1

Smart Minho promoverá a recuperación do patrimonio inmaterial galego-portugués a través da iniciativa ‘O Miño: un río de tesouros’

O traballo realizarase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… Nas Ondas, consultora acreditada pola UNESCO, con 20 anos de experiencia

 

A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Smart Minho, vén de poñer en marcha a iniciativa ‘O Miño: un río de tesouros’, un traballo de recuperación da memoria cultural galego- portuguesa no territorio do val do río Miño. A acción ten por obxectivo poñer en valor o patrimonio inmaterial transfronteirizo, así como garantir a súa transmisión ás novas xeracións. O estudo realizarase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, unha das 176 entidades acreditadas en todo o mundo pola UNESCO como consultora, a única en Galiza, con máis de 20 anos de experiencia no estudo do patrimonio inmaterial transfronteirizo.

A pesar da fronteira política que durante séculos separou ao Val do Miño en dous estados, a poboación do territorio seguiu compartindo unha cultura común que se transmitiu de forma oral, xeración tras xeración ata os nosos días, e que constitúe parte da identidade propia deste territorio. Algúns destes coñecementos e sabedorías atópanse a día de hoxe en perigo de desaparecer e seguen vivos unicamente a través de persoas, normalmente de avanzada idade, que son capaces de recordalos e recrealos e por esta razón supoñen un referente para a comunidade, os chamados ‘tesouros humanos vivos’.

O traballo de campo consistirá precisamente en entrevistas persoais con cada un dos tesouros humanos vivos identificados. Dos arredor de 15 casos que serán estudados, a maioría deles supera os 70 anos, nun dos casos chegando ata os 99, e cada un deles conta con coñecementos pertencentes a un ámbito diferente do patrimonio inmaterial. O proxecto inclúe, así mesmo, a creación dunha base de datos que recompile toda esta información e a realización dun documental, que achegue dunha forma máis visual este traballo ás persoas máis novas e á poboación en xeral.

O patrimonio inmaterial galego – portugués

O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués comprende principalmente cinco ámbitos: as tradicións e expresións orais, como serían os contos, as lendas, as cantigas ou as regueifas;  as artes do espectáculo que inclúen por exemplo a danza, a música ou as marionetas; os usos sociais, rituais e actos festivos, que fai referencia  a cuestións tan diversas como as romarías, as máscaras tradicionais, os ranchos de reis, os maios ou os deportes tradicionais; os coñecementos relacionados coa natureza e o universo, onde encaixaría a medicina natural ou a gastronomía; e as técnicas artesanais tradicionais, no que se inclúen as artes pesqueiras ou a olería entre moitas outras.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! desenvolve dende 2009 a súa actividade de recuperación da cultural inmaterial a través do recoñecemento de ‘tesouros humanos vivos’ en todo o territorio transfronteirizo, realizando este labor de xeito ininterrompido dende a súa fundación. O seu traballo de recuperación do patrimonio inmaterial a través desta metodoloxía establecida pola UNESCO foi premiada en varias ocasión por entidades nacionais e internacionais.

Smart Minho é un proxecto da Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Miño (AECT Río Miño), cofinanciado ao 75% por fondos FEDER.