conseguiu abrir o resto dos pasos, emprenderemos mobilizacións porque entendemos que é algo xusto”.

Fala de “desgaste físico e psicolóxico” para o persoal laboral transfronteirizo e de alto impacto no profesional e económico

Benítez explica que a indignación é xeralizada e o consenso é absoluto para reivindicar a apertura de máis pasos transfronteirizos para as persoas traballadoras. “(Madrid e Lisboa) Teñen que  entender a importancia da fronteira do Miño e visibilizar que o que está creando deixar un só pasona ponte Tui-Valença é un funil, creando filas quilométricas e trasladando o custe á cidadanía, gastando combustible e tempo nunha situación económica tan complexa”, insistiu o nacionalista.

Benítez  afirma que as e os traballadores transfronteirizos, arredor duns 6.000 segundo os cálculos do AECT, viven unha situación “de desgaste físico e psicolóxico debido ás filas interminables e aos rodeos, cun impacto no día a día persoal e profesional, non tendo o mesmo rendimento produtivo”.

O 44% do tráfico de toda a fronteira no primeiro confinamento

No comunicado que se trasladará oficialmente aos gobernos centrais e á Xunta, sublíñase que durante o periodo do primeiro confiamento pola pandemia, a ponte internacional de Tui-Valença–a única aberta no territorio miñoto- concentrou preto do 44% do total da mobilidade entre España e Portugal, motivo que fixo que ámbolos dous estados recoñeceran a situación e, finalmente, reabriran as pontes de Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço.  “Neste segundo momento de peche de fronteiras é completamente incomprensible non ter esta realidade en conta -insiste Benítez- e volver caer no erro inicial”.

Insisten os concellos en que segundo os datos do Observatorio Transfronteirizo España-Portugal de 2019 (antes da COVID), dos 60 pasos existentes entre ambos países, os de Tui-Valença, Tomiño –Cerveira e Salvaterra-Monçao estaban xa entre os cinco con maiorfluxo de tráfico transfronteirizo, sumando máis do 55% do total entre Portugal e España, mesmo non habendo datos oficiais sobre a ponte internacional de Arbo.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez tende a man aos estados para colaborar máis e advirte de mobilizacións para conseguir “o xusto”

O texto asinado polos concellos destaca tamén que os horarios de apertura parcial estipulados para Salvaterra e Monçao tampouco son útiles para o persoal laboral de ámbolos lados da fronteira, xa que traballan en turnos diferenciados, polo que se apela aos gobernos a habilitar en todos os pasos horarios verdadeiramente axeitados ás súas necesidades.

Finalmente, as alcaldesas e os alcaldes volven reivindicar aos gobernos español, portugués e galego a creación da tarxeta cidadá transfronteiriza para estas rexións de fronteira, así como a implementación dunha Intervención Territorial Integrada (ITI) para que o territorio do Miño sexa compensado con fondos europeos “por este segundo e duro golpe socioeconómico”.